Libros recomendados

Crítica literaria

--

--

VV.AA.

Un escritor “clásico”

Imaxinación sensible e saber facer

Iago Fernández

Os protagonistas pertencen a unha comunidade rural cuxos integrantes sobreviviron a un colapso mundial. A situación narrativa e os conflitos persoais e tribais que se derivan son arquetipos do xénero postapocalíptico, xeralmente vencellado ao cine de baixo presuposto e, na última década, á franquicia The Walking Dead e ao imaxinario dos videoxogos. O certo é que o eido da literatura apenas conta con exemplos de semellante xénero que sexan artisticamente significativos: a excepción internacional por antonomasia sería A estrada, de Cormac McCarthy. No caso da literatura galega, poderiamos tomar As crónicas do Sochantre, de Álvaro Cunqueiro, coma mostra moi sui generis e adiantada ao seu tempo dunha postapocalipse; non sendo así, a novela de Toxo ben podería cumprir o papel ca do norteamericano cumpre en termos internacionais.

As correspondencias que 70º Norte garda con A estrada son moitas, mesmo corre o risco de se ensombrecer tras dunha primeira impresión. As principais correspondencias son tres: o protagonismo case que impoñente dos espazos naturais, a centralidade dos vínculos de parentesco e, sobor de todo, o estilo, un estilo certeiro, rechamante e primordialmente descritivo. En materia de crítica de arte, é propio da Modernidade dar por feito que os parecidos dunha obra con outra son negativos por lle restar entidade; para o caso, non sería válido, pois os tales parecidos son a condición de posibilidade para que Toxo, no contexto da literatura galega contemporánea, xurda coma o que verdadeiramente é: un bo narrador e un notable estilista. Deteñámonos, por exemplo, nas descricións.

As descricións, lonxe de afondar nas caracterizacións gráficas, puntualizan a relación das personaxes co medio: véxase, por exemplo, cando o protagonista, na páx. 15, repasa a contorna orográfica coa axuda duns prismáticos. Deste xeito, as personaxes, conforme se desprazan e interactúan co medio, deixan tras de si unha percepción viva e dinámica dos espazos que transitan: a paisaxe pasa de ser unha tea tinxida para se converter nunha xeografía interactiva, como acontece, ocórreseme agora, no El mar de las Sirtes, de Julien Gracq. En termos xerais, diríase que a imaxinación sensible de Toxo abonda para nos evocar un mundo á-man.

Estamos perante a obra dun escritor “clásico”, isto é, que privilexia o bo desempeño manual por riba da procura da orixinalidade e, entre outras cousas, posúe un manexo distintivo da lingua. Estamos, xa que logo, perante un tipo de escritor en franco perigo de extinción que, por iso mesmo, se diferencia da meirande parte dos seus compañeiros de oficio, principalmente dos máis novos.

Imagen

70º NORTE (2023)

Autor: Xaime Toxo

Editorial: Galaxia

PVP: 20,85€


As diferentes caras do loito

Dous peixes laranxas e unha casa de cristal

Fabio Rivas

“Coas mans no volante, mentres ve pasar os postes do tendido eléctrico, admira a maneira que as estradas teñen de saber a onde se dirixen sen ter que decidirse respecto a se marchan ou volven dos sitios.” Cando a finais do decembro pasado Berta Dávila comunicou a chegada d’A ferida imaxinaria, editada por Xerais, as redes logo se encheron con ducias de publicacións e republicacións dun lectorado ansioso por termar do libro canto antes. Como xa vén sendo costume, o anuncio dunha nova novela de Dávila xera entre o público, e tamén entre a crítica, unhas expectativas que poucos escritores dan conta de cumprir coa precisión da autora santiaguesa. Se en canto á extensión non podemos considerar magnas as obras de Berta Dávila, moito lle aquece o cualificativo ao referírmonos ás técnicas narrativas, que fan que as páxinas escorreguen líquidas por entre as mans, e ao dominio na construción e ensamblaxe dos personaxes que poboan cada unha delas. No caso concreto de A ferida imaxinaria –áxil e harmoniosa, á vez que sinxela e categórica– a novela fálanos das fendas que separan as persoas que, sen posibilidade de elección, están vencelladas unhas ás outras polos lazos da fraternidade. Son catro mulleres os personaxes principais da novela, dúas parellas de irmás divididas non polo conflito, senón polas diferenzas entre cadansúas identidades; en cambio, os personaxes secundarios, os máis deles histriónicos de seu, tamén parecen cohabitar coa ferida. Falo de Guppy, un afeccionado aos peixes que ten por obxectivo protexer toda a sabenza útil do mundo, ou de Marieta e Ernesto, o matrimonio que delega a súa relación en se prepararen para unha catástrofe mundial. Un dos temas fundamentais que gravitan arredor d’A ferida,,, é o diferente modo de lidar co loito tras unha perda importante. Como acontece na narración autobiográfica de Manuel Astur, La aurora cuando surge (coa que comparte certas semellanzas, tal que as sentenzas firmes que, abofé, poderían ser o preámbulo ou encabezamento para unha outra obra), onde el mesmo comeza unha viaxe por Italia para deixar marchar o dó polo pai, unha das protagonistas da novela refúxiase no coidado de dous peixes laranxas que acabarán por se converter en parte da súa propia ficción. Pero A ferida imaxinaria, en realidade, vai moito máis aló. Despois de debullala polo miúdo, de cada semente medran as árbores vizosas da soidade, do concepto de (meta)arte, do humor elegante e sutil ou da esencia das vidas que, coma retallos, se engarzan con fíos invisibles ata formaren unha peza única. Por último, cómpre dicir que A ferida imaxinaria deixa, do mesmo xeito que deixou antes Os seres queridos, un bagazo de novas expectativas fermentando á espera de volver matar a sede.

