Entrevista | José María Paz Gago Escritor e catedrático de Literatura

“Vigo acolleu as primeiras proxeccións de cine en Galicia”

José María Paz Gago

José María Paz Gago / Víctor Echave

Especializado no estudio das relacións da Literatura coas Artes e as Tecnoloxías, nomeadamente co espectáculo, o cine ou a moda, Gago ven de publicar "La máquina de la eternidad" (Hércules Edicións), subtitulada "José Sellier, el primer cinematografista", biografía novelada dun pioneiro do cine en Galicia.

–De onde vén o título de "La máquina de la eternidad"?

–Cónstame que os primeiros cineastas consideraban que as persoas que filmaban estarían aí para sempre, cos seus movementos, os seus xestos...e por iso para min o cinematógrafo vén ser a máquina da eternidade. Por exemplo, grazas a que existe unha película de catro minutos con Emilia Pardo Pardo Bazán, sabemos como era realmente aquela muller: pequena, pero elegante, e unha grande sedutora. E o mesmo podería dicirse doutros grandes persoeiros, como o mesmo Valle-Inclán.

–Por que recorreu ao xénero da biografía novelada, e non ao da biografía propiamente dita, para escribir este libro?

–"La máquina de la eternidad" parte dun traballo de investigación que comezou o profesor da Universidade de Vigo, José Luis Castro de Paz, catedrático de Historia do Cinema no campus de Ourense, que desenvolveu un traballo académico sobre José Sellier. Pero eu creo que, ademais de traballos académicos, estamos diante dunha figura que necesitaba ser divulgada,e por iso optei pola biografía novelada, que é algo máis ameno e chega a máis lectores/as.

–Coñécense as razón polas que Sellier e mais a súa familia decidiron asentar na Coruña?

–Os Sellier procedían da bisbarra francesa de Lyon e o pai chegou aquí para traballar na fábrica de vidro Marcial del Adalid da Coruña. Os fillos desa primeira xeración reconvertéronse en fotógrafos e, na segunda metade do seculo XIX, abriron un estudio chamado Fotografía de París Sellier Hermanos. Os irmáns Luis e José foron os primeiros que trouxeron unha máquina de cinematógrafo a España. Eles eran amigos dos Lumière, tamén de Lyon, e José foi o primeiro que en España tomou vistas cinematográficas.

"Estamos diante dunha figura que necesitaba ser divulgada,e por iso optei pola biografía novelada"

–Un sorprendente descubrimento que fai público neste libro é que a primeira película que se rodou en España, e concretamente na Coruña, foi "El entierro del general Sánchez Bregua". En que se basea semellante descuberta?

–O mérito deste descubreminto correspóndelles a José Castro de Paz e José María Folgar de la Calle, e ten a súa importancia, porque ata hai pouco se pensaba que a primeira película filmada en España fora "Salida de misa de doce de la Iglesia del Pilar de Zaragoza". Críase, erroneamente, que esa película era de 1896, pero resultou que, en realidade data do ano seguinte, é dicir, de 1897.

–Como se soubo iso?

–Porque o pai dos Lumière controlaba todo o negocio do cine; digamos que eles tiñan a franquicia e soamente os seus operadores estaban autorizados a filmar e proxectar. Os Lumière controlaron estrictamente esa patente ata maio de 1897, do cal se deduce en primeiro lugar que Eduardo Gimeno no puido filmar "Salida de misa de doce de la Iglesia del Pilar de Zaragoza" en 1896 porque daquela non podía dispoñer dun cinematógrafo, xa que os aparatos non estaban á venda. Pero dos Sellier sábese que fixeron filmacións e proxeccións durante 1897, entre outras razóns porque hai moitas referencias delas na prensa da época. E, malia que non se conservan as fitas, si que se conservan as fotografías de "El entierro del general Sanchez Bregua" que se fixeron durante a filmación, que foi estreada en xuño 1897,é dicir, meses antes de que a película de Lozano se proxectase en Zaragoza, que foi en outubro dese ano.

–Onde e como proxectaba Sellier as súas películas naqueles tempos?

–Comezou no Bazar de la Industria, unha tenda na rúa Real na que adoitaban facerse exposicións de arte. Pero tiña pouco aforo, só cabían cincuenta persoas. Por iso pediu permiso para facer proxeccións nos Xardíns de Méndez Nuñez, pero non llo concederon. Ao cabo, tivo que recorrer ao seu estudio fotográfico e convertelo en sala de proxección, pero tamén con aforo reducido.

"De maneira que ben se pode dicir que o cinematografo chegou a Vigo antes que á Coruña"

–Chegou a rodar ou a facer proxecciós fora da Coruña?

-Si, si. Fixo unha xira proxectando en Vigo, Pontevedra, Santiago….En Vigo adiantáronselle uns cineastas portugueses, os Marqués de Acevedo, orixinarios de Porto. Eles eran, precisamente, os concesionarios dos Lumière en Portugal, e por iso tiñan proxectores antes incluso que o propio Sellier. De maneira que ben se pode dicir que o cinematografo chegou a Vigo antes que á Coruña, o cal non quita que as primeiras películas feitas en España foron as dos Sellier.

–Como é posible que non se conserve ningunha das súas películas?

–Aconteceu que os primeiros cineastas, incluídos os propios Lumière, acabaron moi decepcionados co cinematógrafo. O propio Louis Lumiere chegou a dicir que “o cine é un grande invento pero sen ningún porvir”. Felizmente, trabucouse por completo.

–A que se debía esa decepción?

–A que eles dedicábanse a facer fitas moi breves, de non mais de catro ou cinco minutos, de vistas cinematográficas. E, claro, iso acabou por aburrir o público. De feito, a partir de 1901 José abandoa o cinematógrafo e volve dedicarse integramente á fotografía. Non lle deu importancia ningunha a aquilo que tiña feito. E os Lumière tampouco. E foi por iso que se perderon. Sería xa a partir de 1903/1904 cando algúns cineastas, principalmente Georges Méliès, se decataron de que o cine era un moi bo instrumento para contar historias. E velaí que se comeza a facer cinema de ficción, a contar historias, que é o que engancha o público, e así ata hoxe.

–Ademais de Sellier, que outros pioneiros do cine traballaban nesa época en Galicia?

–Eu sinalaría por enriba de todos eles a José Gil, nado en As Neves pero residente en Vigo, que, a diferenza de Sellier, si que continou facendo cine. E tamén habería que citar a familia Barbagelata, uns cineastas ambulantes que viñan de Italia, e que percorreron Galicia facendo proxeccións nás décadas de 1910 e 1920.

–Sellier tamén era fotógrafo. É certo que chegou a facerlles fotos s Emilia Pardo Bazán e a Rosalía de Castro?

–Si. De feito, a foto máis icónica que se coñece de Rosalía de Castro, fíxoa Sellier, porque el era o fotógrafo da grande burguesía galega daqueles tempos. Tamén fotografou os irmáns Picasso, a Santiago Casares Quiroga e mais a súa familia…e, cómo non, ademais de filmala, fíxolle fotos a Emilia Pardo Bazán, con quen mantiña unha grande amizade que eu, no meu libro, convirto en namoramento. Trátase de algo que non podo probar realmente, pero que se non è vero, è ben trovato.

Suscríbete para seguir leyendo