Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O espantallo que soña con Oz

José González Otero constrúe un artefacto cun mecanismo que lle permite inclinarse e xirar sobre sí mesmo coa forza do vento

José González Otero, xunto á súa creación. // Bernabé/Javier Lalín

Coma se de Oz se tratara, hai un espantallo en Donramiro que parece cobrar vida propia. Só precisa un pequeno empurrón aéreo e a criatura vólvese tola a xirar, e mesmo semella querer varrer coa súa vasoira a quen se lle poña por diante. Asusta aos paxaros, sí, pero o seu atractivo vai moito máis alá desta súa función. O espantallo construído por José González Otero chama a atención dos seus veciños de Donramiro e de todos aqueles que pasan preto da súa finca. O enxeño saído do maxín deste emigrante retornado de 85 anos contén un mecanismo que lle permite inclinarse para todos os lados coa forza do vento e xirar sobre sí mesmo.

"Como non tiña nada que facer, déuseme por intentar construir un espantallo orixinal", conta o autor, que conseguiu o seu propósito, pois "chama a atención de todo o mundo", confesa o orgulloso pai da criatura. "Xira en todos os sentidos cando vén o aire, déitase e vólvese levantar", relata. A estrutura está construida con "alambre dos galiñeiros, para que non pesara", e montada sobre un tubo de 50 milímetros de grosor e 220 centímetros de alto. Pero o segrego é un muelle de amortiguación dun coche Seat: "É o que o fai tumbarse para os lados, en todas as direccións. Entón é cando perde o centro e xira sobre sí mesmo, coma se perdera o control", explica González Otero.

Vixiante con vasoira

O mecanismo está cuberto con roupa vella. Por rostro leva unha careta da recoñecida serie televisiva La casa de papel, elección casual do creador nun bazar chino. E o detalle final é unha vasoira que porta coas dúas mans coma se fora espantar aos paxaros ou a quen ouse aventurarse na plantación de verduras e guisantes situada detrás do antigo restaurante Agarimo na que fai garda permanente. Abofé que "asusta aos paxaros", como apunta o propio José, e mesmo a algún despistado que se topa de súpeto co inédito e impertérrito vixiante.

"Botei toda a semana facéndoo, pero pagou a pena", sinala o autor, que en a penas unha xornada xa foi profusamente parabenizado polo seu enxeño. "Coloqueino o xoves e xa me veu falar del moita xente", corrobora José, coa satisfacción do traballo ben feito.

Compartir el artículo

stats