Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xandra Táboas e Adrián Mosquera | Gañadores do Premio Johán Carballeira de Poesía

“Neste punto no que estamos só nos queda rir ou morrer”

A dramaturga e poetisa Xandra Táboas. | // FDV

A capacidade de crear un diálogo fresco e diferente, cun carácter experimental e en clave irónica. Iso é o que destacou o xurado do Premio Johán Carballeira de Poesía para galardoar “Dou aulas de ioga por videoconferencia”, unha obra conxunta de Xandra Táboas e Adrián Mosquera realizada durante o confinamento. Coñecéronse dentro do ámbito independentista e do activismo político cando Mosquera estaba en prisión e, á súa saída, decidiron crear xuntos. Táboas toma a palabra nesta entrevista.

– Supoño que suporá unha satisfacción recibir un premio coa raigame que está adquirindo o Johán Carballeira.

– Calquera premio é importante, por visibilizar esta arte, por sumar un puntiño para construír unha cultura entre todos, pero tamén pola repercusión económica, porque tampouco hai moitas posibilidades dentro da cultura.

– Cómo é ese proceso de construír un poemario a catro mans?

– Nós fixémolo no medio da pandemia. El estaba en Santiago e eu en Vigo e estabamos en contacto por telegram. Fixemos un grupiño e cada vez que che viña algo á mente puñámolo. Foi xogar coa técnica do dadá, do surrealismo, un pouco sen saber a onde iamos, xogando coa intuición. Aí sae tamén como te atopabas neses momentos tan raros. E despois ordeamos un pouco todo.

– O título elixido ten tamén algo que ver con ese contacto a través do teléfono para escribir?

– O título saiu tamén de xeito intuitivo porque precisamente Adrián daba clases por videoconferencia. O dixital parecía o único xeito de conectarse, cos seus inconvintes. Hai algo que resoa, e despois queda o pouso de saber o que estás a facer.

Adrián Mosquera.

Adrián Mosquera.

– O xurado destacou ese punto de ironía que ten a súa obra.

– É que como podes tomarte o que pasa se non é ironicamente? Hai versos que poden parecer simples, un tanto naif, un humor tonto, pero que vén da bronca. O único que che queda é facer o estúpido tal e como está o mundo. Estamos nunha posición na que hai que rirse un pouco de todo isto. Non sabemos como temos chegado a este punto de deshumanización total. Só nos queda rir ou morrer.

– Son varios os artistas de distintas disciplinas que comentan que o confinamento foi un periodo que favoreceu a creatividade. Está de acordo con esta afirmación?

– Creo que sí, porque para empezar pasou algo totalmente diferente ao cotiá. É un relato que parece distópico e da distopía sempre se pode sacar moita chicha. Péchante na casa e á xente se lle da por xogar ao parchís, por facer biscoitos... e a nós por escribir. Fixemos dous poemarios xuntos e eu outros dous. O feito de ter tempo e de vivir un momento diferente con todas as súas consecuencias da moito xogo. Vivimos a un ritmo vertixinoso e o capitalismo non che permite parar. A xente buscou alternativas para poder seguir.

– Escribir en galego xa se asemella a un acto de resistencia. Facelo con poesía mesmo parece ir un paso máis alá

– Coa poesía non o creas, porque aínda que parece invisible é o xénero en galego que a xente merca máis. De feito hai moitos certames poéticos en galego, mentres que en teatro, por exemplo, non os hai. Na narrativa tamén hai certo déficit, porque é precisa unha maior estrutura, pero en poesía sí que hai saída. O máis difícil creo que son as artes escénicas.

– Vostede precisamente parece vir dese mundo, aínda que tamén fixo os seus pinitos no campo da narrativa breve.

– Na Universidade gañei algún premio con relatos, e en dramaturxia o Abrente, de xeito compartido con outro texto. Veño deste mundo, pero tamén do da poesía. En realidade a poesía tamén está no escénico, no corpo, é algo que tamén te brota. Agora levo un ano con fotografía. A arte está en moitos ámbitos, está interrelacionada.

Compartir el artículo

stats