Os Balbinos levan os tesouros de Silleda a Pontevedra

Edicións Fervenza presenta o último libro da súa colección na feira Culturgal

Presentación de ‘Os Balbinos visitan Silleda’, onte, na feira Culturgal.

Presentación de ‘Os Balbinos visitan Silleda’, onte, na feira Culturgal. / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Os Balbinos mostraron onte en Pontevedra os tesouros de Silleda. Foi na feira Culturgal, na que se dan cita profesionais do sector editorial, musical, artístico e cultural. Alí tivo lugar a presentación do último libro da colección protagonizada pola simpática familia viaxeira formada por Lena, Lino e os seus dous fillos, Bal e Lúa.

No acto que tivo lugar onte en Culturgal, participaron o autor do libro, Xoán Carlos García Porral; o ilustrador do mesmo, Gabriel Iglesias Sanmartín; a de Urbanismo, Industria, Comercio, Turismo, Emprego e Desenvolvemento Sostible, Paula Fernández Pena; e o director de Edicións Fervenza, Manuel Núñez. Canda eles estivo Bal, un dos protagonistas, que fixo as delicias dos máis cativos presentes no espazo infantil.

Esta presentación érguese como unha antesala da visita oficial que realizarán Os Balbinos a Silleda e que terá lugar o sábado 16 de decembro, dentro das actividades de Nadal programadas dende o Concello, converténdose tamén nun dos primeiros actos públicos que albergará o novo consistorio. Unha cita coa diversión e o entretemento, tanto para cativos como adultos, no que tamén se divulgarán as bondades do municipio.

Nesta ocasión, as aventuras dos personaxes creados por Edicións Fervenza lévanos a Silleda para coñecer todos os atractivos culturais, turísticos, patrimoniais e gastronómicos que engrandecen ao municipio de Trasdeza. Esta nova andaina que leva por título Os Balbinos visitan Silleda vén a unirse a unha colección na que xa se inclúen Os Balbinos. Camiño Francés, Os Balbinos. Ruta da Prata, Os Balbinos. Camiño Inglés e Os Balbinos. Camiño Portugués.

Máis presentacións

Ademais de coñecer unha parte do catálogo de Edicións Fervenza, en Culturgal tamén se presentarán varias novidades. Deste xeito, onte pola tarde foi a quenda do libro Antón e a Moura do Lameiro de Viana, tamén de Xoán Carlos García Porral, con Santiago Gómez.

Polo que atinxe á xornada de hoxe, domingo, ás 12.00 horas o público máis cativo poderá gozar da lectura do conto dramatizado do libro infantil O meu amigo conto, do autor de Cuntis Fernando González Graña e con debuxos realizados polo estradense Xaquín Blanco. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, está prevista a presentación combinada con dous títulos gañadores de certames: o poemario Fío, de Manuel López Rodríguez, que se fixo co XXVII Premio Avelina Valladares Núñez de Poesía, e Loucine, de Clara Martín, recién premiada no VIII Concurso Balbino de Relatos. O último acto na feira pontevedresa terá lugar ás 18.00 horas co contacontos do libro infantil A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas, escrito pola actriz Antela Cid e ilustrado por Anabel Montouto, estradense da parroquia de Oca.