O Auditorio de Vilagarcía acolleu onte a VII edición da gala do Deporte Feminino, un evento no que as grandes protagonistas son as mulleres que na tempada anterior destacaron na sua disciplina de referencia ou traballaron arreo para facer visible o esforzo que fan as mulleres para acadar os seus obxectivos. O acto está organizado pola Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega), colectivo presidido por Mercé Barrientos. Ela foi a encargada de abrir os discursos con unha descripción do que sofren as mulleres para ser recoñecidas como deportistas. Aludiu ao caso da atleta Semenya, obrigada a hormonarse pola UCI para reducir os seus niveis de testosterona se quere seguir competindo. "Fano coa excusa de que queren facilitar a igualdade entre mulleres, pero non vexo que lle obriguen a Pau Gasol a reducir centímetros ou a Iago Aspas a renunciar ao seu talento en pos desa igualdade co resto dos homes", espetou.

As palabras de Barrientos foron suscribidas unha por unha pola presidenta de Deputación, Carmela Silva, que alabou o traballo de todas as premiadas e destacou que "para ser recoñecidas, as mulleres temos que facer tres veces máis o traballo que se lle aplaude a un home". Silva nomeou a todas e cada unha das premiadas ao termo do seu discurso, porque aquilo que non se nomea non existe, e as mulleres somos a metade da poboación, queremos a metade de todo, e querémolo agora". No acto tamén participaron o secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.

Ao longo da gala entregáronse galardóns en quince categorías. A atleta ribeirense Ana Peleteiro foi proclamada a mellor deportista feminina e recoñeceuse o seu gran salto internacional no 2018, ano no que acadou a medalla de bronce no Mundial de Pista Cuberta de Birmingham e o bronce no Europeo ao ar libre de Berlín. As xogadoras de fútbol Tere Abilleira e Malena Mieres, campioas de Europa sub-19, acadaron o galardón de mellor deportista feminina galega, mentres que tamén se lle recoñeceu a longa carreira deportiva a Nieves Gamallo por ser un referente do balonmán feminino. Susana Rodríguez Gacio recibiu o premio á mellor deportista con diversidade funcional, mentres o Atlético Guardés foi o mellor equipo.

O Cidade de Lugo Fluvial de triatlón foi elixido como mellor clube e Carla Abad como mellor adestradora. A árbitra galega Zulema González volveu a recibir o galardón que a acredita como mellor colexiada a directiva do Burela obtivo o de mellor directiva. O premio ao medio de comunicación amigo do deporte feminino foi para FARO DE VIGO, recollendo o premio a redactora de deportes Montse González.

Os momentos máis emotivos vivíronse na entrega dos galardóns á esgrimista Judith Rodríguez, pola súa entrega para superar as graves lesións que lle deixou un accidente de tráfico, e o recoñecemento, a título póstumo a Manuel González Soto, expresidente do Chapela, e a Micaela Sinde, que apostou polo deporte para loitar contra a súa enfermidade e levou a bandeira galega ate o Polo Norte.