Entrevista | Anabel Montouto López Ilustradora

“A cativada é súper agradecida, mira todo con moita atención”

“Cando estou facendo bosquexos sempre intento situarme dende a mirada infantil”

Anabel Montouto con ilustracións súas, días atrás, no centro cultural Vista Alegre.

Anabel Montouto con ilustracións súas, días atrás, no centro cultural Vista Alegre. / Bernabé / Javier Lalín

Anabel Montouto López, que hoxe cumpre 28 anos, é unha ilustradora estradense graduada en Belas Artes con varios títulos literarios infantís aos que lle puxo cor e imaxe; o máis recente é A lago máis fermosa de todas as lagoas, de Antela Cid, que presentou o venres pasado na Bandeira. A artista, que traballa como deseñadora na sede central de FARO, fala deste e doutros proxectos, así como da complexidade de dedicarse a este sector.

–Como xurdiu esta colaboración con Antela Cid para ilustrar o seu conto?

–A colaboración xurdiu por mediación da editorial Edicións Fervenza. Eu xa ilustrara con eles outro libro (Chitón ata a fin da Terra) fai uns anos e chamáronme para ver se me interesaba o proxecto. O certo é que dende que lin o texto por primeira vez, encantoume. Fala do coidado e da preservación do medio ambiente, algo que a min me interesa persoalmente, conxugando un mundo de raíñas e reis co actual dunha maneira moi orgánica a través do ecoloxismo.

–Que outros proxectos ilustrou?

–Pouco antes do que mencionei antes, xa colaborara con Edicións Fervenza nun libro de poemas de Mónica Inés Varela (Versos e bolboretas, 2017). Neste caso consistía só en ilustrar un dos poemas que compoñen o libro. Tamén gardo no caixón algún proxecto persoal que hei tratar de publicar.

–En que se inspirou para darlle imaxe á historia deste conto?

–Máis que inspirarme en algo concreto, o que fago cando teño que comezar un traballo é ir a bibliotecas ou mirar por internet moitos libros infantís. Isto permíteme ter unha imaxe do que hai feito, do que non, de como alguén resolveu un problema concreto nunha ilustración. Por poñer un exemplo, se estou pensando en como facer as árbores, pois miro a ver como outras persoas fan árbores e a partir de aí creo as miñas da maneira na que penso que mellor poden funcionar. Na facultade de Belas Artes insistíannos moito en que debiamos observar, visitar moitas exposicións, ver o que facían os compañeiros e compañeiras... Crear todo este mapa visual permíteche atopar as túas propias solucións. Antes de poñerse a debuxar, hai que ver e pensar.

–Gústalle traballar con literatura infantil?

–Si, encántame. Cando estou pensando os personaxes, as cores ou facendo bosquexos, sempre trato de situarme dende a mirada infantil: como debuxan eles, que lles fai gracia, como transmitirlles certos sentimentos... etc. Ademais logo, nas presentacións, a cativada é súper agradecida. Miran todo con moita atención (se lles interesa, claro), son moi expresivos e cariñosos. Noto que lles fai moita ilusión vir a que lle asine o libro e ás veces incluso traen os seus debuxos para ensinarme. Penso que ata me fai máis ilusión a min que a eles!

Anabel Montouto e Antela Cid, nun contacontos no centro cultural Vista Alegre da Bandeira. 26 abril 2024. Bernabé / Javier Lalín

Anabel Montouto e Antela Cid, nun contacontos no centro cultural Vista Alegre da Bandeira. 26 abril 2024. / Bernabé / Javier Lalín

–Ademais de ilustración literaria, realiza outro tipo de traballos artísticos? Cales?

–Traballos como tal non. Si que fago outras actividades artísticas. Este ano, por exemplo, decidín aprender a facer algo de cerámica e estou indo a clases. Descubrín que me gusta e que o paso moi ben modelando. Tamén bailo ou ás veces escribo microrrelatos, pero todo para min. Non se poden considerar traballos, vaia.

–Que a levou a decantarse pola vía artística?

–Eu sempre digo que, como todo o mundo, cando era pequena debuxaba e pintaba, o que pasou é que nunca o deixei. Con dez anos metinme en actividades extraescolares de pintura no colexio e un ano despois xa comecei a ir a clases con Baldomero Calviño, moi coñecido por todos na Estrada polo seu bo facer dentro do mundo da arte. E xa logo cando tocou escoller unha carreira tiña bastante claro que quería facer Belas Artes, a pesar de que sempre xorden dúbidas de última hora. O certo é que foi unha boa decisión, porque o que me gusta é crear. Na carreira paseino moi ben e coñecín a xente marabillosa.

–Considera que o sector artístico e creativo en Galicia ten apoio suficiente, ou podería estar mellor?

–Por facer unha pequena comparativa con outra realidade respecto disto, recordo cando estiven de Erasmus en Francia. Alí a xente ó rematar a carreira de Belas Artes pode imaxinar unha vida dedicada á arte. Reciben moito apoio por parte da propia facultade, hai moitas salas de exposicións nas que mostrar o seu traballo e teñen unha gran capacidade asociativa. Aquí, dende logo, o panorama é outro, case o contrario. É certo que hai subvencións para poder facer grandes eventos culturais ou para publicar libros, por exemplo. Iso está ben, pero penso que o terreo non é o máis fértil. Dende logo, eu non podo vivir da arte e non coñezo a demasiadas persoas que o poidan facer. De tódolos xeitos, cada lugar ten as súas circunstancias e a súa realidade e penso que en Galicia a xente ten moi boas ideas, moito talento, e busca o xeito de levalas a cabo da mellor maneira posible.

–Vostede ten ademais unha longa traxectoria vencellada ao baile e a música tradicional. Atopa a forma de unir esas dúas facetas no seu traballo? 

–Si, levo bailando dende moi pequena en Xirandola, da Bandeira. Teño feito cousas na facultade relacionadas co baile e, máis concretamente falando do libro que hoxe presentamos, hai unha ilustración na que os animais bailan e cantan. Eu fíxenlles un pequeno torreiro e están tocando unha gaita. Evidentemente, as ilustracións reflicten o que a min me gusta e o que eu son, así que o baile inevitablemente vaise colar dentro delas en canto poida.

–Para rematar, ten algún outro proxecto entre mans? 

–Si, estamos traballando nun novo conto con Edicións Fervenza que pronto poderedes ler.

Suscríbete para seguir leyendo