ENTROIDO AROUSA

Cambados aposta forte polo Entroido 2023

» Chega con grandes novidades como a festa infantil
 que terá lugar no parque de Torrado o sábado

Entroido de Cambados o pasado 2022, 
que este ano reforza a súa programación con novidades.

Entroido de Cambados o pasado 2022, 
que este ano reforza a súa programación con novidades. / INAKI ABELLA DIEGUEZ

Cambados aposta forte polo Entroido 2023 e amplía tanto a programación de actividades coma as dotacións de premios dos concursos de carrozas, comparsas e disfraces para gozar dunha das grandes citas do inverno galego. Deste xeito, entre as principais novidades de esta edición destaca a festa infantil que acollerá o parque de Torrado durante toda a tarde do sábado a partires das 16.30 horas. 

Venres, 17: ‘A túa cara sóame!’

“O sábado de Carnaval sempre foi moi importante no Concello e por iso queremos potencialo con este gran evento para os máis cativos”, explica neste senso o edil de Cultura, Tino Cordal, sobre unha programación, que comezará moi forte xa o venres, 17 de febreiro, cando o tradicional certame ‘A túa cara sóame’ pase a ser o encargado de inaugurar o Entroido cambadés ás 22.30 horas na praza de Alfredo Brañas, unha das localizacións protagonistas por excelencia destas festas. 

Sábado, 18: Leda Atómica e Terrae en concerto

O sábado, pola súa banda e ademais da nova festa infantil para os cativos, haberá máis música e diversión tamén á tardiña, coa Batukada de Olodium do Coio ás 20.00 horas, e dous concertos na praza de Alfredo Brañas: se Leda Atómica actuará ás 21.00 horas, Terrae farao a partires das 23.30 horas. 

Entroido de Cambados o pasado 2022, 
que este ano reforza a súa programación con novidades.

Entroido de Cambados o pasado 2022, 
que este ano reforza a súa programación con novidades. / INAKI ABELLA DIEGUEZ

Domingo, 19: Gran desfile de carrozas

O domingo, 19, chegáralle a quenda á que está considerada como unha das grandes citas do Entroido en toda a comarca da man do tradicional desfile de carrozas de Cambados, que partirá de San Tomé ás 17.00 horas para rematar en Fefiñáns e que este ano, como non podía ser doutro xeito, tamén se presenta con novidades da man da participación de bolboretas xigantes, patinadoras, e homes espello. 

O desfile, que contará cunha batucada á cabeza, aumenta ademais a súa dotación de premios. Deste xeito, á gratificación de 250 euros que reciben todos os anotados soamente por participar, sumáranse ata 700 euros no caso do primeiro premio (o total ascenderá a 950 euros); 600 no caso da segunda (850) e 500 para a terceira (750). 

Luns e martes, 20 e 21: concursos de disfraces

Ademais dos concursos de disfraces que acollerá o Salón Pena a partir das 17.00 horas do luns (categoría infantil) e da mesma hora o martes (xuvenil e adulto); terá lugar tamén o martes, pero xa ás 18.30 horas, o certame de comparsas na praza de Alfredo Brañas, no que repetirán grandes galardóns: con 600, 450 e 300 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente, ademais da gratificación de 200 euros por participar, o que deixa unhas cantidades de 800, 650 e 500 euros para os tres grandes gañadores da cita. 

Mércores, 22: Enterro da sardiña

Finalmente, e coma é tradición, o enterro da sardiña será o encargado de despedir a cita ata o ano que vén coincidindo co mércores de Cinza. A comitiva fúnebre partirá ás 18.30 horas da tarde desde a praza do Concello ata a praia de San Tomé, na que, xunto ao peixe, este ano tamén arderá unha representación do tan controvertido Mundial de Qatar.