Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xela Arias na vila de Johan Carballeira

De esq. a dta., Salvador Rodríguez, Yolanda Castaño, Teresa López, Xela Arias e M.A. Fernán Vello no xurado da terceira edición do Premio Johan Carballeira de poesía, en decembro de 1998. | // FDV

Era decembro de 1998. Aínda non había “premios” Johan Carballeira, só Premio Johan Carballeira de Poesía. Era un certame que aínda estaba dando os seus primeiros pasos, facéndose un oco no panorama literario galego. Por primeira vez invitábase á Asociación Amigos de Johan Carballeira a participar no xurado e foi precisamente o seu representante, o xornalista de FARO Salvador Rodríguez, quen tivo a idea. A idea de invitar a Xela Arias a formar parte do xurado que debía elexir o poemario gañador desa terceira edición.

“En canto se lle comentou púxose a disposición deseguido. Era unha persoa moi boa, simpática, aberta e xenerosa”, lembra Rodríguez, que naquel momento era vicepresidente da asociación que leva o nome do que fora alcalde de Bueu. Naquel xurado estaban tamén o editor Miguel Anxo Fernán Vello, que a través da editorial Espiral Maior era o encargado de publicar o poemario gañador; a filóloga e profesora Teresa López; e a gañadora do ano anterior, a poeta Yolanda Castaño. “Xela Arias mostrouse como unha persoa moi cercana e amable desde o principio”, lembran.

Aquel foi un ano no que houbo moi pouca discusión. Todos os integrantes tiñan bastante claro que o galardón tiña que ser para “Diario bautismal dunha anarquista morta”, que resultou que asinaba Emma Pedreira. A poeta e narradora volvería a gañar o Premio Johan Carballeira dous anos despois, en 2000 con “Velenarias”.

Os Premios Johan Carballeira foron creados polo Concello de Bueu co obxectivo de recoñecer e honrar a memoria de José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, e que foi fusilado en abril de 1937. O galardón de xornalismo instaurouse en 2002 para abarcar tamén a súa faceta como xornalista. A Concellería de Cultura de Bueu ten previsto entregar este domingo, ás 12.00 horas no Parque de Ramal dos Galos, os premios deste ano, que son para Xandra Táboas e Adrián Mosquera en poesía e para Marta Veiga en xornalismo, un acto no que tamén haberá unha lembranza ao paso de Xela Arias por uns galardóns aos que contribuiu a engrandecer e dotar de luz propia.

Compartir el artículo

stats