A delicatessen musical retorna co Sinsal Primavera a Vigo para o mes de maio

A organización ofrece un cartel no que as mulleres ocupan o 100% dos concertos | Trátase de sons da península, Suíza e Turquía que buscan sobre todo a experimentación

Ana Lúa, Angélica Salvi y Ece Canli.

Ana Lúa, Angélica Salvi y Ece Canli. / Joana Caiano, Dinis Santos, Pelin Kazk

Mar Mato

Mar Mato

O concerto que a arpista española Angélica Salvi ofreceu o pasado novembro no CCOP –Círculo Católico dos Operarios do Porto– na cidade lusa foi un agasallo para as neuronas e o karma. Comprobámolo no YouTube. En poucas semanas, poderemos escoitala en Vigo no Sinsal Primavera que onte desvelou a súa programación.

Salvi, que está a presentar o seu disco “Hábitat” e que destaca pola improvisación na música contemporánea pero tamén adobada coa electroacústica, sempre desde coordenadas delicadas, estará no MARCO o venres 19 de maio.

Será un dos concertos dunha cita de dúas xornadas na cidade olívica. Dende Sinsal, ofrecerán cinco proxectos de vangarda sonora procedentes de diferentes puntos da península Ibérica pero tamén de Suíza así como de Turquía.

As entradas podemos adquirilas xa en www.enterticket.es. Desde a organización, destacan o apoio do Concello de Vigo, do MARCO e da sala Radar.

A continuación, ofrecemos en detalle os concertos que ademais de Salvi poderemos gozar:

Ece Canli

Dende Turquía, Ece Canli parece levarnos nunha viaxe polo mundo dos sons. Novamente atopamos no You Tube unha mostra co directo que ofreceu nos Jardins Efémeros de Viseu no 2021. Desde a organización do Sinsal resaltan que “na súa práctica artística e volcal explora o estado liminal dos corpos agonizantes e demonizados”.

Na práctica, asistimos a sons vocais que nos levan ao ultramundo e a música noutras veces como canto de paxaros e outros animais. Será o venres 19 tamén no MARCO ás 21.30 horas.

Superorganismus

Neste proxecto de Tramontana e Luz González ambas as dúas nos ofrecen unha peza electroacústica. Flauta, viola, arpa e electrónica ao vivo enlázanse. Con elas, a experimentación do son torna en realidade, na descuberta doutro mundo posible a través dos instrumentos, mesmos das mans que os manipulan e lles dan pequenos golpiños aderezados con sons máis propios do noise.

Dende Suiza, virán para actuar no MARCO o sábado 20 ás 20.30 horas.

Ivankova

A madrileña Irene de la Cueva ofrece este proxecto do que a xente de Sinsal resalta “as estruturas repetitivas que se converten en mantras deseñados para xerar atmosferas determinadas”. Sintetizadores, sons electrónicos a partir dos sons orgánicos da protagonista... Todo é posible no MARCO o sábado 20 de maio.

Ana Lúa Caiano

Nesa mesma xornada pero na sala Radar en Vigo, a portuguesa Ana Lúa Caiano explorará o folclore portugués dende a fusión coa electrónica e os sons cotidiáns. No seu caso, as letras tornan importantes nunha música cunha percusión marcada. As súas cancións son de diferentes ritmos. “Mao na mao” pouco ten que ver con “Sai da frente, vou passar”. A segunda pode convidarnos mesmo a bailar.