Un ‘Mes das Letras’ con corais, folclore e literatura en Moaña

Os actos arredor do galego terán o seu colofón o domingo 26, coa feira Arte na Illa, que organiza Meiramar-Axóuxeres

Integrantes da AC Salgharitas e do Concello na presentación da súa verbena do día 11.

Integrantes da AC Salgharitas e do Concello na presentación da súa verbena do día 11. / GONZALO NÚÑEZ

Os colectivos de Moaña e o Concello dan forma a unha programación polas Letras Galegas que contará con actividades durante un mes. Terá varios momentos álxidos como o serán con todas as agrupacións folclóricas da vila, o xoves 16, no adro da igrexa de San Martiño. Todas as corais actuarán nun festival con dous días de duración e que será o 18 e o 19. Sucederánse as presentacións de libros e a sempre concurrida feira Arte na Illa de Meira pechará a programación do mes de maio o domingo 26 cunha xornada enteira de postos de venta e actividades.

O Concello de Moaña e os colectivos da vila únense para poñer en marcha o programa máis ambicioso polo Día das Letras Galegas, adicada este ano á poetisa coruñesa Luísa Villalta, ata o punto de que haberá un mes de programación incluíndo un serán no adro da igrexa de San Martiño, un festival en Domaio, dúas tardes de música coral ou a popular feira Arte na Illa.

As actividades comezan hoxe mesmo coa presentación, no salón de plenos ás 20.00 horas, do poemario “Soños de luz e esperanza”, do poeta e pintor Amable Santos. Será no salón de plenos. O libro recompila, entre outras pezas, os poemas que Santos recitou nas protestas semanais pola atención primaria de Moaña.

A programación retómase o venres 10 ás 20.00 horas, coa conferencia da xornalista Montse Dopico sobre a propia Luísa Villalta. A xornalista é autora da biografía “Abonda con vivir. Luisa Villalta” de Ed. Xerais.

Ao día seguinte, o sábado 1, o palco da música da Alameda acollerá a II Verbena Salgharitas, que pecharán as integrantes da AC Salgharitas despois de que actúe a Banda de Música Unión de Guláns, as Pandereteiras Alxibeiras de Areas e os Pandereteiros Afoutos de Oliveira. Trátase dun espectáculo inspirado nas verbenas dos anos 40, que replica tanto a vestimenta como a decoración da contorna de entón. Os diferentes grupos do colectivo organizador, dirixidos por Sandra Diéguez, interpretarán un repertorio de cancións populares e baile tradicional.

O xoves 17, véspera do propio Día das Letras, a actividade trasládase cara o adro baixo da igexa románica de San Martiño. As actividades comezarán cun Rechouchío para público infantil con Cé Orquestra Pantasma, que porá en escena o seu espectáculo “O xogueteiro”. No mesmo espazo o Serán das Letras comezará ás 21.00 horas. Participarán Gaiteiros de Moaña, as Cantareiras Arco da Vella e as agrupacións folclóricas Charaviscas, Solaina, Breogán, Salgharitas e Meiramar-Axóuxeres.

A xornalista Montse Dopico falará sobre a autora homenaxeada, Luísa Villalta

O venres 17, o propio día festivo, no centro Rosalía de Castro de Domaio Charaviscas protagonizará unha tarde de música, baile e teatro e tamén tocará a Airiños Jazz Band. Nesa mesma xornada os Xardíns do Concello transformaránse nun cinema ao aire libre coa proxección da película “O Corno”.

A literatura volta a tomar protagonismo o sábado 18 pois Xavier Ríos presenta no salón de plenos o libro “Fronteiras Habitadas”, ás 13.00 horas. Pola tarde, no alto da praza de abastos, terá lugar a primera das dúas xornadas do Festival Coral. Nesta ocasión actúan o Coro Chorima, Cantareiras Arco da Vella, a Coral San Pedro de Domaio, Vento Mareiro Forza 5 e Lembranzas Moañesas. O domingo 19 actúan as outras corais da vila: Coro Nosa Señora do Carme, Coro Crescendo, Orfeón de Moaña, Coro Samertolaméu, Masa Coral Moañesa e Coro Ondas da Ría.

O xoves 23 Serafín Parcero presenta o seu libro “As tres vidas e as catro mortes de Roberto Seone”, en colaboración coa Agrupación Cultural Nós. O colofón será, o domingo 26, a feira Arte na Illa no parque de Samertolaméu con postos e actividades durante todo o día.