Entrevista | Majo Villar Ferreiro Escritora

“Moitos rapaces sofren o castigo de relacións traumáticas cos pais”

A autora viguesa presentou onte en Lavadores a súa primeira obra de narrativa

Majo Villar, escritora

Majo Villar, escritora / RICARDO GROBAS

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Acompañada do director da editorial Ir Indo, Xelasio Suárez, e do historiador e coordinador do Fórum do Instituto de Estudos Vigueses, Antonio Giráldez, a escritora viguesa Majo Villar Ferreiro presentou onte a súa primeira obra de narrativa, O mergullador das verbas, na Asociación Veciñal Cultural e Deportiva de Lavadores.

–Como xordeu a idea desta primeira novela?

–Penso que todos os libros comezan a escribirse antes de anotar a primeira palabra. Cando tiña cinco ou seis anos iamos visitar á familia en Arcade, para min era como facer unha viaxe, porque iamos en tren e enchíame de sensacións, de cores e todo tiña vida, había aroma, persoas queridas, e naquel outeiro do río Verdugo, así comezou a historia, daquelas experiencias. O mergullador das verbas é un libro que fala das pegadas que deixa o pasado, tan intensas que poden chegar a esnaquizar o presente con traumas, construíndo o estado e o carácter mental das persoas. Nesta novela o protagonista atopa unha liberación nos libros, o que lle dá a forza para encarar a dor e o medo, contando co respaldo dos avós e, logo, coa sorte de atopar a unha muller que reafirma que todo chega para quen sabe esperar. Este libro está cheo dun lirismo que atrapa e eu, cando volvo a Arcade, sinto un revoltallo no estómago, porque é coma se puidera ver aos personaxes na casa sobre o río Verdugo e a ponte de pedra.

–Logo da saúde mental, a temática da familia é un melón que parece que comeza a abrirse, cada vez máis, dende o literario.

–As familias mudaron ao longo do tempo, xa non son o clásico que vivimos nos 60 e 70, agora moitas delas están esnaquizadas, fracturadas, e moitos rapaces sofren o castigo de relacións traumáticas cos pais. Precisamente, neste libro amósase como nunha situación extrema,cun pai corrosivo e dominante, cunha relación tóxica coa nai, hai rapaces que teñen a sorte de verse apoiados por certo sector da familia, uns avós que o acariñan e o acollen. Pero o certo é que non todas as crianzas teñen a sorte do protagonista. Non quero desvelar moito, pero esta novela é moi tenra e nela fálase do amor e do odio.

–Sempre tivo interese por escribir?

–Ao longo da miña vida sempre fun escribindo e, malia que traballo nunha oficina do Concello, o meu sempre foi pintar e escribir, xa dende que era unha cativa. O que acontece é que sempre tiven tanto respecto pola literatura, que moitos dos meus poemas, pequenos relatos e demais, os gardaba para min porque sentía moita vergoña de que os demais souberan de min a través dos escritos. Foi o teatro o que abriu as portas da liberación da miña escrita, porque no teatro non teño vergoña, refúxiome nos personaxes e non temo que se me xulgue. Hai 13 anos empecei na Escola Municipal de Teatro e iso permitíame escribir escenas e aí tamén comezou a miña traxectoria co idioma galego, unha lingua fermosísima. Foi grazas a isto que comecei a soltarme cara fóra, sen estar tan agochadiña nos meus papeis, e saín á luz co álbum infantil A boneca de cristal, publicado por Galaxia.

–Está xa traballando nunha nova novela, pode adiantar algo?

–O novo libro está encravado en

Santa María de Oia e a súa contorna, nos montes, porque está protagonizado polos maquis. O protagonista é un maqui moi interesante, e abordo certas experiencias da miña vida e do meu avó paterno. É un relato moi dramático, un suceso que ocorreu con pescadores de Bouzas.

Suscríbete para seguir leyendo