In memoriam

José García, un dos imprescindibles

Pablo García*

Este fin de semana deixounos José García, para nós José do Treso. A inesperada e triste nova conmocionou a toda a comarca de Deza, onde el era coñecido e, sobre todo, recoñecido e querido por moita xente, pero se cabe dun xeito máis especial ós seus veciños e veciñas de Laro.

Cando alguén se vai, é comprensible o sentimento de tristura e vacío. Por suposto tamén neste caso en primeiro lugar entre os seus familiares, amigos, achegados, veciños máis directos, en definitiva, aqueles dos que José formaba parte da súa vida cotiá. Como a calquera outra persoa, estes botarano de menos sempre e o vacío que deixa será insustituible. Pero no caso de José, somos moitos os que, a pesares de non ter unha relaación cotiá con el, temos tamén eses mesmos sentimentos.

Dicía Bertold Brecht no seu famoso poema: “pero hai homes que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles”. Para min José era un destes, dos que non andamos sobrados nestes tempos. Que dedicou a súa vida a axudar de forma desinteresada ós demais. Toda a súa “loita” era para outros, por iso, seguramente nunca atopou tempo para loitar por si mesmo. Por iso, cando pase a tristura botarémolo de menos, porque seguirá habendo xente que precise que alguén loite por ela, porque virá o nadal e haberá nenos en Laro que queiran ver a Papá Noel, porque haberá xente que queira ir a unha excursión, porque seguirá habendo xente que precise de recollidas solidarias de alimentos, de material escolar, de bicicletas, etc. Non podemos reprocharlle que el xa non estea aquí para estas cousas, pero é a nosa obriga agradecerlle todo o que estivo.

Ós vecinos e veciñas de Laro tócanos, unha vez que pase a tristura, buscar unha forma de honrar a súa memoria, penso que é de xustiza. Teríamos que telo feito antes, e na parte que me toca arrepíntome. Pero non todos, e eu o que menos, somos coma José. Non, non nos levantamos pola mañá pensando de que forma podemos axudar ós demais. Non nos temos que sentir mal por non facelo, pero creo que sí estamos obrigados a recoñerllelo a quen o fixo.

Botarémoste de menos. amigo José.

*Veciño de Laro, exdeputado autonómico e exsenador