Arquitecturas vexetais

Visitando o estudo de Idoia Cuesta

Román Padín Otero

O estudo de Idoia Cuesta atópase en Lugo, entre fragas e néboas, nunha vila con estreitas rúas e corredoiras envoltas en muros de pedras húmidas. Hai tamén unha carballeira e unha fonte. Escóitase o galo e as campás das igrexas do lugar e outras parroquias veciñas. É un estudo das artes no campo de Galicia, rodeado de vieiros pétreos, ramallos verdes e regatos de auga fría, todos eles enredados coma se dun cesto se tratase.

A escola unitaria, transformada en centro de actividades que logo deu en servir como estudo de Idoia Cuesta, ten unha arquitectura sinxela, case que evidente, mais agocha moitas pequenas facianas cheas de personalidade. Hai unha entrada facendo alpendre que se converte en espazo para mostrar as pezas máis volumétricas das feitas por Idoia, grandes chapeus transformados en medallóns. Algúns cestos feitos friso decorativo; outros serven como maceta para pequenas plantiñas

Dunha volta contou Idoia que os pequenos cestos non ocupan máis que as dúas mans, estaban expostos en Milán no showroom de Loewe, a máis importante casa de moda de luxo, orixinariamente española, e os visitantes que eran eminentemente nipóns estaban marabillados pola sinxela fermosura deses cestiños trenzados en coiro que semellaban máis unha peza para Fundación Loewe que para a parte comercial do gran nome de moda en España.

Os cestos eran decoracións para a sala de mostras, mais nun intre aquelas persoas vestidas con roupas de Issey Miyake e Comme des Garçons camiñaban polos corredores do palazzo que facía as voltas de expositor, levando os cestiños... coma bolsos!

A traxectoria da artista vai para alén das barreiras e dos muros

Claro que o éxito de Idoia colaborando con Loewe, que a colocou nun eido de arte e deseño, atopa explicación nin máis nin menos que niso: a mímese entre creación experimental e novos valores nos mercados, especialmente nos mercados do luxo nos que se procura unha diferenciación sobre a base a excelencia en manufactura, a tradición dos oficios e mais a actualización de formas para novos usos.

Mestres fala Idoia destas cousas, das modas a das artes, vai debullando unhas formas co vimbio no que ela chama “técnica do caos.” Primeiro fai uns aros coma os olímpicos, que se mesturan entre eles e logo se van pasando ramallos de vimbio facendo un xesto circular mais carente de patrón simétrico nin regular. Dese xeito pode ir facendo cousiñas pequenas e mesmo outras moi grandes coma columnas ou estruturas case que de arquitectura temporeira.

O xeito de traballar de Idoia permite crear todo tipo de accesorio, dende pulseiras e xoias varias até chapeus, cestos para roupa e outros para poñeres a costura. Decoracións grandes coma un salón e outras pequenas como a morada dun coello ou a gaiola sen porta dun paxaro amarelo.

A traxectoria de Idoia Cuesta non coñece de barreiras nin muros, mesmo os que ela constrúe son un alarde de arquitectura vexetal que vai entrelazando vimbios enraizados que se dirixen coma unha sucesión de arcadas. A arte de hortas e xardíns de Idoia Cuesta sería un nova paradigma da historia cesteira.

A cor vermella

Dunha volta, Idoia atopou nun fornecedor de efectos navais un fio mais ben groso, de cor vermella e material transparente, que recorda unha fibra de vidro. Con este fio máxico teceu varias enigmáticas cestas que máis ben recordaban as lámpadas do artista xaponés Isamu Noguchi que as artes cesteiras tradicionais. Con esas pezas e con todos os demais traballos gañou moitos premios e recoñecementos.

Eran obxectos estraños, formas unicas orgánicas que moi ben recordan ás flores decadentes de Des Esseintes na novela Á rebours de Huysmans. Moitas xuntas son un xardín de bulbos debaixo da ría. Esas pezas viaxan a todo o planeta, irán no outono a Corea. E contan que un palazzo veneciano que mira cara á ponte de Rialto, e que fica decorado en cores vivas como lume, ten uns tecidos de Rubelli que agardan polos enigmáticos corazóns de flor para combinarse e faceren unha nova obra de arte total, con auga, rúas entrelazadas e arcadas flamíxeras.

Suscríbete para seguir leyendo