Intensidade e silencios

Os Indicios de Bosco Caride no MARCO

Modernidade e tradición

Elías Regueira

Unha singular e procurada relación entre os ámbitos espaciais do cadro é o alicerce da obra que presenta o pintor Bosco Caride (Vigo, 1963) nas salas do MARCO. Trátase dunha exposición, comisariada por Jaume Vidal Oliveras, que é articulada ao redor dun único motivo: os estados atmosféricos ou gasosos, afastados de calquera ligazón contextual ou espacial.

O título da mostra: Indicios –que sinala un camiño alén do evocación puramente formalista– fai referencia a unha complexa simultaneidade de percepción que caracteríza toda a serie, elaborada nos últimos dous anos. Trátase de pinturas ao óleo realizadas con aerógrafo sobre soporte de aluminio ou papel fotográfico. Creadas desde unha deliberada ambigüidade, hai que entendelas non apenas como espazos para un campo de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión. É o lugar onde a observación do mundo, a memoria e o entendemento se unen, presentándonos un mundo pensado e experimentado a través do ollo do artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio, un mundo agachado que se pode entender situado entre variadas pulsións, desde a evocación romántica até a tensión conflitiva.

Intensidade e silencios

Intensidade e silencios / Carlos L. Bernárdez

A obra que presenta agora Bosco Caride posúe, alén diso, esa heteroxeneidade que trascende a pintura como técnica, e que é utilizada polo pintor para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra e a contorna. Son traballos que crean unha sensación de intensidade emocional que produce a impresión de estarmos perante obras en certo sentido intimistas e cunha notábel capacidade de esencialización e adecuación da luz e a cor a unha estrutura aparentemente abstracta que rexe e xerarquiza a composición, aínda que nunca se esqueza nin perda o referente da percepción de evocación paisaxística ou vagamente figurativa: néboas, fume... Estamos, xa que logo, perante unha pintura expansiva, ao tempo delicada e vigorosa, que se move en sutís equilibrios espaciais e cromáticos. Estamos, pois, perante unha vontade de construír unha ligazón específica co cadro desde a ollada, en interacción co soporte da obra pictórica mais non sometido ao mesmo.

Este sentido formal é explícito xa desde a mesma montaxe realizada nas salas do primeiro andar do museo. Nelas podemos observar como a obra desenvolve percepcións espaciais diversas, desde os diferentes ángulos desde os que nos achegamos aos cadros. Asistimos, xa que logo, a unha especial proxección escenográfica, cun resultado para o espectador claramente envolvente, desde o punto de vista visual e espacial.

A luz é unha das chaves para a comprensión do traballo do pintor. Indicios remite a este carácter, co lumínico e o atmosférico como dominates, estando o cromatismo e a imaxe evocada –esa que aparece no título, ese ambigüo “signo que indica a posibilidade de algo existir”, entre sinal e vestixio– baixo efectos lumínicos, non un límite, senón un ámbito para suxerir a profundidade ou para evocar un indeterminado desacougo. A luz e mais a pintura abren o espazo nunha dupla dirección: para adentro e para fóra, afondando, proxectando para un interior virtual e espellando cor e luz, nun diálogo non realizado en pura complementaridade senón entendido como aberto e libre. O resultado é extremadamente equilibrado, deixando no ollar do espectador todo un abano de suxestións con tramas de austera concepción onde a pintura se converte en materia de reflexión.

Muestra de la exposición.

Muestra de la exposición. / @Eliregueira

Título da exposición: Indicios. Autor: Bosco Caride. Comisariado: Jaume Vidal Oliveras. Produción: MARCO, Vigo. Local: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Do 21 de marzo ao 15 de setembro de 2024.

Modernidade e tradición

Non está de máis lembrarmos que algúns dos mellores pintores activos do noso presente tentan estender as prácticas pictóricas radicais, trasladando a pintura a outros ámbitos e soportes fora do lenzo tradicional ou trasladando ao lenzo técnicas non estritamente pictóricas. Estes camiños levan a moitos artistas a encontraren solucións á aparente ausencia de contido subxectivo e á simple preocupación cos efectos de luz e de cor. Bosco Caride opta por negociar a tradición da modernidade. A súa pintura é froito da confrontación dos códigos existentes nesa tradición, na cal a interrogación da existencia das cousas anda á par cun cuestionamento das estratexias de representación.

O resultado é unha pintura en que cor e materia resultan ao mesmo tempo de plena modernidade e recoñecíbeis na tradición, nunha liña que segue a evocar a mirada paisaxística, mais sabendo que se trata dun artificio. É unha arte que, como toda auténtica creación, é froito de búsquedas sólidas, búsquedas estratificadas que acontecen como se o pasado estivese estruturado en diferentes camadas de tempo e materia. Pintura do presente que se encontra co pasado –esa tradición da modernidade de que falaba Octavio Paz– e no pasado. Como espectadores percibimos, entre as súas veladuras, eses indicios da súa intensidade e dos seus silencios.

Suscríbete para seguir leyendo