O cancioneiro íntimo de Antía Muíño toma Times Square

A cantautora galega publica o seu primeiro disco, 'Carta aberta', e encabeza a lista de artistas femininas de Spotify

O luminoso de Antía Muíño en Times Square

O luminoso de Antía Muíño en Times Square / Eliza Jouin

Dous anos pasaron dende que Antía Muíño publicou a súa 'Carta aberta'. Unha canción espida, na que a súa voz delicada e poderosa emerxe arroupada só por una guitarra clásica tocada con precisión académica. "Non é un tema de masas, nin moito menos. A miña música en xeral non o é", explica a cantautora, de 30 anos. Pero, con centos de miles de reproduccións nas plataformas, aquela peza íntima acabou rachando todas as súas previsións e as do pequeno selo, Raso Estudio, que apostou por ela. Agora, co seu disco de debut —titulado coma aquel primeiro sinxelo— xa no aire, péchase o círculo "por todo o alto": coa imaxe de Antía nun dos icónicos letreiros luminosos de Times Square.

Como xa fixeran as Tanxugueiras ou Bala, a compositora santiaguesa, que reside en Donostia, preside a praza neoiorquina da man de Spotify. A plataforma escolleuna embaixadora para o mes de decembro da súa iniciativa Equal, coa que trata de apoiar a igualdade na música. 'Terra', outro dos cortes de Carta aberta, encabeza a playlist co mellor do ano 2022 entre as artistas radicadas en España.

A repercusión que está a obter Antía Muíño e a súa forma de enfocar a súa carreira semellan transcorrer a velocidades inversamente proporcionais. Se durante este dous anos foi construíndo o seu proxecto "devagar", sen unha planificación previa, os recoñecementos foron chegando á velocidade da luz. Ao éxito de público do primeiro sinxelo seguíu, só con uns poucos temas máis publicados, o Premio Martín Códax da Música 2022 á mellor artista emerxente. A iso hai que lle sumar o convite dun nome consagrado da música tradicional galega, Xabier Díaz, a colaborar no seu último disco, Levantarse e caer.

"Foi unha experiencia incrible, foi moi bonito que Xabier me chamase e poder cantar os seus temas. É un músico con moita sensibilidade, enténdome moi ben con el a nivel musical", expón a cantante. Non sorprende a conexión: inda que Antía Muíño suma influencias moi eclécticas —de Silvia Pérez Cruz ao jazz lixeiro de Norah Jones, por citar dous exemplos— o seu repertorio está ancorado na canción popular galega. De feito, a súa primeira formación musical foi como pandareteira e cantareira. Logo xa viñeron os estudos regrados en guitarra clásica; no conservatorio donostiarra de Musikene obtivo grao superior en Interpretación, con especialidade no instrumento das seis cordas.

Ela admite as fontes das que bebe: "Escoitei moito esas artistas e xéneros, á hora de compoñer e interpretar iso está aí. Nunca creamos da nada, é imposible. Nin os músicos, nin os pintores, nin os dramaturgos". En todo caso, considera "necesarias e complementarias" as dúas vertentes que conviven na súa relación coa música, a popular e a académica. O certo é que impacta como esa execución 'de conservatorio' flúe con naturalidade en cancións de vocación non de masas, pero si popular. "Se cadra non estamos tan afeitos a escoitar isto", responde cando se lle fai ese comentario. "No disco quería que se respectase o son da guitarra clásica, recollelo tal cal, que é algo moi difícil. Conseguímolo".

A dificultade das letras

Ao marxe das ferramentas que fornecen os estudos musicais superiores, percíbese en Antía Muíño un talento natural para facer música. As letras, porén, resúltanlle máis complicadas de abordar. "A priori non é o meu campo, sempre dá máis respecto. Por iso tamén me valo de grandes poetas", comenta. Ademais de adaptar coplas tradicionais —ten unha abraiante revisión de 'Canta, miña compañeira' acompañada dun saxo—, no disco tamén aparecen versos de Manuel María, Ricardo Carvalho Calero ou María Mariño.

Detrás desta certa inseguridade cos textos están os teitos autoimpostos. "Á veces temos esixencias moi altas polos grandes poetas e letristas que temos como referentes. Queremos parecernos ou polo menos estar á altura", explica. "Doulle moitas voltas, non me vale calquera cosa. Non todas as letras teñen que ter un gran significado, pero neste momento no que estou si que quero que o que escribo teña ese pouso, esa profundidade".

Os que a viron tocar en directo coinciden na súa capacidade de establecer conexións emocionais coa xente. "Para min iso é moi importante. Cando podo percibir esa emoción, cando percibo o silencio, tamén me inspira. Para min é moi importante poder sentir ao público porque ao final se canto e se toco é para alguén". Haberá que esperar ata febreiro para tela de novo enriba dos palcos.

Suscríbete para seguir leyendo