O camiño empedrado da fábrica de papel de Rodís queda ao descuberto

Vista aérea da antiga fábrica de papel.

Vista aérea da antiga fábrica de papel. / M.V.B.

Daniel González Alén

Mandaron aviso os amigos María Cuñarro Balo e Rodrigo García Buján, dando conta de que as arroiadas do outono deixaran ao descuberto o vello camiño empedrado que baixaba dende Cangas de Cancelas ata a antiga fábrica de papel de Rodís, que ficaba oculto dende décadas atrás por unha grosa capa de grava e que agora os aluvións se encargaron de arrasar.

E ata aló fomos para ollar un amplo treito da calzada que fora construída canda a fábrica de papel, a mediados do século XIX, con ancho dabondo para as carruaxes e os animais, que logo salvaban o regato de Barbán por un vao, pouco antes da súa confluencia co Arnego, mentres a xente o facía por unha pontella de táboas recentemente rehabilitada.

Din os veciños que o camiño o mandara facer un dos socios da fábrica, que residía en Cangas, para facilitarlle o traxecto que facía acotío para atender o negocio. Sinalan que era escribán de profesión e moraba unha casa, agora deshabitada, que conserva sobre o lintel da portada unha inscrición que reza : D. CARLOS RAMOS. AÑO DE 1822. Mesmo enfronte tiña a familia outra casa, hogano tamén sen xente e na ruína, con semellante inscrición sobre o lintel: D. PEDRO FERNANDEZ . AÑO DE 1822.

A Casa Grande do Cello.   | //  D.G.A.

A Casa Grande do Cello. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

O outro socio da fábrica, tamén escribán, parente do anterior e de apelido González, seica era dono e habitaba na casa grande do Cello, tamén coñecida como “a do Avogado”, construída no ano 1819, segundo se recolle nunha das inscricións que ten nas paredes, onde tamén se pode ollar outra que di: O AQUÍ NO ENTRAR O A DIOS ALABAR, moi parecida á de Piñón en Carracedo (Lalín). Unha filla deste escribán casou con Mariano Gerpe, entón secretario do Concello de Carbia, para converterse co tempo nos pais do sacerdote e poeta galego Luís Samuel Gerpe González (O Cello, Lalín, 1878 – Estás, Tomiño,1955), segundo refire nun dos seus traballos o investigador dezao Antonio Vidal Neira.

O vello camiño empedrado de 
Cangas a Rodís.   | // D.G.A.

O vello camiño empedrado de Cangas a Rodís. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

Ao deixar de funcionar o complexo fabril, o camiño foi quedando en desuso e o mato foino pechando, chegando a cegalo de todo, ata que hai pouco o colectivo dos Roteiros de Lalín o sinalizou para incluílo na súa ruta de “Cercio e os sobreirais do Arnego”.

Fábrica de papel do XIX

Logo de ollar e retratar este treito de camiño empedrado, seguimos, non sen dificultade, ata a fábrica de papel de Rodís, da que pouco se ten escrito malia ser o único exemplo deste tipo de complexo industrial do que se ten constancia na nosa comarca. Poida que a primeira publicación na que aparece con certo detalle sexa no noso libro A Comarca do Deza, no ano 1989, logo de que uns anos antes o dramaturgo e amigo Manuel D. Varela Buxán, que daquela vivía en Cercio, nos levara ata alí na compaña do noso pai, quedando gratamente sorprendidos, tanto pola grandiosidade do complexo fabril como pola fermosa paisaxe que o rodeaba.

Dintel da Casa de Ramos, en Cangas.   | // D.G.A.

Dintel da Casa de Ramos, en Cangas. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

Sen que se poida establecer unha data exacta da súa construción, sábese que a factoría funcionaba a mediados do século XIX, xa que o investigador dezao Francisco Rubiá localizou, no prego usado nun documento datado en Padrón no ano 1851, a marca de auga “G R Lalín”, que dá razón dos apelidos González Ramos da familia fundadora e propietaria do complexo de Rodís.

A cheminea e a senlleira árbore do incienso.   | // D.G.A.

A cheminea e a senlleira árbore do incienso. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

Segundo a ficha elaborada pola Asociación Galega do Patrimonio Industrial “Buxa”, a fábrica figura no Atlas de Coello de 1856, e aparece citada no Indicador de Viñas e Campi de 1864 como pertencente a José González, participando na súa construción o mestre de obras Juan Cendón Carballal, que antes se encargara de facer outras dúas que funcionaron no seu concello do Carballiño. Na Exposición Rexional de Lugo de 1877 presentara mostras de papel Manuel Fernández Cota, quen figura como propietario do complexo de Rodís nos almanaques de Bailly-Bailliere de 1883 a 1888.

Retallos de teas

Da fábrica de Rodís, ao igual que doutras daquel tempo, sábese que elaboraba o papel a partir de retallos de teas, maiormente de la e liño, que traían os trapeiros e arrieiros e que, unha vez transformados en láminas, secaban en naves ben ventiladas. A actividade, que ocupaba a un reducido grupo de persoas, as máis delas mulleres da contorna, debeu cesar a primeiros do século XX, logo de que se comezara a usar a pasta de madeira para facer o papel, o que supuxo o peche ou a transformación do medio cento de fábricas tradicionais que se estima chegaron a funcionar en Galicia, sendo esta de Rodís a única da que temos noticias na comarca dezá.

Da fábrica de papel 
aínda se conservan 
varias pías.  | // 
D.G.A.

Da fábrica de papel aínda se conservan varias pías. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

O edificio principal deste complexo fabril de notables dimensións resiste ao paso do tempo, parte del usado ata hai pouco como vivenda pola familia de David Fernández González, quen o herdara duns seus tíos que o mercaran hai cen anos. As máis das construcións anexas desta industria, cos seus muíños, pías, mazos de trapos e polpa, a canle e a presa de auga que os fornecía, así como as dependencias que acubillaban os fornos, secadoiros e prensas, fican abandonadas na actualidade.

[object Object]

No recinto pode ollarse aínda a coñecida popularmente como a “árbore do incenso”, que é en realidade un notable exemplar da especie denominada Juniperus thurifera, estraña en Galicia aínda que frecuente no centro e sur de España, onde se coñece cos nomes de “sabina albar, enebro, tarabina ou tarabina blanca”. Unha árbore da que en décadas atrás se usaba a súa resina como substitutivo do incenso, por desprender un cheiro moi agradable ao ser queimada nas cerimonias relixiosas das igrexas da contorna.