Tribuna Libre

Petróglifos de armas na ribeira norte da badía de Aldán

Unha composición con algúns dos achados.

Unha composición con algúns dos achados. / Antonio Piñeiro

Antonio Piñeiro*

Aparécenme ao chou, prodixio asimilábel a unha reserva de intuición. Do teor segundos no Morrazo. Con todo primeiros e inéditos en Bon (Stª Mª de Beluso), onde polos asomos da area epónima logrei exhumalos dun baldío “escombrera” sen xestionar. Representan, cunha feitura esquemática, sete alabardas -quizais máis- do tipo Carrapata; todas co cabo. Unha pousada claudicante, ergueitas en posición de ataque as demais. Están a ser as únicas litorais entre as case 70 constatables no país. Amosan detalles excepcionais: mastro de 1,30 mts., raspado, superposición de follas -de cobre as auténticas, malia seren elaboradas nos albores da Idade do Bronce-… Foron labradas fai uns 4.000 anos, irrompendo intimidatorias en dúas pedras selectas que cremos rituais congregativas, de vello adobiadas cun elenco de 96 coviñas polimorfas mailo esbozo perimetral doutra deseñándose -motivo extraordinario-, 3 pediformes calzados e riscos simples inconclusos. A súa significación é máxima: corroboran a poderosa presencia dunha caste de guerreiros primixenios, prestixiándose fachendosos á vez que remarcando o territorio coa primacía do seu incipiente “arsenal”; alertando de eles dominantes estaren dispostos a defender con ímpeto o privilexio das súas paraxes vizosas, estas mesmas que hoxe desconfiguradas de encono habitamos.

Xurde arrentes un soporte novidoso, que a pouco descolmar presáxianos outro cento de insculturas. De confirmáremolas seriamos testigos dun frenesí gravador inusitado, habéndonos deter fronte a maior concentración coñecida de coviñas con alabardas agregadas. Tan espléndido e suxestivo xacemento, dunha intensidade simbólica abraiante, será exhaustivamente descrito nun modesto traballo de fin de grao, integrado en parte por canta impronta prehistórica viñemos iluminando durante o cuadrienio. Incluirémoslle a acabada de atopar terceira estación rupestre con equipa inmóbil de moenda en interior, de contra o IV milenio de a.d.p., tamén bonense en outeiro de ninguén. Sen parangón cuantitativo en aldea algunha e ignota antes de apercibíremola.

Outra composición con máis achados.

Outra composición con máis achados. / Antonio Piñeiro

O carácter singular destas manifestacións, cunhas cronoloxías turbadoras, suscita enorme curiosidade intelectual asemade un afán de preservación ineludíbel. Elas enchen libros gordos, centran simposios semanais, comparten salas nos mellores museos de medio mundo… E axudan a comer, son progreso. Se os houber pola parroquia de San Martiño ¿serían estes emblemas así desleixados, irían eles ocupar portada e contraportada dos penosos folletos turísticos ou ficarían a expensas dun concursiño de ideas?… A estrambótica cámara municipal - irrecoñecíbel, a vida é moi dura- permanece allea á celebración; sen a banda detractora furar, que o verbo fluído -hai alcalde- hase esgotar e a fichaxe estelar cala. Arelamos de recuperar sensacións. En absoluto nolas garante a disque sólida formación do presunto responsábel patrimonial. En lle entrando a maiola, Sr. Moital, propóñolle unhas escapadiñas ben gratificantes a lugares con encanto: saia ao rescate do impreso na Las de Lagho, ou na Sarabia do Mar (Escadiña non), ou na Pedra dos Bólos. Estaban por camiños de rodas. ¿Sabe chegar, a que si? Tome notas, móntelle película antes mais despois e arquive. Se obtivere resultados comuníquellos á Autoridade. E mire se o seu xefe lle pode botar unha man, non sen iñantes contárelle da muda de plans, pois el, en sesión distinta á aqueloutra memorábel das ocultacións o 6-7-23 (Pleno do Chasco e das Trolasbolas, secasí), ten confesado non ler os xornais, nos que si se retrata a cotío. Porén afréscanos o polo de agora brío da competente en Cultura, con ela talento. É a lista, solista se noutra orquestra; a que nunca se ri mentres traballa e dá xenio ver. Non basta. Parabéns así e todo, Dna. Carme. A vd. unha encomenda: urxa convenzer aos seus de trocaren en devoción tanta aversión; mesmo propagada ao supremo institucional en materia.

¿Cómo se atreven? ¿Quen sabe logo xa se o extra-castigo ao Santo Cristo da Roxa non obedece a causas distintas? Porque ao Sr. concelleiro doutor algúns terían que achuchalo a bicos, após seu alarde -vixente- de paciencia e transixencia: catálogo bens PXOM 2017 Bueu -chambonada sen modificar asinada con amplos sorrisos-, Xefra. T. Consellaría C. e T. expd. 12/20… ¡Canto se te bota xa de menos Camilo, canto!

Somos os de máis a popa. As superficies descubertas xacen enfermas e coas percusións disuasorias moi luídas; claman de protección e fotogrametría. Pero baten contra de adversidade cernuda, inverosímil: a evasión indolente dunha clase política como sumíndose na delonga, anomalía tolerada polas colectivos locais identitarios. Un desinterese mórbido, delirante, anacrónico. Quédanos o Ensino, a ver… Sen educación desgobérnase.

De amor e desamor á Terra estivemos a escribir. Para que a desgraza non nos cubra

*Veciño de Beluso

Suscríbete para seguir leyendo