A Portela de Rodeiro celebrou a festa do patrón San Cristovo

A capela da Santa Cruz, que conserva un peto de ánimas, converteuse en garaxe e a súa espadana loce en Lalín

A capela, cruceiro e peto de ánimas da Santa Cruz.

A capela, cruceiro e peto de ánimas da Santa Cruz. / FOTOS: DANIEL G. ALÉN / ÁLEX NEGREIRA

Daniel González Alén

San Cristovo da Portela, en terras de Rodeiro, é unha parroquia situada na encrucillada de antigos camiños a Antas de Ulla e Agolada por Ventosa, que foron reais, logo de arrieiros e modernamente estradas comarcais. Foi dende sempre un dos lugares de paso das terras de Camba, de onde lle veu o seu nome e quizais a devoción do San Cristovo, o portador de Cristo, patrón da parroquia, que o é tamén dos viaxeiros e condutores.

Misa de San Cristovo.

Misa de San Cristovo. / Daniel González Alén

Os pouco máis de medio centenar de habitantes da parroquia da Portela, celebraron a pasada fin de semana as festas patronais, con misas e procesións, nas que acompañaron ao santo patrón as imaxes do Carme e do Cristo Flaxelado ata o peto de ánimas da Santa Cruz, a cargo dos sacerdotes Alvito García Fente e Sabino Seijas Domínguez. Na parte profana, houbo sesións vermú, xantares nas casas e verbenas, nas que puxeron a música as orquestras Cabaret, Rumbo Norte e o Grupo 3.com, xunto co DJ Iván, na torresmada e chourizada celebrada na véspera.

Procesión do San Cristovo.

Procesión do San Cristovo / Daniel González Alén

Os actos relixiosos tiveron lugar na igrexa parroquial, un sinxelo exemplar do barroco, dise que construída hai pouco máis de cen anos sobre unha anterior do século XVI ou sobre outra aínda románica, das que pouco queda a non ser as pías bautismal e da auga bendita, esta labrada nunha soa peza. O retablo é neoclásico, do tempo da actual igrexa, e máis vellas semellan as imaxes do San Roque, do Santo Antonio, do San Xosé co Neno e do Santo Domingos, todas elas de madeira e de pequeno tamaño.

A espadana da Santa Cruz adorna a entrada dunha casa en Lalín.

A espadana da Santa Cruz adorna a entrada dunha casa en Lalín. / Daniel González Alén

A capela é agora un garaxe

Preto da igrexa está o edificio da que fora capela da Santa Cruz, agora convertida en garaxe, ao ser privada da súa espadana, altares e imaxes e vendida polo bispado a un veciño, ao tempo que outras propiedades rústicas coas que obter fondos para construír a casa reitoral e outras obras veciñais. A espadana, segundo puidemos saber, foi parar á casa señorial dos Teijeiro de Carragoso de Abaixo, en Lalín, onde loce na entrada principal. Ata o de agora tíñase a crenza de que esta peza viñera da capela dos Madriñán de Campo, en Bermés. A campá dise que foi para outra capela de Camba e o retablo, a cruz e as imaxes foron para a igrexa parroquial.

A primitiva capela dedicada ao San Ramón era privada e estivo na desaparecida Casanova, unha casa grande ao pé do camiño que vai a Coreixas, onde xa só quedan os restos dunha antiga construción, e máis abaixo un muíño, logo de que hai case un século os donos marcharan para a emigración cubana. A casa, xunto coa capela e demais propiedades, foi mercada por Miguel García, da casa do Morras de Vilafrío, quen empregou as pedras para reconstruír a capela da Portela no ano 1928 e para a súa casa en Vilafrío, na que se poden ollar algúns linteis con relevos. Durante uns anos o mesmo Miguel García encargouse de organizar a festa da Santa Cruz, ata que a capela pasou a mans do bispado de Lugo, que remataría vendéndoa, como xa se indicou. Nos últimos tempos a Asociación Cultural da Portela recuperou a festa da Santa Cruz que se celebra na igrexa parroquial e tamén un multitudinario xantar veciñal, mentres a que fora capela, agarda unha axeitada posta en valor.

Formando conxunto coa que fora capela da Santa Cruz, consérvanse un rústico peto de ánimas e un cruceiro sen imaxes, que deberon ser construídos na mesma data e estiveron no medio da estrada, ata que foron cambiados logo do ensanche desta. Para ver con detalle a inscrición deste senlleiro peto de ánimas fixémoslle unha fotogrametría na que pode lerse: “Limosna para las ánimas”.

Da Portela habemos publicar outra reportaxe coa descuberta dun altar rupestre, as abundantes mostras da arquitectura popular e outros asuntos, contando coa impagable axuda dos amigos informantes que nesta ocasión foron Isabel Fernández, de Coreixas; Leila Sabbouh López, de Fafián; Horacio Ferradás García, de Vilafrío; e Álex Negreira, que nos fixo as fotogrametrías precisas.

Suscríbete para seguir leyendo