Entrevista | Manuel Antonio Campos Campión do Mundo de Maratón

“Fóra das distancias olímpicas, é case imposible vivir só do piragüismo”

O padexeiro do Grove inicia unha nova tempada co obxectivo de repetir os logros da anterior e despois de recibir o Laurel Olímpico

Tono Campos amosa as tres medallas obtidas en Vejen.

Tono Campos amosa as tres medallas obtidas en Vejen. / Gustavo Santos

A. G.

Naceu un 15 de xullo de 1985 no Grove e sempre tivo claro que o piragüismo ía ser a súa gran paixón. Esa paixón levouno a acadar, na súa longa carreira, 41 medallas en probas internacionais, fundamentalmente, Maratón, aínda que tamén acadou algunha en probas como o C-1 5.000 e o maratón curto. Xa van alá máis de 17 anos desde que acadou a súa primeria medalla, no 2007 na cidade húngara de Gyor, pero o grovense segue adestrándose coa ilusión dun debutante para seguir batendo rexistros.

–Como se afronta unha nova tempada despois de telo gañado todo?

–É difícil, no só por ter acadado todo o do ano pasado, senón porque resulta moi complicado atopar motivación. Levo moitos anos a este nivel e acabo de ser pai por segunda vez e cada vez custa máis compaxinar o traballo, a familia, os adestramentos. Temos a sorte no grupo de adestramento de contar con Luis Padín, que sempre é capaz de buscarnos a motivación. Sempre nos pon unha serie de obxectivos para ter algo polo que entrenar, para ter algo polo que superarse. A verdade é que temos un auténtico baluarte nese grupo (formado por Campos, Diego Romero, Tania Álvarez e a sub-23 Marta Mourelos), con Luis Padín que nos anima a continuar coa nosa paixón.

–Cales serían as metas que se marca para a tempada actual?

–Desde hai anos sempre temos como obxectivo prioritario o Europeo e o Mundial, aínda que somos conscientes da dificultade porque enfrente hai rivais que tamén entrenan para iso. Unha vez que se acada un ouro, a xente pensa que, se non o volves conseguir, que sabe a pouco, pero o importante é estar aí e poder rascar algo.

–Volverémolo a ver entón no máis alto dun podio internacional?

–Vouno tentar. Nós sempre traballamos con esa ambición, sempre nos marcamos un obxectivo ambicioso para estar motivado e adestramospara gañar, despois será a competición a que dictamine. Hai que ter en conta que os rivais teñen todo igual que nós e teñen obxectivos, polo que temos que adestrar mellor que eles.

"Luis Padín é o que nos marca os obxectivos e nos motiva aos que formamos o grupo de adestramento que temos no Grove”

–Unha pena que co currículo que vostede ten non participase nunhas olimpiadas.

–Si, pero tenteino e non saiu. Fun con Diego na modalidade de C-2 500 e estivemos moi preto de acadalo sacrificando algún ano de maratón por ser mellores na pista. Chegárase a falar de que ían converter en olímpica a distancia de 5.000, pero non chegou a ser. Foi unha pena, pero despois de París, a única distancia que vai quedar para a canoa é o 500, unha distancia que no se adapta ás miñas condicións.

–Sempre foron as distancias maís longas as que se lle deron mellor.

–Son condicións distintas. A maratón e ao maratón curto teñen vido a probar moita xente, algúns con medallas olímpicas, pero as dificultades desta proba pasáronlles factura porque as súas condicións son máis de pista. Un exemplo foi este ano no maratón curto, que son pouco máis de tres kilómetros, onde viñeron dous moldavos que destacan na pista e non puideron con nós, e iso que é unha distancia relativamente curta.

–Pese a non ser olímpico, recibiche Premio “Leyenda” de todo o piragüismo español.

