A cidade respiraba interese pola política municipal

Claudia Delso

Nas eleccións municipais de 2015 presenteime por primeira vez nunha lista dun partido político e participei nunha campaña electoral como candidata. Daquela traballaba de freelance como xestora cultural e tamén daba aulas extraescolares nun colexio da Coruña. Foi no cole, a través da mirada curiosa e das preguntas da rapazada, onde me decatei por primeira vez do que significaba ser candidata. Empezar a aparecer nos xornais, na radio e a falar en público significaba, para a rapazada, visibilidade e algún tipo de poder. Durante aquelas semanas algúns dos prexuízos e tamén das expectativas que seguramente escoitaban na casa sobre nós (unha candidatura unitaria onde confluiamos persoas moi diversas e descoñecidas para gran parte da cidade) chegaban a min a través de persoíñas de 9, 10, 11 e 12 anos cheas de interese sobre por que a súa profe era, de súpeto, alguén “importante”:

–Profe, profe, profe, ¿es verdad que si ganáis vosotros nos vamos a convertir en Venezuela?; Profe, profe, profe, ¿es verdad que le váis a quitar el dinero a los ricos para dárselo a los pobres?; Profe, profe, profe, ¿cuando estés en el Ayuntamiento, por favor, por favor, por favor, podéis poner un aquapark con toboganes gigante y una fuente con luces de colores y fuegos artificiales y…

–Vexo que tedes mooooitas ideas para a cidade, non sei se é posible facer todas esas cousas, pero o que si que creo que sería posible é que vós podades compartir as vosas ideas e así participar nalgunhas decisións que se toman dentro do Concello. Por exemplo, onde vos gustaría que houbese un parque ou que vos gustaría que houbese nese parque. Quizais gustaríavos que houbese máis carrís bici para poder vir en bici ao cole e poderiades tamén debater con outros rapaces e rapazas para coñecer as súas ideas e atopar en que cousas concordades e en cales non…. Sabedes o que é o consenso? (...) Entón, gustaríavos participar nas decisións que se tomen no Concello?

(...)

Teño unha lembranza moi fermosa daquela campaña, dun momento no que a cidade respiraba interese pola política municipal e por todas as posibilidades que xermolaban de aí. Eramos un grupo variopinto de persoas aglutinadas en torno ao proxecto da Marea Atlántica facendo unha campaña épica dende a invisibilidade, pero con toda a potencia da diversidade e da convicción do lugar dende o que estabamos facendo cidade e reclamando o dereito á cidade para as maiorías sociais. Como non existiamos antes non tiñamos dereito a colocar banderolas, nin carteis electorais nos lugares máis visibles da cidade. Os nosos eran actos de campaña moi caseiros feitos con moitas mans e moito amor que remataban converténdose en verdadeiros debates colectivos sobre a política pública. Lembro especialmente o último día de campaña, camiñamos todos os barrios da Coruña: dende o Campanario ata a Cidade Vella, de 9 a 21 horas, para rematar na Ribeira do Cómaro como unha marea de xente ilusionada con ir votar dous días despois. Todo aquilo non foi un soño. Aquilo sucedeu e fixémolo entre moitas (nota mental para non esquecer).

Cando gañamos as eleccións, e ata o día anterior a recoller a acta de concelleira, estiven traballando naquel cole. Naqueles días, algúns dos rapaces e rapazas do colexio buscaban momentos para falar comigo a soas para dicirme: “Profe, meus pais votaron por vós!”.

Claudia Delso foi nas listas de Marea Atlántica en 2015 e 2019. Foi concelleira de Participación.