O millo corvo volve como unha tradición con moito futuro

A aldea de Meiro celebra entre o 14 e 16 de abril o seu encontro-degustación

A presentación do Encontro-Degustación do Millo Corvo, onte no salón de plenos de Bueu.   | // S.ÁLVAREZ

A presentación do Encontro-Degustación do Millo Corvo, onte no salón de plenos de Bueu. | // S.ÁLVAREZ / david garcía

A Asociación Cultural Meiro e o Concello de Bueu presentaron onte o XXIII Encontro-Degustación do Millo Corvo, que volverá a combinar a gastronomía, con degustacións, charlas divulgativas, actuacións musicais e a tradicional muíñada. Este ano a festa será despois da Semana Santa, entre o 14 e 16 de abril.

A aldea de Meiro, en Bueu, volverá a ser un escenario no que se xunten a tradición e a modernidade. Do 14 ao 16 de abril celébrase o XXIII Encontro-Degustación do Millo Corvo, unha festa ao redor da tradición e dun produto senlleiro como este millo de intensa cor negra. Unha tradición que ten moito futuro por diante porque segue a procura doutras experiencias e proxectos vencellados coa terra.

A presentación oficial foi onte no salón de plenos do Concello de Bueu, coa presenza do alcalde, Félix Juncal; a concelleira de Promoción Económica, Silvia Carballo; e representantes da Asociación Cultural Meiro, coa súa presidenta Victoria Martínez. O encontro ao redor do millo corvo foi o primeiro evento de Bueu que logrou a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia e a concelleira Silvia Carballo destacou o “enorme traballo da Asociación Cultural Meiro, tanto na festa como ao longo de todo o ano coa recuperación do millo corvo”.

A presidenta da asociación encargábase de lembrar que, se non fose pola pandemia do coronavirus e polas súas restricións, o Encontro-Degustación do Millo Corvo acadaría este ano a súa vixesimoquinta edición. A programación comezará o venres 14 coa muíñada no muíño do Canudo e cunha xornada educativa na que participará o IES Monte da Vila do Grove. Xa pola noite será o momento para a elaboración e degustación dunha brebaxe tradicional, que este ano non será unha queimada.

A elaboración dun dos pratos tradicionais na ecotaberna do millo corvo, en Meiro.

A elaboración dun dos pratos tradicionais na ecotaberna do millo corvo, en Meiro. / SANTOS ALVAREZ

A xornada do sábado comezará a partir das 11.30 horas coa apertura da ecotaberna, onde se poderán degustar produtos elaborados a partir do millo corvo, como pan, empanadas, ovos con chourizo e postres como pastas e bicas. Tamén haberá unha cervexa artesá que xa se estreou na edición do ano pasado. Ás 12.00 horas haberá unha charla titulada “De Meiro a Santa Catalina de Ares”, sobre a historia dun mariño de Bueu que a principios do século XIX tería levado varias espigas de millo corvo ata a localidade coruñesa. No mes de xaneiro xa houbo unha visita institucional do Concello de Bueu e a Asociación Cultural Meiro a Ares e desta vez serán o alcalde desta localidade, Julio Ignacio Iglesias, e dous directivos da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, Celsa Formoso e Rogelio Pérez, os que veñan a Bueu.

Ás 13.30 a mestra cervexeira Marta Galán voltará a Meiro para a presentación da edición limitada e especial da cervexa elaborada a partir do millo corvo e para unha charla titulada “A cervexa, cousa de mulleres?”. A xornada de mañá acabará cunha actuación musical.

Pola tarde, a partir das 17.00 horas, haberá unha presentación e degustación de viños de autora, coa presenza da adegueira Xulia Bande, do Ribeiro. Ás 17.30 horas Aurora Calviño impartirá un obradoiro de alimentos fermentados, que vaise centrar na col verde para a elaboración de chucrut; ás 18.00 horas haberá xogos tradicionais coa Asociación Amodiño; e a última charla será con Andrés Reboreda, da Asociación e Mai de Ecoloxía Circular, que versará sobre a rexeneración de augas residuais con microorganismos do monte.

A xornada do sábado rematará coa actuación musical da cantante Uxía Senlle, a partir das 21.00 horas.

A presidenta da Asociación Cultural Meiro, Victoria Martínez, no muíño onde se moe o millo corvo.

A presidenta da Asociación Cultural Meiro, Victoria Martínez, no muíño onde se moe o millo corvo. / GONZALO NUNEZ

O XXIII Encontro-Degustación do Millo Corvo culminará o domingo 16 de abril. Ás 11.00 horas haberá unha andaina ata os muíños do Canudo, guiada pola Asociación A Illa dos Ratos. Ás 12.00 horas terá lugar un dos pratos fortes desta edición, coa presenza da cociñeira Lucía Freitas, que conta cunha estrela Michelín e que promove un proxecto social e gastronómico baixo o nome “Amas da terra”. A cociñeira xa invitou a participar a representantes de Meiro no Fórum Gastronómico de San Sebastián celebrado o pasado outono. Xunto a ela estará a gandeira e fundadora da Granxa Maruxa, Marta Álvarez; o profesor e experto en historia da alimentación en Galicia, Xavier Castro; e a propia presidenta da Asociación Cultural Meiro. Nesta cita estará tamén o ilustrador Luís Davila, que deixará testemuña gráfica deste encontro.

A programación da mañá vai concluir coa actuación de Tumba e Dalle e pola tarde as actividades retómanse co obradoiro fotográfico “Galicia Latente. A Galicia do presente”, a partir das 17.00 horas. Logo estará a bióloga Sara González, cunha charla titulada “Antropoceno: cambios ambientais nas últimas décadas” e as actuacións musicais de Paco Nogueiras e Cinco en Zocas.

Un dos obradoiros da edición do ano pasado, cun telar tradicional.

Un dos obradoiros da edición do ano pasado, cun telar tradicional. / SANTOS ALVAREZ

Ademais, ao longo de toda a fin de semana haberá obradoiros demostrativos de artesanía en madeira con centro Juan XXIII de Cangas; xogos tradicionais con Amodiño; artesanía en follaco con Lino de Bon; ou artesanía con alcacén de centeo, cestería e sombreiros con Carmen Recimil.

Desde a organización Victoria Martínez destaca a vontade da asociación de que “todos os anos haxa novidades nas actividades e que a festa sexa unha oportunidade para coñecer outras experiencias e proxectos, sempre en relación coa terra”. Pola súa banda, Félix Juncal remataba asegurando que a festa de Meiro é “unha fusión perfecta entre o pasado e o presente, na que se transmiten as tradicións e se revalorizan”.

Suscríbete para seguir leyendo