Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os Premios Johan Carballeira erguen á voz no medio da pandemia

De esq. a dta.: Xosé Leal, Manuel Mosteiro, Xandra Táboas, Marta Veiga e Félix Juncal. | // GONZALO NÚÑEZ

Bueu celebrou onte o acto de entrega dos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo, unha data escollida co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Unha oportunidade para reivindicar a figura de José Gómez de la Cueva, o nome real de Johan Carballeira, tanto desde o plano político como desde a súa labor como xornalista, poeta e escritor.

O actual alcalde de Bueu, Félix Juncal, non desaproveitou a ocasión de vencellar un dos traballos xornalísticos máis coñecidos de Carballeira, o conflicto da sardiña nos anos 30, coas actuais reivindicacións do sector do mar, que vén de concentrarse por segunda vez este venres por mor do novo regulamento de pesca e control da Unión Europea (UE).

Xandra Táboas (á esquerda) e Marta Veiga (á dereita) cos Premios Johan Carballeira. Gonzalo Núñez

A entrega estaba prevista para ser celebrada ao aire libre, no entorno do parque de Ramal dos Galos. Mais a inestabilidade meteorolóxica aconsellou o seu traslado ao Centro Social do Mar posto que o acto completouse cun concerto de Xardín Desordenado. Os galardóns deste ano recairon en Xandra Táboas e Adrián Mosquera (que estivo ausente), na categoría de poesía, e Marta Veiga na de xornalismo. A xornalista gañou o premio cunha reportaxe titulada “Cantigas para despois dunha pandemia”, un traballo que segundo explicou serviu para poñer de manifesto “eivas que xa existían, pero que quedaron en evidencia durante a pandemia”. É o caso das residencias da terceira idade, o artellamento territorial ou o deseño das propias cidades e vilas. Veiga lembrou aos seus compañeiros do comité de redacción da revista “Luzes”, entre eles a Esteban Yáñez, finado precisamente por mor da COVID. E aproveitou para denunciar as condicións de “vulnerabilidade” e “falta de dignidade” ás que se enfronta a miúdo a profesión xornalística. “É necesario que se dignifique pois o xornalismo é máis necesario ca nunca”, concluíu.

A xornalista e investigadora Marta Veiga durante a súa intervención de onte no Centro Social do Mar de Bueu. Gonzalo Núñez

Pola súa banda, Xandra Táboas quixo reivindicar “outra forma de ser e de estar no mundo” e referiuse ao momento actual, máis alá da pandemia, como “unha era esquizofrénica”. Na súa intervención defendeu que pese aos máis de 40 anos de sistema democrático “a represión aínda segue hoxe” e denunciou o trato que se lle da ao galego, como “unha lingua minorizada, oprimida e segue a ser un adorno, un museo e a empregarse de forma preciosista”. Tamén aproveitou para reivindicar o carácter máis transgresor de Xela Arias, non só coa lingua, senón cos seus posicioamentos e lembrou a lectura do manifesto contra a guerra de Iraq.

Xandra Táboas, recolleu o premio de poesía no seu nome e no de Adrián Mosquera. Gonzalo Núñez

O encargado de abrir o acto de entrega dos Premios Johan Carballeira foi o presidente da asociación que leva o nome do antigo alcalde de Bueu, Manuel Antón García Mosteiro, do que hai xustamente un mes cumpriuse o 84 cabodano do seu fusilamento. Mosteiro agradeceu a implicación do Concello de Bueu porque a convocatoria e entrega destes premios vai máis alá do recoñecemento á figura de Carballeira. “Non so representa a Johan Carballeira, senón a todas as persoas que sufriron a represión”, argumentou. E en segundo lugar suliñou a aposta polo emprego da lingua galega porque “é falso que exista ese bilingüismo harmónico do que se fala” e lamentou o trato “de museo” que se lle quere dar ao galego.

O concerto de Xardín Desordenado sobre Xela Arias. | // G.NÚÑEZ

A programación do mediodía no Centro Social do Mar completouse co concerto de Xardín Desordenado, cunha actuación especial adicada a Xela Arias. Estes días lémbrase que a profesora e autora tamén estivo vencellada aos Premios Johan Carballeira posto que foi xurado na terceira edición do certame poético, en 1998, e no que se premiou a Emma Pedreira.

A programación das Letras Galegas en Bueu prosegue hoxe en Beluso cun recital aberto con textos de Xela Arias, a actuación de Palleta Mollada e actividades infantís. Será a partir das 12.00 horas e finalmente será nas instalacións da Casa do Pobo da parroquia.

Compartir el artículo

stats