Entrevista | Anxo Angueira Futuro académico da Real Academia Galega (RAG)

Anxo Angueira, a piques de entrar na RAG: “Hai un uso ritualizado do galego pero ese aspecto está moi ben”

“Se hai un proxecto común a xente está disposta a arrimar o ombreiro”, sinala o autor, quen alerta de que "a celulosa de Altri vai ser un desastre para o Ullo e Arousa"

Anxo Angueira, esta semana, en Compostela.

Anxo Angueira, esta semana, en Compostela. / XOÁN ÁLVAREZ

Mar Mato

Mar Mato

“Responsabilidade e orgullo”. Así resume Anxo Angueira un dos seus fitos vitais que está a piques de ocorrer: a entrada na Real Academia Galega (RAG). O presidente da Fundación Rosalía de Castro e un dos autores galegos que máis coida a forma e contido da súa literatura ingresará na entidade o sábado 27 de abril nunha sesión extraordinaria. Promete traballar polo “futuro do meu idioma”.

–Que recordos garda vostede da súa nenez?

–Eu nacín e crieime en Manselle, unha aldea da freiguesía de Laíño. Dende alí, vese o Ulla pouco antes de desembocar. Eu creo que ese río navegable marcou a miña infancia e a miña vida. Tamén me marcou unha experiencia infantil en Asados, onde aprendín a ler e escribir; e sobre todo a vila de Padrón onde fun ao instituto. Alí foi onde tiven o primeiro contacto coa poesía, coa literatura, da man dun profesor que era Bernardino Graña. Houbo libros naquel tempo que me marcaron como “Con pólvora e magnolias” de Ferrín. No meu discurso de ingreso, aludo a eles como dous referentes e mestres. Ferrín foi un mestre para min pola miña amizade e relación con el en Vigo.

O PRESIDENTE DA FUNDACION ROSALIA, ANXO ANGUEIRA, NA RÚA DE SAN PEDRO EN SANTIAGO.

O PRESIDENTE DA FUNDACION ROSALIA, ANXO ANGUEIRA, NA RÚA DE SAN PEDRO EN SANTIAGO. / Xoán Álvarez

–A súa aldea centra un dos seus poemarios, “O valo de Manselle”.

–Manselle é o centro de case toda a miña obra. “O valo de Manselle” canta ao esforzo comunal para construír un muro de contención para un campo de xogos que nos levou dous anos. Foi unha experiencia marabillosa e escribilo foi unha satisfacción. É un retrato para dignificar a xente da nosa aldea e demostrar que se hai un proxecto común, se hai un horizonte común, a xente está disposta a arrimar o ombreiro. Manselle é o centro tamén da novela “Pensa nao”Premio Xerais 1999– inda que a historia se desenvolve en Sernanselle. Esa aldea inventada equivale á miña. É a historia dos últimos meses da República. Demostra que na aldea galega había asociacionismo, un desexo de modernización das explotacións agropecuarias. Todo iso foi tronzado pola Guerra Civil. Si, o meu universo [literario] nace a partir de Manselle.

–Que lecturas o marcaron?

–A min, gustábame moitísimo ler. A partir dos 14 anos foi cando a paixón empezou a modularse. Eu tiña 15 anos cando lin “Con pólvora e magnolias”, que foi decisivo. Pero tamén o foi Manuel Antonio. En Padrón, eu tiña acceso a unha biblioteca pequena pero moi interesante dun estudante de Filosofía e Letras e nela estaba Manuel Antonio. Tamén estaba “O estranxeiro” de Albert Camus; Alberto Moravia.Tamén me marcou o Almanaque ZZ.

ANXO ANGUEIRA INGRESA ESTE MES MA REAL ACADEMIA GALEGA.

ANXO ANGUEIRA INGRESA ESTE MES MA REAL ACADEMIA GALEGA. / Xoán Álvarez

–Non me estraña.

–Para min, era unha lectura obrigada. Non sei se te lembras do Almanaque ZZ... [Foi a primeira publicación comercial en galego na posguerra. Comezou a editarse a principios dos anos 50 pola firma Zeltia. Ofrecía información de produtos fitosanitarios contra as pragas do agro e consellos para ter unha excelente produción. Hoxe en día segue a publicarse baixo o nome de Almanaque Agrícola ZZ, pero é da marca Syngenta e ten versión dixital]. Por suposto, marcoume tamén Rosalía de Castro, “O bosque animado” de Wenceslao F. Flórez e outras lecturas que nos recomendaba Bernardino Graña.

