Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xandra Táboas e Adrián Mosquera gañan o Premio Johan Carballeira de Poesía

Presentaron un poemario colectivo titulado “Dou aulas de ioga por videoconferencia” EO xurado destaca a súa aposta “experimental”

A reunión de onte do xurado do Premio Johan Carballeira. | // S.ÁLVAREZ

O XXIV Premio Johan Carballeira de Poesía recae en dous autores: Xandra Táboas e Adrián Mosquera. Ambos asinan unha obra colectiva titulada “Dou aulas de ioga por videoconferencia”, un texto que afonda no camiño da poesía experimental e no que abunda a ironía. O galardón está dotado con 1.500 euros e a publicación do poemario por parte de Edicións Xerais.

O tribunal reuníuse a primeira hora da tarde de onte no Concello de Bueu e estaba integrado polo profesor e crítico Ramón Nicolás, a integrante do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo Antía Monteagudo e pola poeta Elvira Ribeiro. Nesta edición había máis de medio cento de poemarios presentados e na acta posterior á deliberación o xurado salientou que “Dou aulas de ioga por videoconferencia” destaca por ser unha proposta que “explora o noso tempo desde unha perspectiva situada na liña da poesía experimental”. Amais destaca que o texto asinado por Táboas e Mosquera contén elementos “iconoclastas”, que supoñen unha “clave irónica” que permite construír un “diálogo fresco e diferente”.

Con este fallo complétase o palmarés dos Premios Johan Carballeira 2021. Con anterioridade xa se reunira o xurado do Premio de Xornalismo, que decidiu premiar a reportaxe “Cantigas para despois dunha pandemia”, da xornalista e investigadora Marta Veiga, e que foi publicada en xuño de 2020 na revista “Luzes”.

Os premios están convocados pola Concellería de Cultura de Bueu e pola Asociación Amigos de Johan Carballeira. Unha vez coñecidos os nomes dos gañadores deberá fixarse unha data para a entrega das correspondentes distincións.

Compartir el artículo

stats