A cea de comadres das irmás Torres, unha noite de liberación

Celebrada en Entroido, a cita naceu no 87 co fin de que as mulleres puidesen sair e divertirse nunha época na que non era o habitual

Asistentes a unha das edicións da cea de mulleres.

Asistentes a unha das edicións da cea de mulleres. / nerea couceiro

A “Cea de mulleres” ou como xa se conoce actualmente, “Cea das comadres” organizada polas irmás Torres cada ano en A Estrada é unha tradición cada vez máis afianzada na zona cando chega a época de Entroido. De feito, xa se publicou a convocatoria deste ano, que terá lugar o sábado 10 de febreiro ás 21.00 horas no Río Liñares e contará con música a cargo de Dj Will. Pode anotarse quen queira chamando ao 652589523 ou ao 619389088,iso si, sempre que sexa muller.

Esta é a única norma inquebrantable que poñen dende a organización. O motivo atópase na orixe desta iniciativa, hai 38 anos, e no seu obxectivo: dar á muller, xeneralmente ama de casa, unha noite de liberación e festa. Así o explica Mari Torres, quen xunto ás súas catro irmás puxo en marcha esta xuntanza. Ela conta que a idea foi inicialmente de súa nai e súas tías, alá polo ano 87: “Daquela os homes tiñan ceas seguido, fora de empresa, de amigos, da caza... sempre tiñan unha excusa para sair e pasalo ben, mentres que as mulleres soían ter que quedar na casa coidando dos maiores e dos fillos. Por iso miña nai dixo que nós tamén tiñamos que facer algo e polo menos unha noite ao ano, sair todas xuntas e pasalo ben”. Comezou sendo unha cita familiar, á que só acudían as mulleres da familia, e para iso, as que estaban en idade: “As nosas nenas querían vir tamén, pero nós decíamoslle que ata que lles viñera a regra e foran mulleres non podían. Canto teñen chorado e pedido por que lles viñera cedo!” lembra Mari Torres.

Porén, máis tarde a lista de anotadas foi crecendo, ata chegar ás cifras que se manexan actualmente, máis dun centenar de mulleres chegadas de todas as parroquias da Estrada, e mesmo de concellos colindantes como Silleda, Lalín, Vila de Cruces e Forcarei. “A cousa foi crecendo pouco a pouco” explica a organizadora, para logo engadir: “Empezamos sendo só nós e despois comezaron a sumarse as primas, as amigas e así ata que cada ano eramos máis, e iso que antes non había redes sociais nin móbiles”.

Chegados a este punto, atopar un establecemento que acolla unha cea tan multitudinaria converteus en todo un reto: “Pasamos por moitos sitios, comezando por O Carballo Grande, pasando por O Xarro, o Hotel América ou a Sala Gradín, aínda que ao final o que queríamos era un sitio que estivese relativamente céntrico para todas, fácil de atopar, e non moi lonxe da vila para poder continuar a festa alí despois”. Finalmente, atoparon o lugar perfecto no Río Liñares, onde xa son habituais para esta cita, que se foi sofisticando co tempo ata acabar incluso cun concurso de disfraces con tres categorías: a de grupo, a de parellas e a individual, así como premios para os tres primeiros postos de cada unha delas.

Finalmente, Mari Torres recoñece que hai cousas que teñen pendentes: “Hai moitas mulleres que comezaron con nós e que xa non están, a todas elas gustaríame rendirlles homenaxe nalgún momento”. Ademais, a organizadora tamén estuda implementar un servicio de autobús máis adiante, aínda que isto último é só unha idea que de momento ve difícil materializar.

Suscríbete para seguir leyendo