Síguenos en redes sociales:

‘A movida do SanSalva’ prepara un 8M moi movido a ritmo de rock, rap e punk!

De Silvia Superstar a Ana Kiro vía Intelixencia Artificial ou As Tanxugueiras. As cantantes galegas serán as grandes protagonistas do Día da Muller no Colexio San Salvador

‘A movida do SanSalva’ prepara un 8M moi movido a ritmo de rock, rap e punk!Faro

Como cada curso, os centros participantes no proxecto escolar Faro da Escola non faltarán a súa cita con este 8 de Marzo, unha efeméride fundamental do noso calendario no que cada ano logran volver sorprendernos con novas e enxeñosas propostas para pór en valor o Día Internacional da Muller; reivindicar a igualdade real; e seguir traballando por poñer ao alcance da cativada referentes de carne e oso. 

Desexando estamos que chegue o venres para ver, por exemplo, o sarao que teñen montado na ‘Movida do SanSalva’, nome que recibe o proxecto da biblioteca escolar do Colexio San Salvador este curso e que conta coa música como fío condutor

O colexio San Salvador apostou polos estilos musicais como fío condutor para o seu entroido. Nas imaxes, o alumnado do último ciclo de Infantil disfrazouse da música en xeral, mentres que o de 1º de EP foi dos anos 80.

Tras un entroido para o recordo no que cada clase elixiu, estudou e se vestiu dun estilo musical determinado; agora, prepáranse xa para o 8M cunha investigación chea de ritmo. 

Cada clase está a coñecer de preto a cantantes galegas con carreira no rock, o rap ou punk, por poñer só algúns exemplos; e, cando chegue o venres, contarán a historia destas mulleres ao resto dos seus compañeiros, ademais de cantar e bailar as súas cancións todos xuntos.

“A música funciona moi ben cos nenos, failles chegar cousas que doutro xeito non lles chegarían. Queremos que aprendan e investiguen con algo que lles guste e que sabemos que non van deixar no cole, senón que o levarán a casa para seguir aprendendo”, comenta neste senso Noelia Pérez, mestra do centro, que explica sobre a presenza de mulleres galegas na historia da música: “Claro que habelas hailas, pero o problema é que a moitas non as coñecen. Por iso, este tipo de proxectos serven para achegarlles referentes femininos, pero tamén a súa lingua e a súa cultura mentres se divirten e aprenden”. 

Xa o teñen case todo preparado, se os máis pequenos están a traballar coa figura de Uxía Lambona ao ritmo do seu ‘Rock Molón’; os maiores de Infantil elixiron a Mercedes Peón e o seu tema ‘Falar mellor’, no que os apeiros de labranza tradicionais galegos serven nin máis nin menos que como instrumentos.

Os nenos e nenas de 1º de EP bailarán ao ritmo dos anos 80; polo que non podía faltar un dos grupos máis emblemáticos da Movida viguesa, con Silvia Superstar e Aerolíneas Federales. En concreto, están a traballar cunha das cancións do programa do porco bravo máis punk de toda a historia da televisión: ¡Si, acertastes: O Xabarín Club!  

E se de grandes clásicos vai a cousa…As nosas queridas Tanxugueiras tiñan que estar tamén na gran cita da ‘Movida do SanSalva’ e que mellor para o 8M que a canción Pano Corado, un canto á liberdade e ao amor libre, que defenderá o alumnado de 2º de EP. 

Moito ollo tamén aos de 3º de EP, porque vanse atrever coa Intelixencia Artificial e Ana Kiro, que reviviu para vencer na ‘Eurovisión da Intelixencia Artificial’. O título do tema elixido non podía vir máis o caso, con ‘Muller traballadora’. 

E de aí a Flow do toxo, o grupo de rap co que as galegas Laura e Xía abordan temáticas como a defensa do rural ou o feminismo e as protagonistas elixidas polos estudantes de a e 5º de EP. O broche de ouro porano os de 6º e os toques electrónicos do grupo ‘Fillas de Cassandra’, que despedirá unha xornada que, de seguro, será inesquecible!

Pulsa para ver más contenido para ti