Orgullo punk, dignidade paddy

No adeus a Shane MacGowan

Shane MacGowan, no centro, con The Pogues.

Shane MacGowan, no centro, con The Pogues. / V. Neira

V. Neira

Atrincheirado dende un curruncho. Fero, indomable e percorrendo os carreiros máis escuros dunha odisea artística; vital e emocional arreo, a verter sangue a cada paso: así foi como entendía o mundo a obra, e figura, de Shane MacGowan. Exactamente como un “outsider“ punk que invocou todos os santos, e tamén os diaños, dunha música tradicional irlandesa á que puxo no universo como gran mesías e icona pop que el foi. No lado salvaxe sempre, irreverente e aparentemente paseando da man coa mesmísima morte nunha marxe de pubs, barras e excesos onde sempre semellaba tan feble como infinito e raramente eterno. E detrás de todo iso, da sona ben merecida de “drunker” inmenso e incorrixible, da constancia de adicto a todo, viña habitar aínda a alma do autor dalgunhas das cancións máis fermosas, ásperas e doces, emocionantes e latexantes da historia da música contemporánea.

MacGowan morreu aínda xove, si, e levaba anos sen publicar nada novo, e igual iso é o que máis apena dese camiño que escolleu e que dese xeito lle cobrou a súa peaxe. Mais aínda así, na obra feita, ninguén cantou tan atinadamente ben a cuestións tan humanas e relevantes como o amor, a emigración, a soedade, as nostalxias e as vidas consumidas entre cravos e trabadas. Por outro lado, e falando de legados, sen Shane MacGowan, e mais os seus Pogues, probablemente un monllo de grupos espallados polo mundo adiante nunca axeitaran existencia como tales. Porque Shane e compañía foron inspiración e referencia fundamental: fórono polo seu xeito de entender a música e mais as cousas que nas súas cancións nos contaban. Máis aló doutras consideracións, eles, e el, supuxeron a grande alfaia musical da autenticidade máis senlleira, con ese estilo baleiro de complexos e cargado de tradición, de particularísimo punk rock, de punk celta, de actitude, de existencialismo puro, de orgullo de clase e de humanismo brutal e amor. Eles foron tremendamente orgánicos, e directos, e os seus discos conforman xoias inesquecibles que gardaremos no noso maxín como biblia imprescindible.

Trátase, pois, de cancións adorables que MacGowan deixou, tanto neses proxectos compartidos como nos seus discos en solitario. Delicadeza, crueza, poesía, malditismo e enerxía vital que colleitou incluso fans confesos e de pedigrees tan populares como os propios Paul McCartney, Nick Cave, Elvis Costello, Joe Strummer, Bono ou aínda Bruce Springsteen, que afirmaba tras da morte de Shane que probablemente dentro de cen anos ninguén se acordaría dunha canción súa mentres as de MacGowan continuarán aí. O caso é que despois de moitos anos camiñando polo arame frouxo, foise o gran Shane e esperada, ou inesperadamente, deixounos para sempre a súa voz agridoce e desfeita e mais o seu pétreo, e sacro, orgullo irlandés.

Quedan, daquela, os discos, as lembranzas asociadas e, desde logo, tanto que admirar arredor de como un artista ten que amar a súa cultura, defendela e fornecela. Nos anos setenta, e oitenta do pasado século, ser un “paddy” en Londres era motivo de burlas e de cousas peores en pleno conflicto e co golpeo do IRA nas súas rúas. Un aldeán de Irlanda na cidade da cultura universal. Hoxe ser un “paddy” é motivo de orgullo. Este nadal “Fairytale of New York” vai soar máis tremendamente áspera que nunca.

Orgullo punk, dignidade
paddy

Celebración dos 20 anos de Dios Ke Te Crew. / FV

20 anos con Dios Ke te Crew

A festa foi en Compostela, nas súas dúas grandes salas de referencia: a Sala Capitol e a Sala Malatesta. Así armaron os Dios ke te Crew as súas propias festas patronais nun sábado deses que xa quedarán para a historia da nosa música. Unha xornada na que convidaron a moitas e moitos músicos da escena actual nunha dobre cita na que a música foi protagonista, cunha sobresaínte programación dende ben cedo na capela da rúa Concepción Arenal e, até ben tarde, na da rúa de San Lourezo, mais coa refulxencia fascinante, e no centro de todo, duns Dios ke te Crew que alí recibiron o cariño merecido e a admiración total nun contundente “sold out” dunha parroquia que os contempla como un dos grandes capítulos da nosa historia cultural e musical.

A crew de Ordes celebrou así os seus primeiros 20 co estado de forma dun púxil que sabe bailar e pegar con absoluta solidez, certeza e oficio. Con cancións que xa son parte dese xiro á contemporaneidade da nosa música, no que eles foron peza imprescindible. O mundo tiña a Public Enemy e nós temos a Dios ke te Crew; eles tiñan o rap para espallaren o orgullo de clase e afrodescendente, e nós temos as palabras afiadas e as neuronas espabiladas dos nosos rapeiros para autoafirmarnos culturalmente, tamén a golpe de rimas, verdades coma puños e moita retranca “made aquí”.

Fáiseme complicado contar a emoción vivida e o amor e sinerxias compartidas nesa inesquecible festa de aniversario pero abofé que teremos a posibilidade de gozalos en directo mentres prometen nova entrega discográfica para axiña. Aquí van, pois, os noso aplauso infinito e os nosos parabéns a uns Dios Ke te Crew fundamentais para a música galega e feita en galego.

Suscríbete para seguir leyendo