Patrimonio

Vixía da Limia

Ao pé da Torre de Sandiás

Vista aérea da Torre de Sandiás.

Vista aérea da Torre de Sandiás. / Cedida

Alberte Reboreda

“Aló de Xinzo no chan garrido / beira do Lago da Limia, erguido / fai o castelo de Sandiás / mole de pedra que doutro días / garda lembranzas e melodías / morto recordo de anos atrás”. Así se refería Lamas Carvajal, nun poema publicado en 1876, á Torre do Castro ou Torre de Sandiás, que hoxe nos ocupa.

A Torre de Sandiás ou Torre do Castro é unha atalaia con funcións de sentinela e almenara para transmitir sinais (como a Torre do Ouro de Sevilla ou a Torre de Londres, na capital do Reino Unido), que estivo protexida por unha barbacá. A súa localización no outeiro do Castro, a 680 metros de altura, proporciónalle unha excelente visión do Chan da Limia, o que permitía aos defensores detectar os inimigos cando se aproximaban. Posúe unha porta de acceso elevada á que se accedía a través dunha escaleira de madeira desmontable, impedindo a súa destrución cun ariete, xa que o inimigo non podía chegar facilmente a ela.

Pero Sandiás non é unha torre illada, senón unha peza dun complexo defensivo formado por catro atalaias máis: Celme, Porqueira, Ribeira e A Pena, que foron comandadas desde o desaparecido castelo de Allariz, segundo Vila Álvarez (2013). Este castelo, ao igual que a Terra da Limia, dependía da autoridade do rei, e así se acredita na diplomática real de Afonso VII ou Afonso IX. Durante a Idade Media no castelo allarizao, que está documentado desde o ano 1122, funcionaba a sede do “tenente limiam”, que ostentaba a cabeceira xurisdicional de toda a bisbarra, como proba un documento de 1143 publicado por Andrade Cernadas (1995) que cita ao “tenente Allaricum et totam Limian”. “Sandiañes, par de Allaris (...) que es vna buena Villa deste Reyno” e precede á Terra da Limia escribe o Licenciado Molina en 1551 no capítulo que dedica ás fortalezas do Reino de Galicia. Dous séculos máis tarde, en outubro de 1754, o Padre Sarmiento atravesa a Terra da Limia en dirección a Madrid e anota: “La Torre de Sandianes y feligresia. La Torre a la derecha”.

Arriba: vista da Torre de Sandiás. Na imaxe grande: perspectiva aérea do baluarte defensivo.  |  FOTOS: ALBERTE REBOREDA / CEDIDA

Vista do baluarte defensivo. / Alberte Reboreda

Ángel del Castillo (1886-1961), membro do Seminario de Estudos Galegos, foi o primeiro en sintetizar os seus valores históricos: “A daquela “casa forte de Sandiás” era, no ano 1348, de Mayor Fernández de Biedma; foi arrasada polas tropas do Duque de Lancaster; en 1441 tiña esta fortaleza don Francisco Álvarez, Provisor do Bispo de Ourense; tomada pola forza ao Conde de Benavente, cara a 1448 por don Pedro Alonso Osorio, por orde do rei don Xoán. Foi asolada polos Irmandiños en 1467 e, reconstruída, foi atacada a últimos do século XV, e en parte derrubada, polo famoso Conde de Camiña; no século XVII figura como propiedade do Conde de Maceda.” A torre está situada sobre un castro da Idade do Ferro, dominando a fértil chaira da comarca da Limia. Cid Rumbao (1984) vincula a súa orixe coa figura de Sanctio Iohanhis, isto é, con Sancho Eans, irmán de Fernando Eans, “tenente limian” no ano 1143. Con todo, a primeira mención documental da fortaleza non se rexistra ata o ano 1347, como demostrou Vaquero Díaz (2004), de aí que sigan sen despexarse as dúbidas sobre a súa cronoloxía.

Trátase dun lugar que convida á reflexión pero tamén á imaxinación

Esta impoñente atalaia de pedra conserva un aura de misterio e heroísmo que nos transporta a unha Galicia feudal avanzada pola nobreza castelá, en palabras de Rodríguez Cao (1997). Presenta uns muros elaborados con vigorosos perpiaños de ata 3,8 m de espesor que lle permiten alcanzar os 20,35 m de altura. Por esta razón o desaparecido historiador Edward Cooper (1991) subliña o seu vínculo co castelo da Portela de Xinzo, co que comparte vocación de “vixilancia mutua”. Mais a Torre de Sandiás non foi só unha atalaia, unha torre vixía. A súa estrutura, con grosos muros que permiten articular ata cinco andares (tres deles de madeira), tamén albergaba unha guarnición militar que participou nas guerras fronteirizas entre os reinos de Galicia e Portugal, resistindo asedios e ataques.

A pesar do seu estado actual, a Torre de Sandiás segue sendo un lugar máxico, cunhas vistas fabulosas da Terra da Limia, “que es el mayor pedazo de tierra llana que ay en este Reyno”, apuntaba o Licenciado Molina no s.XVI “y en invierno vna legua alrededor deste Monasterio” (o Bon Xesús de Trandeiras) “es toda vna leguna de agua”. Efectivamente, ata mediados do século XX, as torres de Sandiás e A Pena dominaban a Lagoa da Antela, de aí que Otero Pedrayo (1964) apuntase que a paisaxe da lagoa estivese “sonorizada polo croar das ras”.

Visitar a Torre de Sandiás é penetrarse na historia de Galicia, sentir a forza dos seus defensores e contemplar as vistas que durante séculos inspiraron cabaleiros e vixías. É un lugar que convida á reflexión e á imaxinación, un recordatorio de que as pedras tamén falan, aínda que o fagan nunha linguaxe silenciosa que só os corazóns sensibles poden escoitar. Un deses corazóns foi o de Lamas Carvajal, que escribiu: “Non hai quen véndoo non se persine / nin quen de noite sereo atine / polos redores a caminar / que pola xente sendo temido / arroinado, vello, esquecido, fai o castelo de Sandiás”.

Traballos de consolidación

En 2020, a Xunta de Galicia levou a cabo un proxecto de restauración, co obxectivo de consolidar a estrutura e poñer en valor este importante patrimonio histórico. A arquitecta Maricarmen González Iglesias e o arqueólogo Eduardo Breogán Nieto foron os seus responsables. Os traballos permitiron recoller unha serie de mostras en forma de morteiros, ferros, cerámicas (domésticas e de construción) e incluso dun badalo recuperado na azotea “que podería estar probando a presenza dunha campá a modo de sistema de aviso ou alarma colocada sobre o adarve”. Os restos de tella curva documentados permiten saber con certeza cal era o sistema de cubrición do edificio.

As análises radiocarbónicas realizadas permitiron establecer unha datación máis antiga entre os anos 1283 e 1432 cun 95,4% de probabilidade, o que a xuízo do arqueólogo director “non encaixa coa tipoloxía construtiva e evolución histórica da torre”, de aí que a data certa da súa construción siga sendo un misterio por resolver.

Suscríbete para seguir leyendo