No diario dunha stripper

A BD e mais as vivencias de Sylvie Rancourt

Á esquerda e centro, viñetas e portada de "Melody. Diario de una stripper". Á dereita, a autora da BD Sylvie Rancourt.

Á esquerda e centro, viñetas e portada de "Melody. Diario de una stripper". Á dereita, a autora da BD Sylvie Rancourt. / Arquivo

Raquel López

O pasado ano, o CentroCentro de Madrid acolleu unha exposición coral, Perdona, estoy hablando, comisariada por Tevi de la Torre (Barcelona, 1976), Teresa Ferreiro Peleteiro (Santiago de Compostela, 1989) e Roberta Vázquez (Santiago de Compostela, 1989). A mesma recollía unha selección de autoras e mais a súa obra autobiográfica, clasificada en diferentes temáticas (relacións, saúde mental, corpo, maternidade, conflictos históricos…), coa pretensión de descentralizar e desprazar o foco de Europa e Estados Unidos e mostrar unha pluralidade non sempre xustamente reflectida cando se fala das pioneiras “underground” da banda deseñada. Pois ben; foi alí onde descubrín a Sylvie Rancourt (Québec, 1959), cuxo cómic, Melody. Diario dunha stripper, fora publicado un ano antes, no 2022, pola editorial mallorquina Autsaider Cómics, aparecendo no mercado español máis de trinta anos despois da aparición do orixinal. Rancourt, como moitas outras autoras e autores, emprega o cómic como medio para contarnos as súas vivencias e mais a súa cotiandade, coa circunstancia de que a súa acontecía en clubs de striptease de Montreal. Pioneira na autoría biográfica de BD, foi unha das primeiras mulleres en autoeditar os seus fanzines no Canadá; e fíxoo nunha contorna tan inesperada como inquedante.

A principios dos anos noventa foise mudar, coa súa parella Nick, a Montreal e, como ningún dos dous atopaba outra fonte de ingresos, Melody (alter ego de Sylvie), empurrada por Nick, decidiu probar sorte como bailarina nun local. Sylvie era xa escritora e contaba con catro novelas para as que non atopara editorial nin distribución, así que decidiu reorientar as súas habilidades como narradora e comezar a debuxar, algo que nunca fixera profesionalmente pero que lle gustaba moito.

Entre 1985 e 1986 compaxinou o seu traballo como stripper coa creación dun fanzine no que falaba desa etapa da súa vida, que vendía aos clientes dos locais nos que traballaba. Polo morbo de atoparse reflectidos e coñeceren as reviravoltas do negocio, estes esgotaron moi axiña as primeiras 500 copias. Semellante éxito fixo que debuxase sete volumes e que en 1989 decidise presentalos a Éditions du Phylactère. Xa no 2014, a compilación foi publicada en Francia pola extinta Ego comme X e recibiu unha nominación nos Premios Angoulema dese mesmo ano, o que a foi poñer na mira da afamada Drawn & Quaterly.

Páxina de "Diario de una stripper".

Páxina de "Melody. Diario de una stripper". / Arquivo

Melody. Diario dunha stripper ofrece un retrato frontal e inusual, pola ausencia de xuízo na súa narración, do mundo dos locais de alterne na década dos oitenta. A autora debuxa con total naturalidade e unha ollada case inxenua, reforzada polo seu estilo gráfico infantil, un mundo cheo de crueza e personaxes, canto menos, turbios. Mestura as historias do seu traballo, describindo as súas compañeiras, xefes e clientes, coas da relación tóxica coa súa parella por aquel entón, un traficante de drogas e material roubado, creando un anecdotario duro e sórdido; honesto, pero sen sesgo moral. Ademais das capacidades narrativas, a obra é interesante polo punto de vista e mais o ton que escolle Rancourt para contar ese momento da súa vida, desestigmatizando e desdramatizando sen evitar describir episodios e persoas terribles (asumindo xa que o peor probablemente non estea incluído). A autora, que deixou claro en entrevistas que dista de considerarse feminista, creou unha obra polémica que, coa súa lectura trinta anos despois. mantén aberto un debate relevante e necesario.

Esta edición de 360 páxinas en branco e negro conta ademais cun prólogo de Chris Ware (EE. UU., 1967) e un epílogo do escritor Bernard Joubert (Francia, 1961).

"El cuerpo de Cristo", de Bea Lema e "Contrition", de Carlos Portela.

"El cuerpo de Cristo", de Bea Lema e "Contrition", de Carlos Portela e Keko. / Arquivo

[object Object]

Entre os días 25 e 28 de xaneiro terá lugar o 51º Festival de Cómics de Angulema (FIBD), un dos grandes festivais internacionais de BD -o máis importante de Europa-, no que se coñecerán as gañadoras e gañadores dos múltiples galardóns.

Este ano están nominados dous autores galegos: Bea Lema (A Coruña, 1985) e Carlos Portela (Vigo, 1967). A historietista Bea Lema opta a dúas categorías pola obra O corpo de Cristo: Premio á mellor obra e Premio ao mellor traballo seleccionado polos centros educativos de Francia. O corpo de Cristo, que xustamente foi desenvolvida mercé a unha bolsa Angulema, foi gañadora do XII Premio Castelao de BD en 2017 e publicada en galego pola Deputación da Coruña. A finais do ano pasado, a editorial Astiberri publicouna en castelán. Trátase dunha entrega íntima que nos achega con sensibilidade e sutileza a visión infantil, e aínda non desencriptada, da percepción á enfermidade mental dunha nai a través dos ollos dá súa filla.

Polo seu lado, o guionista Carlos Portela opta a un premio -por obra seleccionada polos usuarios de ferrocarrís- coa novela Contrition (Norma Editorial, 2023), debuxada por Keko (Madrid, 1963); un thriller situado en Contrition, unha localidade perdida estadounidense, marxinada, habitada forzosamente por condenados por delitos sexuais.

Suscríbete para seguir leyendo