Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Corpo de Cristo, BD

Arredor do tabú da enfermidade mental

Viñeta da novela gráfica O Corpo de Cristo.

Nacida n´A Coruña en 1985, O Corpo de Cristo vén constituír a primeira novela gráfica de Bea Lema, quen resultou ser a gañadora do XII Premio Castelao, en 2017. Estamos diante dunha obra de carácter autobiográfico na cal a autora fala de forma, ás veces máis e ás veces menos, velada da enfermidade mental dunha nai contemplada a través dos ollos da súa filla pequena: xa que logo, de cómo a padecen ambas, cada unha á súa maneira, de como tentan xestionala (ou negala, no caso da nai) e de cómo a doenza afecta á familia (pai, filla e fillo), que a vive cunha resiliencia e un silencio incómodos, incapaces de ignoraren o elefante que está na habitación, pero tamén sen diverin quen de sacalo fóra.

Unha obra arriscada, pois, canto á temática e ao seu tratamento e tamén, aínda que menos, arriscada nas formas. Bea Lema ten un estilo gráfico minimalista, branco e negro, con gran cantidade de aire, bastante naïf, que contrasta coa dureza do tema do que fala. A novela está fiada en pequenas historietas dunha ou dúas páxinas como moito: lembranzas narradas en composicións un tanto atípicas. Lema adoita prescindir das viñetas e opta por situar as secuencias no baleiro da páxina, alternándoas con imaxes evocadoras ou textos sinxelos. O resultado funciona. Non só polo artístico, senón tamén porque transmite moi ben a sensación de soidade dos personaxes e mais a distancia que crea un tabú, a enfermidade mental, entre persoas cunha relación íntima. Ademais, a composición facilita a fluidez narrativa, xa que dispón os fragmentos do relato con certa arbitrariedade, como se se tratase da memoria. O único problema perceptible é un pequeno desaxuste nos diálogos, que moitas veces están ordenados de forma contraria ao sentido de lectura natural e, aínda que non é un obstáculo, saca o lector unha chisca da historia.

O tema escollido devén interesante porque é algo máis habitual do que se adoita comentar e, nas familias máis tradicionais, é unha cuestión que se trata de forma moi elusiva, pero tamén, como se adiantou, conforma un tema espiñento. É difícil abordalo coa sensibilidade adecuada, sen caer no melodrama, e con esa sobriedade que non encobre a crueza, pero que tampouco a enxalza innecesariamente. Cómpre, entón, destacarmos a sutileza da narración, que deixa unha lectura íntima entre liñas. Non cae no obvio, que sería irreal, de contalo e explicalo todo, erro que é fácil cometer. Agradécese, e moito, esa madurez, pero bótase en falta certa profundidade nalgúns puntos que só toca superficialmente, incumprindo dese xeito as expectativas que xeran título e cuberta. Na sinopse din que a nai busca unha "solución na relixión e somete a familia a certos ritos en busca da salvación" e, aínda que somos testemuñas da negación da enfermidade pola súa parte ,a través das mención a certa relixión e dalgúns episodios nos que acode a persoas que non son médicos (semella que o fai máis por confusión mental que buscando algo como a Salvación), dita temática non acaba de presentarse dunha forma sólida ante o lector. É posible que se mostre de forma subrepticia na falta de autoestima, a obsesión e o excesivo control que ten sobre o fillo, pero é algo demasiado opaco, e son episodios suficientemente importantes como para ter unha presenza máis clara.

En calquera caso, iso non quita nin mérito nin interese á obra, que é unha moi boa ópera prima cos erros que resultan de asumir riscos, sempre síntoma de boa saúde nunha autora ou autor.

Sobre a autora

  • Bea Lema (A Coruña, 1985) é unha ilustradora e unha autora de banda deseñada. Ás veces tamén fai deseños. Tras estudar Deseño de produto na Universidade da Coruña, en 2010 comezou a traballar para a recoñecida firma de cerámica Sargadelos. Desde 2013, desenvolve o seu labor de forma autónoma ao tempo que vén participar en proxectos para diferentes clientes, entre os que os se atopan a revista sobre cómics Fuera de Margen, as Bibliotecas Municipais da Coruña, a Cidade da Cultura de Galicia ou o Concello de Santiago de Compostela. En 2017, Lema recibiu o XII Premio Banda Deseñada Castelao da Deputación Provincial da Coruña na categoría principal pola súa ópera prima O Corpo de Cristo e, un ano máis tarde, foi realizar unha exposición sobre a devandita novela no festival Viñetas desde o Atlántico da Coruña. Xa no ano en que estamos, Bea Lema vén de participar aínda na exposición colectiva MiiC 2, Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, celebrada en Santiago de Compostela.

Compartir el artículo

stats