Nun ano marcado pola crise sanitaria e social desatada pola COVID o normal é que o Premio Johan Carballeira de Xornalismo recoñecese un traballo ao redor desta temática. E así foi. O xurado reunido onte no Concello de Bueu distinguiu a reportaxe “Cantigas para despois dunha pandemia”, da xornalista e investigadora Marta Veiga Izaguirre, que foi publicada en xuño de 2020 na revista “Luzes”.

A reunión do tribunal coincidiu coa conmemoración do 84 cabodano do fusilamento do poeta, escritor e alcalde de Bueu. Os seus integrantes destacaron que a reportaxe “ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta e para os que se ofrecen solución a través de fontes expertas e un tratamento que fuxe do coxuntural”. Tamén suliñaron a súa estrutura a modo de conversa e o seu humor acedo, “pero sen caer na frivolidade”.

O xurado estaba composto polo presidente da Asociación Amigos de Johan Carballeira, Antón García Mosteiro, e polos xornalistas David Lombao e Nieves Neira, que gañou a edición do ano pasado. O premio está dotado con 1.500 euros e o vindeiro 7 de maio reunirase o tribunal do galardón de poesía, ao que concorren medio cento de poemarios.