O faro cultural que leva 60 anos alumeando a Vigo

A Fundación Penzol inaugura unha mostra cunha selección dos seus valiosos fondos

Visitantes na mostra do aniversario da Fundación Penzol.

Visitantes na mostra do aniversario da Fundación Penzol. / RICARDO GROBAS

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Un pergameo do ano 1135 no que se recolle un privilexio que otorgou Alfonso VII ao mosteiro de Caaveiro, os documentos máis antigos escritos en galego datados do século XIII e vencellados a un foro de vendas, o cartel da primeira celebración do Día das Letras Galegas en 1963 e dous carteis deseñados por Castelao e Luís Seoane da campaña promocional do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, así como os primeiros libros do Rexurdimento como Os rogos dun Gallego, publicado por primeira vez en 1813 e composto por Manuel Pardo de Andrade, e Cantares Gallegos, obra de Rosalía de Castro impresa en Vigo, ademais de manuscritos e obras dos grandes escritores galegos, dende Cunqueiro a Portela Valladares, Castelao, Otero Pedrayo, Cabanillas ou Mª do Carme Kruckenberg.

A Fundación Penzol atesoura en Vigo o legado histórico e a memoria dunha terra con cultura propia que, con motivo do 60 aniversario da institución, sae á luz dende os seus fondos arquivísticos para que a cidadanía poida achegarse a eles, no marco da mostra “60 pezas para 60 anos. Fundación Penzol, 1963-2023” que poderá visitarse até o vindeiro 21 de maio na Casa Galega da Cultura, na Praza da Princesa.

No acto de inauguración, que tivo lugar onte na mesma sede, estiveron presentes o director da Fundación Penzol, Xosé Soutullo; o vicepresidente da institución, Antón Vidal; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Na súa intervención, o presidente da RAG destacou que a mostra é “unha exposición do patrimonio histórico que hai nesta casa”, mentres que o rexidor vigués indicou que a entidade “é un símbolo, unha forma de entender Galicia”.

A mostra está comisariada por Francisco Domínguez, que dirixiu a fundación durante 12 anos, en colaboración de Malós Cabrera e Xosé M. Soutullo, así como do persoal da Casa Galega da Cultura.