'Trinta' máis que trinta

Asunta Rodríguez, galerista decana

Asunta Rodríguez, na galería Trinta.

Asunta Rodríguez, na galería Trinta. / FdV

Román Padín Otero

O día que visitei a Galería Trinta, en Santiago de Compostela, para falar coa súa directora e propietaria, Asunta Rodríguez, estaban instalando a nova exposición: unha mostra de Antonio Murado con quen a galerista leva a traballar dende hai trinta anos, de feito no ano 1995 recibiu o premio ao mellor stand na feira Arco de Madrid con obras deste artista lucense, residente en Nova York, e tamén do cambadés Manolo Paz.

Entre golpes de martelo e lenzos ciscados polo chan, falei con Asunta Rodríguez dos anos das expectativas ilimitadas cando vivIamos na cándida adolescencia a movida cultural en España. Así Asunta recorda a cultura do club que era algo axial naquelas datas, moitas ideas forxábanse nas pistas de baile. Nun daqueles clubs da movida compostelá, o chamado Black, Asunta asinou o seu primeiro contrato como asistente na Galería Trinta.

Antes daquilo ela era estudante de doutoramento e escribía para un xornal sobre a arte dos nosos días. Recorda como a profesora Marisa Sobrino espertou o seu interese polas vangardas e a arte contemporánea, seducida pola "Montaña Sainte Victoire", Kandinsky e a arte dos nosos días. As amizades de mocidade de Asunta, que abranguen músicos, artistas plásticos e afeccionados ás artes, non deixan de aparecer na conversa, pois a paixón transversal pola arte é a forxa da súa personalidade, manifestación dun inquebrantable desexo cultural.

O camiño dunha vida é longo e para esta profesional da arte, aquelas primeiras feiras de ARCO na Casa de Campo, onde as alfombras da Máquina Española daban a benvida e as enormes fotografías de vulvas femininas asinadas por Dokoupil sorprendían a todos, eran tempos cheos de enerxía onde había ansia polo troco cara ao novo. E sen dúbida a creadora da feira, Juana de Aizpuru, recolleu esa ansia da novidade emparellando o latido da rúa co alento dentro dos espazos expositivos.

Na actualidade, case que corenta anos despois, atopamos un mercado máis profesional con máis fragmentacións e categorías e menos pulsión e rebeldía. Sen dúbida, para Asunta hai trocos e agora séntese máis libre e certamente ela segue sostendo a mesma paixón cando descobre unha peza nova no taller do artista e debulla as posibilidades mercantís da mesma.

Comezou a súa andaina con artistas como Berta Cáccamo e Pamen Pereira, con cuxas obras segue arestora mantendo unha forte conexión estética. Recorda varias exposicións coas que superou barreiras morais e culturais, como unha de Alberto García Alix na que a liberdade do artista levouno a encher a sala con espidos que a prensa denunciou de pouco adecuadas polo contido explícito de sexo.

Na imaxe pequena: un cadro de Los Bravú. Na grande: Asunta Rodríguez na galería, cun moble de Antonio Murado ao fondo  |  FOTOS: R.P.O.

Na imaxe pequena: un cadro de Los Bravú. / R.P.O.

A galería fora fundada no 1985 e no 1988 entrou Asunta a traballar. No ano 1993 pasou a ser propietaria. O primeiro ARCO da Galería foi ano foi no 1986 e o primeiro dela foi no 1988. En 1994 participou na primeira Artísima de Turín, onde viaxou con outros visionarios galeristas (Espacio Mínimo, Gianni Giacobbi, Emilio Navarro, Cati Verdera da Galería Van der Voort de Ibiza). Estando en Italia, souberon que Juana de Aizpuru os confirmara a todos como seleccionados en Art Chicago, onde participou no 1995, inaugurando así un rutilante percorrido nacional e internacional de máis de tres décadas.

Cando iniciou a súa carreira, foi a galerista máis nova de España e, segundo ela mesma expresa, avanzou nadando entre erros nunha piscina chea de crocodrilos. Participou de xeito activo na escena da arte palpitante, na movida onde a propia Juana de Aizpuru e mais a sociedade, non os políticos, fixeron o pulo para un país e unha arte en liberdade e modernidade. Mantivo o seu espazo en Arco moitos anos e logo trocou por outras feiras como Drawing Room en Madrid e Lisboa. Logo estaría en Just Madrid defendendo talento novo, creadoras mulleres e bos artistas sen adxectivos. Nas últimas edicións de feiras acode a Urbanity, unha cita en Madrid que ten unha liña editorial inspirada nas variacións sobre a arte urbana que é por figuración e concepto a antítese do conceptual que argumenta o stablishment duchampiano da arte máis oficial.

Académica e experta no CCG

Mais vencellada á figuración, a Galería Trinta e Asunta, atopan en Urbanitiy espazo para accederen a un mercado real moi coñecido polas redes sociais, que se move entre os herdeiros de Picasso e Matisse, artistas do chamado bad painting que agochan enerxía renacida e a capacidade de sorpresa.

Malia que Asunta segue a ser a diferente ou peculiar, pois se antes en Arco era a máis nova de todos os galeristas, arestora en Urbanity é a máis madura, defende sempre a paixón pola arte tamén dende a posición de Académica da Real Academia Galega de Belas Artes e como Experta na sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega. A súa vida e o milagre da sorpresa con cada nova peza do artista coñecido e mais a curiosidade con cada artista descoñecido. Leva un longo camiño con artistas como Eva Lootz, Carlos Pazos, Antonio Murado, Berta Cáccamo, con quen sentía unha grande unión, Natalia Ocerín e Los Bravú, entre os novos. Tras corenta anos de galería e trinta anos como propietaria, afronta o futuro esperando o troco de ciclo na sociedade cara a un cosmopolitismo que respecte e protexa non soamente a escena internacional senón tamén e sobre todo a escena nacional. Parece que os tempos están trocando pois o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia de Madríd baixo a dirección de Manuel Segade vai facer unha retrospectiva de Eva Lootz, artista dilecta de Asunta Rodríguez, Galerista en Trinta.

Suscríbete para seguir leyendo