Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entroido 2019

Entroido ancestral do Grove (I)

Un punto álxido no ciclo festivo anual das dúas parroquias

Cuarteto de corda, 1953. // Arquibo Memoriacomparsas.gal

O ciclo festivo anual ten nas dúas parroquias que forman o concello do Grove o seu punto álxido na celebración que coñecemos cos nomes de entroido, entrudo, antroido ou carnaval, sendo estas dúas as mais empregadas neste territorio da ría de Arousa.

Malia as achegas precristiás á celebración do entroido galego que teñen sinalado, entre outros, Fermín Bouza Brey, Xaquín Lorenzo ou Xesús Taboada Chivite, foi Vicente Risco quen centrou o estado da cuestión situando a celebración do Entroido como festa medieval oposta á tradición de abstinencia de carne e sexo que prescribe a relixión católica no período da Coresma.

Semella non ter dúbida a influenza cristiá no entroido ou carnaval de occidente, de feito a etimoloxía latina de ambas palabra remite e a esa orixe: carnaval, carnem levare, ou levar a carne, a retirada da carne nas dúas acepcións, a culinaria e a sexual; e entroido, de introitus, ou entrada, que nos sitúa nas portas da Coresma, da prohibición.

Temos así que a tradición do entroido, non só galego, de toda a cultura europea occidental, non se remontaría alén da Idade Media, por mais que podan asociarse a el ritos pagás da cultura precristiana; temos pois que situar o seu comezo nos séculos XII a XIV despois de Cristo, empatando co agromo na Iberia peninsular do movemento literario, poético-musical, que demos en chamar Lírica galego-portuguesa medieval, que se practicou nos reinos de Galiza, Portugal e posteriormente no de Castela, no reinado de Afonso X o Sabio.

Cancioneiro medieval

Na arte medieval trovadoresca destaca a xenuina creación e desenvolvemento das composicións que forman o cancioneiro satírico, ou cantigas de "escarño e mal dizer". Temos pois que este corpus medieval poético-musical ten como obxectivo o de facer chanza, mofa ou burla, encuberta ou descuberta, de persoas, vicios e costumes.

Coas variacións acaídas polo pasar do tempo, podemos afirmar que esa tradición literaria e musical chega ata nós nas chamadas Historias das comparsas, as cantigas coas que as formacións comparsísticas do entroido grovense representan en público esa intención de provocar crítica social e de costumes, e facer comicidade ao mesmo tempo.

Co decorrer do tempo foi increméntandose o número de comparseiros de cada formación, se ben a posición de inicio era a dun xograr, ou trovador, que interpretaba as composicións; manténdose a forma de circuito ambulante para a interpretación das mesmas, en prazas, tabernas e outros espazos públicos, tanto nas orixes como na actualidade.

1922

Aínda que a máis antiga das coplas de comparsas que hoxe coñecemos data de 1922, hai referencias escritas, memoria oral fixada en bibliografía, que nos remite a un tempo anterior e que nos dá conta de que durante os séculos XVIII e XIX foi unha práctica habitual a celebración do entroido do Grove con esa manifestación singular que conforman as comparsas e as súas representacións poéticas e musicais que terían a súa raigame na lírica medieval galego-portuguesa, e que forman parte do corpo das manifestacións do patrimonio inmaterial de valor histórico, etnográfico, artístico, antropolóxico, documental e bibliográfico ao que se refire a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que nos obriga a conservar, protexer e divulgar.

Cada comparsa tiña por costume facer a edición impresa das súas letras coas que financiaba unha parte dos custes de roupas, instrumentos, dedicación, traslados e outros gastos. A imprenta non chega ao Grove ata a década de 1940, anteriormente era nas cidades de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa onde se editaban.

Lamentablemente este tesouro documental non tivo historicamente unha sistemática recolleita e arquivo nos fondos locais, municipais. Tanto a distancia aos obradoiros gráficos do século XVIII e XIX, como a imaxinable carencia de instrución popular da época anterior ao século XX, explicarían a carencia desas impresións ata a década de 1900.

As coplas, as cantigas, o cancioneiro das Comparsas posúe un elevado valor documental e unha importante carga de humorismo satírico, fornecen unha ampla información musical, lingüística, literaria, cultural, histórica, política, de costumes... Na súa orixe medieval, na continuada tradición ata a actualidade e na importancia documental que atesouran reside a súa importancia cultural.

Compartir el artículo

stats