O neno que quixo ser alcalde

Os catro candidatos de Lalín rememoran os seus tempos de infancias felices e aportan as súas ideas para os máis novos de hoxendía

De esquerda a dereita, José Crespo; Rafael Cuiña; Alba Forno e Paco Vilariño.

De esquerda a dereita, José Crespo; Rafael Cuiña; Alba Forno e Paco Vilariño.

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

O candidato do PP á reelección como alcalde de Lalín, José Crespo, elixe un clásico da infancia: a primeira comunión. Os aspirantes de Compromiso por Lalín e BNG, Rafael Cuiña e Paco Vilariño, decántase por retratos de cumpreanos. E a debutante Alba Forno, do PSdeG-PSOE, aporta unha imaxe na aldea de A Goleta. Os catro regresan aos tempos da infancia, que viviron en épocas moi diferentes, pero dos que todos gardan recordos felices. Ao tempo, responden ao que lle dirían a un cativo de hoxendía para que os votaran, se tivesen idade para facelo.

“A un neno daríalle a oportunidade de levar a cabo algunha das súas ideas se fose realizable”

José Crespo Iglesias - Candidato do PP

decoration

“Non teño moitas fotos de neno para elixir”, apunta José Crespo, pois “antes non era como agora”. Finalmente, decántase por unha da súa primeira comunión, acompañado polos seus avós, María Madriñán e José Crespo, que tamén eran os seus padriños. “El era unha persoa moi bondadosa e moi relixiosa, ata lle chamaban O Santo do Souto, e eu queríao moito, aínda que el quería que eu fose cura. De feito, foi o que convenceu a meu pai para enviarme ao Seminario de Lugo. Menos mal que cando deixei o seminario el xa non estaba vivo, se non houbera levado un bo disgusto”, confesa.

O candidato do Partido Popular aporta os porqués da súa reelección como alcalde por catro anos máis. “Porque Lalín ten que seguir polo camiño do progreso e do crecemento e non polo da involución. Levo máis de trinta anos da miña vida dedicados a Lalín e penso que algo contribuín á súa modernización, pero non me presento polo pasado, polo feito, senón polo futuro, por todo o que queda por facer. Temos un gran equipo e un gran proxecto e penso que merecemos catro anos máis para completalo”.

Desde a súa óptica como veteranísimo da política municipal, ¿qué lle diría a un neno para convencelo de que a súa é a mellor opción? “Preguntaríalle que se cando sexa maior lle gustaría ser alcalde. E preguntaríalle que, se chegara a ser alcalde, que faría. E daríalle a oportunidade de que se algunha das súas ideas fose realizable poder levala a cabo para que vexa que a política tamén non todo son líos, tamén ten cousas boas e permite facer cousas boas pola xente”.

“Cando entrei en política pesaron moito as leccións que aprendín do meu pai, Xosé Cuiña”

Rafael Cuiña Aparicio - Candidato de Compromiso por Lalín

decoration

“Esta fotografía tráeme moitas lembranzas de estar coa xente que máis quixen na miña vida, ata que chegaron os meus fillos”, confesa Rafael Cuiña, que estima que debeu ser tomada o día que cumpría 3 anos, “a xulgar polas velas que hai na tarta”. “Estou seguro de que cando as soprei o meu desexo estaba moi afastado de ser algún día alcalde do meu pobo. De feito, eu non tomei a decisión de dedicarme activamente á política ata hai uns dez anos. Pero cando o fixen pesaron moito algunhas leccións que aprendín do meu pai, Xosé Cuiña, ao que acompañei en moitas campañas, cando era novo. Entre elas, a máis importante: a actividade política, máis alá de defender unha ideoloxía concreta, ten que servir para mellorar a vida da xente”, proclama o candidato de Compromiso por Lalín.

“Eu a un neno de hoxe en día non trataría de convencelo de nada –afirma–. Simplemente recomendaríalle que medre, que desfrute da infancia, que teña curiosidade polas cousas, que se forme, que se faga unha persoa de ben... E, se algún día quere dar un paso á fronte para contribuír a mellorar a súa vila, que o faga con responsabilidade, con compromiso e pensando en cal é a mellor opción para garantir o benestar e o progreso do conxunto da sociedade”.

