Arte

Transitar 'nowunderkammer'

Viaxe ao estudo de Rafael Cidoncha

O pintor galego Rafael Cidoncha (Vigo, 1952) traballando na súa casa estudo (Madrid).

O pintor galego Rafael Cidoncha (Vigo, 1952) traballando na súa casa estudo (Madrid). / Román Padín

Román Padín Otero

Cando se entra no atelier, entre dúas cráteras gregas, xorde unha escultura asinada polo propio dono do mesmo que representa un bodegón con aires metafísicos. Varias froitas espalladas sobre un pano e outras varias botellas reflicten a ficción da escultura na realidade fría da mañá madrileña. Pero hai moitos máis obxectos de colección na casa estudo de Rafael Cidoncha antes de penetrarmos na sala onde pinta. Uns gravados da suite Vollard de Picasso, un retrato dun Cidoncha nos seus anos mozos, feito por David Hockney, cadeiras fernandinas, unha colección de pezas romanas e unha gran paisaxe en óleo de Aracena asinada polo noso anfitrión. Esa colección de obxectos no inicio da visita conforma un esbozo da personalidade do artista nado en Vigo, formado na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid e veciño de París durante moitos anos: alguén interesado pola creación en todas as súas facianas e inmerso nunha escena cosmopolita onde o coñecemento da historia da arte é tan relevante como a capacidade filosófica de entender o entorno con relatividade.

Paletas XVIII (2021).

Paletas XVIII (2021). / Rafael Cidoncha

Como retratista de paisaxes, Cidoncha manifesta unha grande actitude de curioso botánico, e frecuentemente pinta follas, ponlas, árbores e rochas cunha precisión de miniaturista virtuoso. Son moi recoñecidas as súas composicións de ponlas de árbores executadas con grafito. Asemade fermosas, son as vistas dos campos das serras andaluzas, de Tánxer, das costas atlánticas e mediterráneas. Noutras visións de campos retrátanse escenarios entre a arqueoloxía e as belas artes, tal é o caso das paisaxes de castros ou ruínas de edificacións, executadas coa precisión dun traballo académico. Hai outras imaxes que están concibidas como unha metamorfose, tal é o caso dos retratos de cactus ou xardíns mediterráneos; neles, as plantas illadas no espazo valeiro cobran identidade escultórica e non ollamos xa cara un ramallo se non cara á súa alteridade como peza de arte, unha sorte de obxecto atopado con vida propia. Conta tamén no seu catálogo con vistas panorámicas de cidades pintadas cunha idea de vanitas, executando unha secuencia da paisaxe cada hora até completar unha xornada. Unha paixón de Cidoncha é o retrato de interiores, un estilo moi frecuente no século XIX e que reflicte coa precisión dun reloxo suizo a decoración dun salón no lenzo ou no papel.

Transitar nowunderkammer

Rafael Cidoncha, no seu estudio. / Román Padín Otero

Canto aos retratos de naturezas mortas, atopamos neles varios capítulos de relevancia. A medio camiño entre a paisaxe e a mesma natureza morta, atopamos as pinturas de rochas chinesas, empregadas nas escolas de arte como modelo nas aulas de debuxo e que teñen formas evocadoras, constituíndo sen dúbida unha das singularidades do seu estilo. As composicións de estudos arqueolóxicos voltan ser unha idea contemporánea da intertextualidade onde ao estudo científico se vén engadir a proposta das belas artes. Hai neste caso bodegóns de xerros gregos ou esculturas romanas; pero Cidoncha pinta tamén bodegóns de libros e libretas. Entón, o discurso esteticista é principal, e as moreas de libros pintados con detalle ocupan sen perspectiva a totalidade do lenzo, mentres que as libretas ou arquivadores deixan ver as súas páxinas furadas e dobradas. O artista pinta tamén conxuntos de obxectos ciscados sobre unha mesa ou cadeira. Hai retratos da materia da que están feitos os soños, os tubos de óleo. Hai retratos de xerros, vasos, copos e pratos. Claro que desta volta aparece con xenio o arqueólogo dentro do artista e os pratos son, unha volta louza árabe e, outra, porcelanas europeas; os vidros cataláns aparecen mesturados con pezas mexicanas ou xaponesas.

O estudo confórmase así como un arquivo enciclopédico ou wunderkammer, que ben semella o gabinete dun doctor Coppélius. Ao ritmo da música de Léo Delibes, e con argumento de E.T.A. Hoffmann, as cousas inertes cobran vida nele. Visitar a Rafael Cidoncha (Vigo, 1952) nel, dentro do Barrio de las Letras en Madrid, constitúe unha inmersión no refinado mundo das belas artes e da pintura figurativa.

Felipe VI con la cruz de la Orden de Alcántara (2021).

Felipe VI coa cruz da Orde de Alcántara (2021). / Rafael Cidoncha

[object Object]

Un dos sinais de identidade da pintura, escultura e debuxos de Rafael Cidoncha está nos seus retratos de persoeiros. En décadas pasadas, a maior parte dos retratados pertencían á jet-set internacional e nunca deixou de retratar os persoeiros das artes e da cultura. Son cadros con forte contido psicolóxico, onde a persoaxe olla cara ao visitante con realismo, rodedado dun interior que non fai máis que concentrar as miradas nas mans e na face de quen aparece no cadro.

Entre outros retratados singulares que pasaron polo ollo e a man do noso artista, Cidoncha atopamos o rei Felipe VI, o rei Xoán Carlos I, o escritor Mario Vargas Llosa, o editor de moda André León Talley, o político Francisco Vázquez, o filósofo Bernard Henry-Levy, o empresario Luís de Valdivia, a mecenas María José Jove, a célebre Lee Radziwill, a política Ana Pastor ou o “pai” da constitución, Miguel Herrero de Miñón. De certo trátase dun catálogo de notables mulleres e homes que destacaron nos campos da política, das artes, da cultura, da empresa, da filosofía ou na dura tarefa de vivir a vida, que é o espello do tempo.

Suscríbete para seguir leyendo