Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xabier Díaz Cantante de música tradicional

“Os artistas somos un activo para a normalización da lingua”

Este domingo presenta no Teatro García Barbón, xunto ás Adufeiras de Salitre, o seu último disco, “As catedrais silenciadas”

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.

As enemistades entre Vigo e A Coruña son un tópico infundado e o testemuño de Xabier Díaz (A Coruña, 1969) dá conta diso. A ilusión que lle fai vir presentar á cidade o seu último traballo, As catedrais silenciadas, é manifesta e está potenciada pola cancelación que a pandemia lle obrigou a facer na data anteriormente prevista e adiada.

O disco que vés presentar o domingo pode lerse como o peche da triloxía que forman os teus últimos álbums?

Dalgún xeito, si. Aínda non sei o que pasará no futuro, pero si que é certo que pecha este percorrido de sete anos coas Adufeiras de Salitre. Podería dicir que si, que pechamos un capítulo.

Nalgunha entrevista puiden ler que As catedrais silenciadas estaba conceptualizado como unha sorte de berro de socorro dende a Galicia do interior.

Por unha parte, si, pero non só do interior. Quizais estamos a pór o foco excesivamente en todo o que pasa no eixo atlántico. En cambio, todo o que queda fóra parece que non existe. Nomeadamente, as dúas provincias do interior. Creo que este xeito de ver as cousas é trasladable a como vemos o noso patrimonio material e inmaterial. Todos coñecemos a Catedral de Santiago, pero o país está cheo de castros ou ermidas que están a esmorecer por falta de atención. Sobre isto quería chamar a atención. Son dos que penso que a lingua ou o cancioneiro popular galego teñen a mesma dimensión que pode ter a Catedral de Santiago. Non se comprende este país sen a catedral, pero moito menos sen o noso idioma, os nosos costumes, a nosa música.

A propósito da lingua. A Academia vén de publicar un estudo no que demostrou que a escola ten un efecto desgaleguizador nos cativos. Pode ser que referentes coma ti ou as Tanxugueiras fagades máis pola normalización?

É obvio que a inercia na que estamos é negativa. O que cómpre agora é darlle a volta. Unha das cousas que se manifestaban nese estudo era que os rapaces non coñecen apenas a música cantada en galego. Creo que nós somos activos da lingua. Guadi Galego, Sés, Treixadura... ¡Somos todos activos! É indubidable que cando vamos tocar por aí, subimos os nosos vídeos ou gravamos os nosos CDs estamos a normalizar o uso da lingua. O que pasa agora coas Tanxugueiras pode ser unha oportunidade para entrar noutros públicos máis novos nos que a penetración é máis difícil. Que nos vexan vivir en galego é unha ferramenta tremendamente poderosa.

Cres que coa vosa música conseguistes ampliar o público da música tradicional?

Creo que esa xente estaba aí en potencia, o que pasa é que nós conseguimos que aflorase. O que fixemos foi convidalos a manifestarse. Estamos axudando a que outros artistas da escena cheguen a salas de rock ou indie que antes non parecían feitas para eles. Axudamos a apropiarnos das rúas e bailar en calquera foliada urbana ou non. A existencia de referentes na música popular cantada é moi importante e, neste sentido, os últimos anos están a ser especialmente prolíficos.

Que se van atopar os vigueses este doming no voso concerto?

Pois moitas das cousas que non puidemos facer no concerto de Castrelos no verán porque eran máis propias dun teatro. Algún alalá como, por exemplo, o tema que dá nome ao álbum. E a sorpresa de que vamos estar acompañados por Margarida Mariño ao violonchelo. Pero tamén alguna brincadeira como suxerir que poñan unha Torre de Hércules no alto das Illas Cíes. En definitiva, moita música e tamén algunha risa.

Compartir el artículo

stats