Un Capitán Cousteau made in Ribadesella!

“Dedícome a estudar o efecto do cambio climático sobre a bioloxía da pescada para intentar dar resposta aos retos futuros da xestión pesqueira”

A clase de 6º do CEIP  San Martiño.

A clase de 6º do CEIP San Martiño. / Faro

David José Nachón García*

Divulgación

Esta sección de Ciencia para o día a día elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia

David José Nachón García Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC)

David José Nachón García, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC) / Faro

  • Cando eu ía á escola...

 ... Xa mostraba un grande interese por todas as materias relacionadas co medio ambiente e a natureza. Pasaba horas debuxando siluetas de peixes, golfiños ou baleas e vendo documentais de Félix Rodríguez sobre a fauna ibérica ou de Jacques Cousteau sobre o mundo submarino. Os veráns pasábaos na vila mariñeira de Ribadesella (Asturias), de onde é orixinaria a miña familia. Alí desfrutaba buscando bechos entre as pedras da praia, pescando camaróns e cangrexos no porto ou facendo piragüismo no río Sella, entre outras cousas.

  • O meu camiño na ciencia

Como non podía ser doutra maneira, estudei Bioloxía na Universidade. Ao rematar a carreira, a miña especial curiosidade levoume a investigar a vida dos peixes migratorios, aqueles que precisan do mar, o estuario e o río para completar o seu ciclo vital, coma os salmóns, as anguías ou as alosas (curmáns grandes das sardiñas). Hoxe en día estudo a pescada, intentado descifrar como o cambio climático pode afectar á súa bioloxía.

  • O meu agasallo: un experimento

 Os peixes, a diferenza de nós, non son capaces de manter e regular a súa temperatura corporal, que depende da temperatura da auga na que viven. Así pois, cada especie está adaptada a alimentarse, medrar e reproducirse nunhas determinadas temperaturas. Porén, canta maior sexa a temperatura da auga, máis rápido medran, chegan a adultos e se reproducen. O número de ovos que poñen os peixes está relacionado co seu tamaño: a maior tamaño, maior cantidade de ovos. Co cambio climático, as temperaturas do mar están e seguirán a aumentar, polo que se agarda que as especies como a pescada medren máis rápido e se reproduzan con tamaños cada vez máis pequenos, producindo menos ovos e por tanto dando lugar a un menor número de peixes novos. O meu traballo consiste en facer cálculos no ordenador para intentar saber como cambiarán os tamaños das pescadas adultas co aumento das temperaturas e os efectos que isto poida ter en relación á súa explotación pesqueira. 

As aulas preguntan. O CSIC responde

Se os peixes son capaces de ter a temperatura da auga na que viven ¿porque non poden facer iso cando se quenta a auga polo cambio climático? E ata canto crees que poden aguantar ese quentamento?

 Porque lles custa adaptarse aos grandes e rápidos cambios na temperatura da auga provocados polo cambio climático. Todo dependerá da evolución do cambio climático e das distintas capacidades das diferentes especies; non en tanto, desgraciadamente xa hai multitude de especies ás que lles está custando “seguir” o ritmo do cambio climático e están en serio risco de extinción. 

Como podemos facer para que, cando nos sexamos maiores, non haxa aumentos de temperatura nas augas? Crees que é posible que os nosos fillos algún día, desfruten das rías como hoxe facemos nós?

Pequenos xestos como evitar o uso de plásticos sempre que sexa posible, consumir menos ou aforrar enerxía, usar menos produtos que contaminen o aire, reciclar os refugallos ou plantar árbores axudan a coidar o planeta. Se moitas persoas o fan, axudaremos a que a auga non se quente tanto e é posible que os vosos fillos poidan desfrutar das rías coma o facedes vós! 

Cando sexamos maiores seguirá habendo a mesma cantidade de peixes migratorios nos mares, rías?

Cos grandes cambios que estamos a ver, é posible que a cantidade de peixes migratorios se vexa afectada (menor cantidade, diferente proporción de especies ou mesmo distintas especies), porque ao precisar de distintas augas ou localidades para crecer e reproducirse ao longo da súa vida son máis sensibles aos cambios. 

Cales son os peixes que máis lle afectan os cambios de temperatura na nosa ría de Pontevedra?

Especies coma as sardiñas, os bocareus ou bocartes, os xurelos ou as xardas xa están respondendo ós cambios de temperatura: desprazándose cara ó norte ou cara augas máis profundas na procura de temperaturas máis frescas, adiantando a época de reprodución estacional ou diminuíndo o seu tamaño corporal.  

Se no verán os océanos se quentan, como fan os peixes de auga fría para adaptarse á auga quente? Co tempo serán capaces de adaptarse, como moitos animais ou tenderán a extinguirse como os dinosauros?

Os peixes que viven nun hábitat determinado (p. ex. nunha ría) están adaptados ás variacións estacionais da temperatura da auga; aínda que se a temperatura aumenta moito no verán poden buscar lugares máis frescos (p. ex. descendendo cara augas máis profundas e frías). Unhas especies poderán adaptarse, pero outras especies máis sensibles atoparanse en serios problemas e poderán mesmo chegar a extinguirse nalgunhas zonas ou, tristemente, por completo. 

Poden chegar a extinguirse as pescadas?

A pescada é unha especie que ten diversas estratexias de vida, podendo habitar en condicións ambientais moi diferentes, o que a converte nunha especie moi resistente. Mais se a temperatura da auga aumenta moito pode ser que atope problemas para desenvolverse, que mude hábitos de vida, que migre cara outros mares desaparecendo dalgúns, etc.  

Que cres que podemos facer para evitar o cambio climático?

Pódese desacelerar ou diminuír, que non evitar (é un proceso natural en movemento acelerado pola man do ser humano), con pequenas accións coma intentar ir máis a pé aos sitios, aforrar enerxía, reducir o consumo de plásticos, plantar árbores, coidar e protexer a natureza, etc.

Tiñas algún familiar que traballase na investigación ou no mar, e che servira de exemplo para o teu traballo?

O feito de que varios familiares practicaran surf, piragüismo, pesca submarina, pesca deportiva ou pesca profesional axudou sen dúbida a aumentar o meu interese e curiosidade polos medios acuáticos e a súa natureza, aínda que esa paixón xa me viña dende pequeno. 

De todos eses animais que coñeces como biólogo, cal é o teu animal favorito?

As zamborcas ou alosas, que son unhas especies curmáns das sardiñas, máis grandes (case tanto coma un salmón!), e que fan o mesmo que eles, viven entre o mar e o río. Son as especies ás que dediquei gran parte da miña carreira investigadora e gárdolles un especial cariño; e ademais son preciosas!

Que podemos facer nós para protexer os mares e evitar eses cambios no mar?

Consumir e usar menos produtos plásticos, empregar bolsas non plásticas e reutilizables para facer a compra, reciclar, consumir menos todo tipo de produtos, recoller o lixo das praias, etc.