–Cando recoñecen a túa traxectoria é de agradecer, sobre todo cando todo o sistema está orientado cara as Olimpiadas, non só en cuestións de recoñecemento social, senón tamén económico, coas institucións e a maior parte das empresas privadas apoiando esas modalidades. Afortunadamente sempre topas respaldo a pesar de non ser olímpico, como as axudas que presta a Deputación ou empresas que te respaldan. Tamén recibín recoñecemento da Xunta, co premio a mellor deportista galego de 2018, un premio que fora adicado a modalidades non olímpicas, e son Medalla de Bronce da Real Orde do Mérito Deportivo do CSD e concdéronme hai uns días o Laurel Olímpico.

–Traballa como Policía Nacional, foi duro compaxinar entrenamentos e traballo?

–É complicado, pero si é certo que desde a Policía Nacional dan moitas facilidades para poder acudir ás regatas e adestrar. Se non fose Policía Nacional non podería seguir remando e obter estos resultados, porque sería imposible adestrar a este nivel,.

–É difícil vivir do piragüismo en comparación co que ocorre noutros deportes?

–Para os que non somos de distancias olímpicas, é prácticamente imposible. Tes que ter un traballo que che garantice ingresos para sacar adiante os adestramentos e que che permita ter tempo suficiente para adicarlle ao deporte, que iso tampouco é sinxelo, por iso estou tan agradecido ás facilidades que atopei para poder facelo sendo Policía Nacional.

Tono Campos celebra su triunfo en aguas de Vejen, Dinamarca.

Tono Campos celebra su triunfo en aguas de Vejen, Dinamarca. / FDV

[object Object]

–Como chegou Tono Campos ao piragüismo?

–As miñas irmás xa andiveran algo en piragüismo e eu probara algún deporte, pero ningún me acabou convencendo. Eu estaba nunha banda que había no Grove e coincidín con Marcelino Cacabelos, que me animou a probar. Tiña once anos e quedei tan cautivado que aquí sigo. –E á canoa? –Iso tíveno claro desde que probei. Aínda tiña once anos e a esa idade non existen competicións de canoa, había que empezar co kayak. Pero claro, no Breogán tíñamos a referencia de Fredi Bea e David Mascato, entón a canoa tiraba moito. Penso que é moito máis bonita e estética que o kayak, tanto para remar como para ver desde fóra. Sendo alevín xa me deixaban montar na canoa, a min e aos meus compañeiros, xa que todos queríamos ser como Bea e Mascato. Despois viría o resto, debutando como internacional xuvenil en 2003 en Valladolid, que me entrenaba daquela Valladares, ata o día de hoxe.

–É dura a dinámica de entrenamentos?

–Menos de tres horas diarias non chas saca ninguén. Son distancias moi longas e tes que estar preparado, así que tes que ter unha dinámica moi marcada de sesións en auga, en terra, ximnasio, ... Agora, cos anos, un xa non necesita adestrar como antes, xa ten moitas cousas adquiridas e tampouco se recupera igual, pero tempo hai que adicarllo para estar sempre ao máis alto nivel.

–Ten pensado adicarse algún día a ser entrenador de piragüismo?

–Cando me atopaba preparando as oposicións a Policía Nacional estiven traballando no Breogán entrenando aos infantís. Foron un par de anos, pero non teño pensado facer iso a curto prazo. Será algo que poida valorar cando me retire, pero como non teño pensado facelo, pois non o contemplo. Ademáis, creo que lle debo algúns anos á familia. É certo que nunca se pode descartar, porque a cabra sempre tira ao monte e xa me custa estar parado o mes de descanso que facemos ao acabar cada tempada, para canto máis cando me vexa tres ou catro meses lonxe da auga, pero a curto prazo non o contemplo.

–Das 41 medallas que ten, cal foi a que máis desfrutou?

–A primeira vez que gañei o Campeonato do Mundo de Maratón en Roma no 2012, aínda que todas teñen o seu desfrute, porque ser campión do Mundo é moi difícil e duro.

Suscríbete para seguir leyendo