Nigrán acada a cesión do vello ambulatorio de Panxón tras seis anos de trámites

O Concello prevé un centro para maiores na planta baixa e outro para a mocidade na superior cunha inversión de 120.000 euros

O antigo ambulatorio de Panxón xa é do Concello de Nigrán.

O antigo ambulatorio de Panxón xa é do Concello de Nigrán. / REDACCIÓN

R.V.

A Tesorería General de la Seguridad Social informou favorablemente por fin a cesión do antigo centro médico de Panxón ao Concello de Nigrán despois de seis anos de bloqueo administrativo. O organismo estatal entregoulle xa as chaves ao goberno municipal, que espera que o ministro de Sanidad, José Manuel Miñones, firme nos vindeiros días o documento de entrega despois dun longo percorrido burocrático para regularizar o edificio, xa que non fora correctamente inscrito no Rexistro da Propiedade cando o Concello de Nigrán llo vendeu en subasta pública ao Instituto Social de la Marina en 1975 por 17.275 pesetas.

O goberno local pretende rehabilitar o inmoble para crear un centro para maiores na planta baixa e adicar o primeiro andar a espazos para uso da mocidade, e incluso para algunha das actividades socioculturais municipais. Para iso consignou no último pleno de abril un total de 120.000 euros coa fin de iniciar de forma inmediata a reforma en canto chegue a acta de entrega de Madrid.

“Para a nosa sorpresa, e tras tantos anos pechado, mantense en moi bo estado interior, sen problemas nin de humidades nin estructurais”, explica o alcalde, Juan González, que visitou o edificio en marzo xunto con responsables da Tesorería. O rexedor destaca que o entorno gañará dous edificios para os veciños “en cuestión de meses”. Está pendente a renovación do deteriorado faro de Canido, para a que la Delegación do Goberno en Galicia confirmou a concesión de 232.730 euros de fondos europeos Next Generation.