Revisión dos factores de localización industrial da celulosa de Palas

Sorprende que unha industria con grandes emisións de gases e vertidos moi cuantiosos ao río Ulla tente instalarse nunha zona que non reúne as condicións adecuadas para ese fin

Areas de localización das grandes masas de eucaliptos en Galicia.

Areas de localización das grandes masas de eucaliptos en Galicia. / A.P.

Antonio Presas

Antonio Presas

Calquera industria que se pretenda instalar nun determinado lugar debe analizar coidadosamente todos os factores que favorezan esa localización. No século XIX e nunha boa parte do século XX, cando dominaban as “industrias sucias”, eses factores de localización eran bastante simples e así aparecen nos manuais de Xeografía Industrial. Pero desde a década dos anos 60-70, cambia o emprazamento da maioría desas industrias, que se deslocalizan e van para outros países nos que apenas existe normativa medio ambiental e as condicións esixidas para súa implantación son mínimas e incluso inexistentes. Cando menos, son os propios gobernos deses países os que negocian a súa chegada, en condicións moi favorables para esas industrias que buscan novos lugares onde ubicarse.

Tendo isto en conta é sorprendente que unha industria sucia coma Altri, con grandes emisións de gases contaminantes, vapor de auga e vertidos líquidos moi cuantiosos ao río Ulla, tente instalarse nunha zona que non reúne as condicións e características adecuadas para ese fin. Así, se analizamos, un por un, todos os factores que teñen peso ou poden ser decisivos e determinantes para a locación desta macroplanta de celulosa, vemos que resultan insuficientes, non xustifican tal ubicación no concello de Palas de Rei (Lugo) e, incluso, son claramente negativos.

O Monte Farelo, ubicado moi cerca 
do “corazón de Galicia”, será un 
referente cásico para a localización 
insólita desta industria.

O Monte Farelo, ubicado moi cerca do “corazón de Galicia”, será un referente cásico para a localización insólita desta industria. / aNTONIO pRESAS

Estes son os once factores de carácter puramente industrial que se deberían ter en conta para a localización desta actividade de transformación dunha materia prima (madeira de eucaliptos) en productos elaborados básicos (celulosa e lyocell), sen posteriores transformacións en productos finais elaborados, os que, certamente, son enriquecedores para a poboación ao crear moitos postos de traballo e atraer outras industrias auxiliares para esta zona, que vai a quedar, desde o punto de vista industrial, como unha illa no medio dun vasto océano ou como un oasis no medio dun deserto.

Rede ferroviaria galega, 
completamente alonxada da 
celulosa de Palas de Rei.

Rede ferroviaria galega, completamente alonxada da celulosa de Palas de Rei. / aNTONIO pRESAS

1. Abundancia e cercanía de materias primas.

Atoparase semideslocalizada respecto das grandes masas forestais de eucaliptos de Galicia, localizadas en Galicia-Costa, e non no interior da comunidade. Ubicar a planta en Palas de Rei significa desprazala dos lugares de aprovisionamento de materia prima. Outras materias primas a usar, como a pedra caliza (que deberan transformar) localízase a bastante distancia, en pleno interior da provincia de Lugo.

2. Fontes de enerxía próximas ou existentes.

Atópase a unha distancia relativamente cercana respecto da LAT Belesar-Mesón do Vento, a uns 3,8 Km, pero o abastecemento de enerxía eléctrica require a construción dunha costosa derivación. Non é posible que reciba gas natural por gasoducto, porque non existe rede.

3. Capital e equipamentos.

Depende doutras industrias, moitas delas a miles de quilómetros de distancia e iso implica un mantemento difícil e costoso.

4. Proximidade de industrias complementarias.

Non hai industrias cercanas, nin que poidan subministar maquinarias e reposicións (auxiliares), nin outras que transformen en produtos elaborados a celulosa e o liocell que vai producir.

5. Terreos dispoñibles.

En principio, non dispón de terreos propios, depende da negociación con varios propietarios contra os que pode esgrimir de forma avasallante a Lei de Expropiación Forzosa, unha nefasta forma de abuso de poder.

6. Mercado para a produción.

Estamos ante outro caso de illamento comercial. Tanto a celulosa como o liocell non teñen mercado nacional e deberán exportarse a terceiros países.

7. Márketing.

Se entendemos por tal a “arte de vender”, estamos ante un caso no que non existe márketing, senón globalización, que impón, a escala mundial, as necesidades de consumo (manipulación dos consumidores). Respecto da convicción que poidan ter os cidadáns, estamos ante un caso de rexeitamento xeralizado por parte da poboación, tanto da contorna, como da maior parte de Galicia, que contempla como os poderes públicos xogan un sucio papel a servizo do capitalismo globalizado.

8. Vías de comunicación.

En principio, esta industria non está ao lado de ningunha vía de comunicación, porque carece de accesos directos, unha infraestrutura que aínda se debe construir. A vía de comunicación más cercana é a estrada N-547 (Santiago-Lugo) e a autovía Santiago-Lugo, a punto de terminarse a súa construción, logo de 28 anos do comezo as obras. Non existe ningunha vía ferroviaria pola zona.

9. Medios de transporte.

Os únicos medios de transporte posibles, debido ao seu carácter de industria illada, quedan reducidos ao transporte por estrada. Por medio de grandes camións levarase a celulosa aos portos de embarque, para un posterior traslado ás industrias de segunda transformación, ubicadas, incluso, fóra do continente europeo.

10. Man de obra.

A man de obra que poida empregarse no proceso produtivo é un dos grandes enigmas, obxecto de especulacións realmente incribles. Á hora de instalación da planta o que menos lles importa aos promotores é a creación de postos de traballo para empregar á poboación local, porque teñen perfectamente calculado que a maior parte dos empregos directos e indirectos serán cubertos por persoal do exterior, incluidos inmigrantes.

11. Apoio gubernamental. Axudas económicas.

Este é o factor de localización máis importante e que desafía os criterios xeográficos de localización industrial clásicos, porque esta fábrica nace de criterios puramente especulativos, artimañosamente vendidos tanto á Unión Europea (industrias non contaminantes de última xeración), como aos concellos, aos que se lles prometeu sacar do seu atascamento económico con esta industria de efecto económico multiplicador.

En resumo: esta é unha fábrica de tipo colonial, que se establece nun territorio polo que se están a expandir as plantacións de eucaliptos, seguindo patróns industriais, concebida para transformar en primeira instancia unha materia prima, a madeira de eucaliptos, en celulosa e lyocell (se chegan a contar cunha tecnoloxía, que non dispoñen na actualidade), produtos que se exportarán a outros países, da mesma forma que fixeron no século XIX as metrópoles europeas nas súas colonias de Macao, Mozambique, Angola, Cabo Verde, Goa ou Brasil. Daquela recibían, segundo os manuais de historia, o nome de “factorías” e agora cambian á inverosímil denominación de “industrias de economía circular”.

Suscríbete para seguir leyendo