-Qué ten e qué non ten Un neno na emigración de autobiografía?

-Ten o nome e mais a circunstancia de ser un neno da emigración; a partir de aí, o demais vén ser un soño.

-Este libro é a súa primeira incursión na literatura infantil. Era este xénero unha "materia pendente" na súa traxectoria literaria? Por que se decidiu agora a abordar o reto de escribir para nenos?

-Non; nunca tiven "materias pendentes." Foi a necesidade de contar e tamén de facer entender algo que está aí, perto de nós e que moita xente non entende. Fóra de toda opción política, quixen desmontar ese pensamento de que os nenos poden manter a súa identidade e aprender outras linguas. Non esquezamos o que dixo Castelao: "Somos galegos por obra e graza da nosa lingua" . Sinto que tanto en Galiza como na emigración, continúa nos xenes ese complexo de inferioridade. Os políticos que nos representan seméntano cada día.

-Requeriu dun esforzo maior que esoutro de escribir para adultos?

-Non, simplemente é distinto. Os nenos están libres de todas as ataduras e contradicións; son lectores sinxelos que entenden sen malicia a mensaxe dos soños.

-Chama a atención que o libro sexa trilingüe (galego-castelán-inglés)...

-A intención non foi outra que, ao vivir en Nova Iorque, o libro puidese viaxar no mundo comercial hispano, onde tamén me movo en círculos literarios e tamén nas escolas bilingües da cidade,; sobre todo agora que temos unha responsable de educación que é de orixe galega.

-O seu libro anterior a este, Ratas en Manhattan, é moi duro e trata sobre a "cara B" da emigración. É Vde. un emigrante desencantado diso que chaman "o soño americano" se é que alguna vez existiu?

-En realidade, o soño non é americano, é o soño que levamos cada un de nós a onde vaiamos. Desencantado si estou: de acó e mais de aló.

-Até Ratas en Manhattan, a maior parte da súa obra literaria é poética. Qué poesía é qué poetas son os seus referentes?

-Se ben de neno a poesía de Bécquer comeume os miolos, cando fun collendo conciencia do que somos, entendín que o poeta ten que estar ao lado do pobo, ten que educar e defender o que o necesita. Cáseque todos os problemas que temos no mundo son un problema de educación. Son moitos os referentes que teño. En galego, dende Rosalia de Castro, Curros, Cabanillas...até Celso Emilio ou Manuel María. En castelán, dende Quevedo, pasando por Neruda, até César Vallejo.

-A todo isto, por que emigrou Vde. aos Estados Unidos?

-Non foi, como din moitos, que os galegos emigren porque son aventureiros. Emigrei por necesidade.

-Existe hoxendía, de feito. unha colectividade galega en Nova Iorque ou, por dicilo dalgunha maneira, "cada un vai ao seu"?

-Existe , pero non organizada do xeito que debía. Despois do exilio, os galegos viñeron aquí a facer cartos. A proba está en que se vive dentro daquilo que fixeron aqueles homes que tiñan un compromiso coa cultura e coa terra. En Nova Iorque, eu síntome realmente no exilio doutro exilio, por non poder espallar a cultura galega dentro da miña comunidade.

-Moi pouco se ten escrito sobre a emigración galega en Estados Unidos, sen embargo hai moitos galegos vivindo alí. Por que coñecemos tan pouco desta emigración en comparación coa de países como Arxentina, Uruguai ou Cuba?

-Eu creo que hai una gran diferenza canto a comunidades de emigrantes. Sabemos que en calquera deses países hai moitos máis galegos. Pero é certo que pouco se ten escrito da emigración nos Estados Unidos, a pesar da influencia de Castelao na comunidade de galegos, na defensa dos negros, nos duros traballos dos galegos no desenrolo da cidade, como os que deixaron a pel na Ponte de Brooklyn.

-A imaxe dos Estados Unidos, ou da clase media dese país, que sae nas series de televisión, ten algo que ver coa realidade? Os americanos son así como nolos pintan nas series, sobre todo nas comedias familiares, ou non ten nada que ver?

-Eu vivo en Nova Iorque, que nada ten que ver co resto do país. De todas as maneiras, a sociedade sempre busca estereotipos pola súa convenencia. Todos sabemos que Hollywood é una máquina de destrución masiva; polo tanto, depende de nós crer naquilo que nos venden.

-Importálle ao norteamericano medio o que pasa en Europa?

-Creo que non, e se lle preocupa pode ser no que lle poida afectar o desenrolo económico do seu país.

-Que é, entón, o que lle importa ao americano medio?

-O primeiro, seguir sendo un imperio. Seguir mandando. Neste intre de crise global, de sobrevivir, dánse conta de que nos Estados Unidos, un americano medio vivía moito mellor nos anos sesenta que agora. Na sociedade americana, como en todas outras sociedades do mundo, redúcese o espazo, e os ricos cada vez son máis ricos e os pobres crecen en cantidade.

-Poderíase considerarse un xénero de seu a literatura galega na emigración?

-O xénero refírese á maneira de escribir, pero se o entendemos como temática, si. Sabemos que cronolóxicamente hai una riqueza literaria na historia da emigración, poño por caso Luís Seoane, Blanco Amor, Neira Vilas e moitísimos máis.

-Desde Nova Iorque, que perspectiva ten Vde. do estado da literatura en galego na actualidade?

-Canto a creación, moi boa, non sei se é pola crise, que os escritores teñen máis tempo, pero para min é moi bo, non hai una ruptura, senón unha continuidade. Hai nomes, como Ramón Caride, Riveiro Coello, Xerardo Quintiá, Adolfo Camaaño e aínda moitos máis escritores, que representan a nosa literatura con moita calidade e dignidade. O que si hai é una deficencia estrutural canto ás axudas á edición que, ben se recortaron ou desapareceron, creando unha crise no sector editorial que fai que moitas editoriais estean a piques de pechar. Por outro lado, teriamos que ter un canle de tradución cara ao exterior,;é dicir, temos que traducir os nosos creadores no xénero que sexa, para que noutras linguas nos coñezan e valoren.