O eterno candidato do Miñor

Por novena vez en 32 anos, Antonio Araúxo encabeza unha lista en Gondomar, foi alcalde de 2007 a 2009 e non pensa en retirarse

Antonio Araúxo, onte, na ponte das Ánimas de Gondomar.

Antonio Araúxo, onte, na ponte das Ánimas de Gondomar. / MARTA G. BREA

Sempre hai algún bromista que o compara con Fraga por aquilo da longuísima traxectoria política. “Cando me din que son un dinosauro eu contesto que aos dinousauros só os levou por diante un asteroide que caiu na Terra”, ri. Antonio Araúxo é o veterano dos candidatos do Val Miñor con só 63 anos e tómao con humor. Non é a idade o que chama a atención deste alcaldable, senón a súa incansable resistencia á política local, “a máis dura, pero tamén a máis gratificante”, asegura. Esta é a novena vez que encabeza unha lista e hai xa 32 anos que se presentou por primeira vez ás municipais como candidato á Alcaldía de Gondomar, alá polo 1991.

Daquela apenas tiña 32 anos pero xa levaba uns cantos enredado en loitas. Non na municipal, pero si “no activismo”. Desde os 16 anos formou parte de asociacións xuvenís ou estudiantís na etapa da Escuela de Maestría Industrial de Vigo, hoxe o IES Politécnico. “Aínda vivía Franco e aquilo era un fervedoiro. Unha persoa con conciencia coma min apuntábase a todo”, lembra. Pasou por comisaría “despois da malleira habitual”, por “cousas tan peregrinas como defender a maioría de idade aos 18 anos”. “Por iso o meu discurso trinta anos despois insiste en que na política municipal estanse a perder dereitos. Por exemplo en Gondomar temos un regulamento orgánico do Concello no que o alcalde ten tempo ilimitado para falar nos plenos e os concelleiros só tres minutos”, explica. “Hai unha versión municipal do autoritarismo, eso sabémolo persoas con certa experiencia que tempos olfato para detectalo”, afirma.

“Cando me din que son un dinosauro eu contesto que aos dinousauros só os levou por diante un asteroide que caiu na Terra”, ri

Comezou en 1976 a militar na Asemblea Nacional Popular Galega e de alí pasou a formar parte do BNG, cuxas listas liderou en Gondomar desde 1991 ata 2011. Entrou na Corporación en 1995 e votou a favor do Plan Xeral do PP en 1997 porque “daquela os debates eran máis duros, pero tamén máis respectuosos e os acordos plenarios eran lei, respectábanse. Nós traballamos arreo no Plan Xeral e foron admitidas todas as nosas propostas”. Logo chegaron varios episodios para esquecer coma o escándalo de corrupción urbanística do PP en 2006 tras o que foi elexido alcalde en 2007 con 5 concelleiros de 17, co apoio do PSOE. “Non cabe dúbida de que aquilo foi un empurrón, pero os nosos resultados sempre se deberon ao traballo feito”, asegura. Dous anos máis tarde de coller o bastón de mando foi derrocado pola moción de censura PP-PSOE-Move Gondomar, “outro capítulo amargo que demostra que en política non todo vale”, subliña. “O tempo puxo aos que o promoveron no seu sitio, inhabilitados, todos menos un que agora vai na lista do PSOE”.

Deixou o BNG tras a ruptura de Amio en 2012 e pasou a liderar unha nova formación nacionalista de esquerda, Manifesto Miñor, e acadou 3 concelleiros en 2015, 2 nas últimas municipais. Un retroceso que “non foi un fracaso en absoluto”, recalca, e que espera remontar o 28-M.

A decisión de continuar á fronte da candidatura foi moi “reflexionada” esta vez porque, “humildemente, moita xente me dixo que sigo sendo necesario dada a deriva política de Gondomar”. Non pensa polo de agora na retirada. E non porque non haxa relevo. “Manifesto ten banquillo de sobra”, di. Cando chegue o momento de retirarse gustaríalle “escribir un libro de memorias”. Pero aínda hai Araúxo para rato.

Suscríbete para seguir leyendo