No seu blog Brétemas, o editor Manuel Bragado referíase onte á asistencia de Alba Moreira e Denise Varela na Feira do Libro e, por extensión, ós lectores máis novos, como á "xeración da esperanza". É a xeración que está acostumada a descargar libros desde internet, ler en ebooks -"é máis cómodo", recoñece Denise- e a facer ou ler unha poesía na que as rimas e a métrica xa non están de moda. Esta moza engade que "quizais, o que máis custa ler en galego é a poesía. A min, particularmente, góstame moito María Lado". E, nunca se sabe, pasado o tempo igual monta unha editorial.

Esta xeración é a que segue as series de internet e televisión nas que aparecen as novas promesas da pequena e grande pantalla, como Martiño Rivas. O éxito deste actor supera, entre a xente máis nova, ó do seu pai, o escritor Manolo Rivas. Alba confesa que "coñecín a Manolo Rivas a través do seu fillo".