“Iso é, precisamente, polo que eu quero volver a ser alcalde –subliña–. Para, con toda modestia e toda humildade, intentar que Lalín sexa unha vila de futuro, de talento e das mesmas oportunidades para todos, incluídos os nenos e nenas. Quero que cando medren poidan seguir vivindo e traballando en Lalín, que teñan facilidades para emprender, que conten cos mesmos servizos no casco urbano e nas aldeas, que teñan unha sanidade pública á altura do século XXI e un modelo de concello dinámico e moderno do que poidan sentirse orgullosos”.

“Sigo sendo esa nena, pero agora loito para que todos poidan ser tan felices como fun eu”

Alba Forno Crespo - Candidata do PSdeG-PSOE

decoration

“Escollín esta foto na que terei sobre 6 anos porque me lembra a unha infancia feliz”, comenta Alba Forno. Lembra que “foi tomada por un bo amigo da familia no transcurso dunha sobremesa nunha festa familiar, rodeada de primos, tíos, avós... Mirar estes momentos en familia, que agora son máis complexos entre tanta axenda, éncheme de nostalxia. Esta imaxe mostra unha infancia chea de ledicia nunha pequena aldea de Lalín, a miña A Goleta. Vexo a unha rapaza humilde, rodeada de cariño e con certa timidez diante das cámaras. Estaba claro que nesa idade nin me imaxinaba que estaría liderando un proxecto político e traballando arreo para ser a primeira alcaldesa de Lalín”.

“Podo dicir que sigo sendo esa nena, pero agora co obxectivo de loitar para que todos os nenos e nenas poidan ser tan felices como o fun eu na miña aldea”, proclama. Gustaríalle que “tivesen oportunidades para establecerse na nosa vila, en concreto no noso rural”.

Como nai de dous críos, a candidata do PSdeG-PSOE di “coñecer e sentir de preto” as necesidades dos cativos e cativas do municipio. “Gustaríame que confiasen no meu proxecto porque vexo as súas necesidades do presente, pero tamén pensamos no seu futuro –expón–. Queremos mellorar os espazos educativos, a súa sanidade, que as familias teñan máis posibilidades de conciliar, potenciar as asociacións culturais, deportivas e sociais para que os/as cativos/as teñan oportunidades para aprender o que lles gusta e, por suposto, melloraremos e aumentaremos os seus espazos de lecer, que son moi importantes para socializar. O meu proxecto está centrado en darlle un mellor futuro á veciñanza e que en Lalín haxa oportunidades para que ninguén se vexa na obriga de marchar en busca de traballo”.

“Con 15 anos fun responsable local de Galiza Nova, e meus pais enteráronse pola prensa”

Paco Vilariño Taboada - Candidato do BNG

decoration

“Elexín esta foto porque algúns dos mellores momentos da miña infancia eran esas reunións de toda a familia polos meus aniversarios, momentos tan especiais coma que eran os únicos nos que se chamaba a un fotógrafo”, explica Paco Vilariño. Lembra a súa infancia coma “unha etapa moi feliz na miña vida, grazas ao esforzo dos meus pais e a ter un irmán e uns amigos inmellorables, e intento que os meus fillos desfruten tamén dunha infancia feliz, porque é algo que conservas para toda a vida”.

Con 15 anos fun unha reunión de Galiza Nova en Lalín, na que estaba Bieito Lobeira, e saín de alí sendo o responsable local de Galiza Nova –rememora o agora candidato do BNG–. Non llo contei aos meus pais, enteráronse pola prensa ao día seguinte e caeume unha bronca que aínda recordo”. Trinta anos despois, asegura que non se arrepinte de nada: “É máis, cada día estou máis orgulloso de traballar para o meu concello e traballar para o BNG, e seguirei facéndoo mentres poida, porque estou convencido de que un goberno do BNG en Lalín traería ao noso concello todo o que lle falta: unha vila con espazos para a xente, próspera, dinámica, chea de servizos para as persoas, e un concello que trate igual aos seus veciños e veciñas, no urbano e no rural”.

Aos meus fillos sempre lles digo que as ideas, o compromiso e o traballo polo común é unha das pegadas que todos temos que deixar coas nosas vidas –declara–. Os nenos e nenas teñen que desfrutar dunha infancia feliz, e a nosa responsabilidade é tentar sempre mellorar as cousas para nós, pero tamén para os que veñen detrás. Temos un idioma e unha cultura que temos que esforzarnos para transmitirlla aos nosos nenos e nenas, un tesouro a preservar e potenciar”.

Suscríbete para seguir leyendo