Imagen

A FERIDA IMAXINARIA (2024)

Autor: Berta Dávila

Editorial: Xerais

PVP: 17,05€


Para dar voz aos soños

Cores rechamantes, tenras imaxes

María Navarro

A lúa convértese, no poemario que vén de asinar Xoán Neira e que publica Medulia Editorial, no eixo sobre o que xiran as vinte composicións que conforman o volume. Son lúas de cores, de bicos, de fume, de sangue, de lobos, de…e todas elas viven e reviven nun universo onde a luz, a escuridade, a palabra, os sentimientos, a esperanza, a ousadía, o xogo e a maxia teñen o seu oco, un acubillo que a propia vida implementa para satisfacer a curiosidade, para darlles voz aos soños, para interpretar os xestos ou para estar no mundo porque a poesía saboréase igual ca o bo queixo, escóitase igual ca o ouleo dun animal, séntese igual ca a quentura do sol. O poeta dirixe os seus versos á cativada dunha forma sinxela, axudándose de metáforas que teñen apoio na vida cotiá “a Lúa reina de noite”, “Branco veleiro/que está a navegar”; tenras comparacións “A lúa insomne/ás veces non dorme/pois ten pesadelos/coma os do meu neno” e apracibles personificacións “co seu aposto rapaz/o luceiro da alba/e pasearán ata o abrente/collidos da man” que obran a maxia de sementar ilusión, de facer posible o imposible ou de traspasar as fronteiras da realidade para alimentar o desexo de sentir a atracción polas cousas miúdas ou polo que nos rodea: o vento, o sol, as mareas, as tebras ou a noite. Pola súa parte, a proposta plástica que acompaña os poemas posibilita unha lectura paralela que discorre entre a sorpresa do astro que xira arredor da Terra e o medio natural no que se desenvolven os seres vivos humanos e animais a través dun trazo preciso, de cores rechamantes e de tenras imaxes que, sen dúbida, atraparán a atención do lector mozo. Ao final, no epílogo que Xulio López Valcárcel dedica á presenza da lúa na literatura universal, Máxica Lúa ocupa unhas merecidas liñas.

Imagen

MÁXICA LÚA (2023)

Autor: Xoán Neira (Ils. Lucía Barros)

Editorial: Medulia

PVP: 21,90€


Pobre, negra e fea

Denuncia e best-seller

Estro Montaña

Incómoda retratista da cultura afroamericana, feminista e activista dos dereitos civís, Alice Walker gañou en 1983, con A cor púrpura, o premio Pulitzer así como o National Book Award. Pouco despois, Steven Spielberg levaría ao cine, co asesoramento da autora, esta obra, pero sen desenvolver con claridade a relación amorosa entre Celie, unha das grandes protagonistas, coa cantante Sugh –apaixonada, independente e imprevisible– e ocultando a reconciliación final entre Celie e Albert, un de tantos negros que no relato practican a violencia sexual. A cor púrpura é unha novela epistolar na que Celie, “pobre, negra e fea” escribe cartas a Deus e á súa irmá Nettie, que está nas Misións en África. Nettie, pola súa parte, escribe a Celie para contarlle a os efectos devastadores do colonialismo e mais a dificultade de convencer os africanos para que abandonen a súa cultura. A correspondencia entrambas dura trinta anos e cómpre subliñar a diferenza de rexistro entre a escrita coloquial de Celie, muller sen formación, e a da irmá á que adora, que escribe nun rexistro estándar máis reflexivo grazas á instrución que recibe. O relato comeza cunha escena brutal que nos introduce de golpe na violencia que han de aturar as mulleres nas comunidades negras, xa que a segregación racial vai acompañada do maltrato que padecen por parte dos homes que as rodean. Celie, que queda embarazada con 14 anos, comezará a cambiar coa aparición de Sugh, muller descarada e artista sen complexos, e co exemplo de Sofía Butler, muller disposta a ir ao cárcere con tal de non humillarse. Este auténtico best-seller, que remata cos primeiros síntomas dunha posible redención das mulleres negras, sufriu intentos de cancelación nas bibliotecas e centros de ensino dos EE UU, e acedas críticas entre os afroamericanos varóns polo estereotipo negativo con que están representados, ata o punto de que moitos membros do sexo masculino nin sequera teñen nome. Sen dúbida, os personaxes femininos están máis matizados e teñen visións da vida ben diferenciadas.

Imagen

A COR PÚRPURA (2023)

Autor: Alice Walker

Editorial: Rinoceronte

PVP: 23€

Suscríbete para seguir leyendo