–Comezou a escribir a raíz das aulas de Bernardino?

–Si pero tamén porque convivía cun estudante de Filosofía e Letras, José Luis, o da biblioteca persoal. El, que despois foi xornalista, escribía e era maior ca min así que eu imitábao. Entre el, as clases de Bernardino e as lecturas animeime a escribir. Para min, escribir é dialogar con todo o que les. Empecei a participar nos concursos escolares do instituto tamén. Escribir era unha paixón. É unha paixón para a que preciso unha maduración. Non escribo un poemario cada dous ou tres anos. Necesito máis tempo.

–Esa paixón nace dun impulso ou do raciocionio?

–Son impulsos, claro, pero algúns son emocionais e outros racionais. Por exemplo, por que escribín “O valo de Manselle”? Escribino ao ver que o que faciamos os veciños todos os sábados durante dous anos era algo extraordinario pero nin o xornalismo nin ninguén lle facía caso. Pensei que tiña que plasmar aquilo e ademais, naquel tempo, non aparecía nada diso na nosa literatura contemporánea. Quería deixar constancia do esforzo daquela xente.

–Como lembra o momento de tomar o timón da Fundación Rosalía de Castro?

–(Risotada) Eu... collíao con moitísima ilusión porque había moitas cousas por facer e tiña un proxecto; pero por outro lado non tiña experiencia na xestión e representación institucional. Impúñame moito iso. Por sorte, as cousas foron saíndo ben cun grupo de colaboradores extraordinario. Creo que conseguimos uns resultados dignos. Nese sentido estou tranquilo e en paz.

–De que está máis satisfeito?

–Na Casa Rosalía? A Fundación colaborou na proxección en Galicia de Rosalía de Castro e agora estamos facéndoo a nivel internacional, o que antes non tiña. Podemos percibir a presenza de Rosalía na sociedade galega, a celebración do seu día, a alimentación dos perfís renovadores da autora, a súa popularización... Pero non é mérito único da Fundación senón da sociedade. Temos en Rosalía un auténtico tesouro.

OFRENDA FLORAL NA ESTATUA DE ROSALIA DE CASTRO NA ALAMEDA DE SANTIAGO CON MOTIVO DO 177 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DA AUTORA. ACTO ACUDIO EL PRESIDENTE DE LA FUNDACION ROSALIA DE CASTRO, ANXO ANGUEIRA Y EL ALCALDE DE SANTIAGO ANGEL CURRAS CON MIEMBROS DE LA CORPORACION SANTIAGUESA.

OFRENDA FLORAL NA ESTATUA DE ROSALIA DE CASTRO NA ALAMEDA DE SANTIAGO CON MOTIVO DO 177 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DA AUTORA. ACTO ACUDIO EL PRESIDENTE DE LA FUNDACION ROSALIA DE CASTRO, ANXO ANGUEIRA Y EL ALCALDE DE SANTIAGO ANGEL CURRAS CON MIEMBROS DE LA CORPORACION SANTIAGUESA. / Xoán Álvarez

–Hai quen lamenta que se silenciou a visión máis feminista dela.

–Silenciado non. O que pasa é que moitas veces pomos os ollos sobre determinados aspectos da súa figura e obra e iso vai mudando. Todos temos ollos distintos e cada xeración vai vendo cousas diferentes. Non creo que se ocultra nada pero cada tempo pousa os ollos en novos aspectos. En Rosalía, sempre atopamos cousas novas. Eu como investigador da súa obra cada vez descubro cousas novas. Iso só o dan as grandes escritoras e escritores é ela é unha das grandes da escritura universal.

–Está caendo o galego nun uso litúrxico social e administrativo mentres esmorece na sociedade?

–Non estou de acordo. É certo que ás veces hai un uso ritualizado do galego pero ese aspecto está moi ben. Está moi ben que haxa un uso institucional. Por exemplo, no Parlamento de Galicia só se fala galego pero imos ao catalán ou a outro con comunidades bilingües e non hai ese monolingüismo na cámara. Hai que valoralo. O idioma está vivo. Eu vivo en Padrón e penso que alí está máis vivo que cando eu me criei. Eu son optimista, non o podo evitar. Sei dos perigos e eivas do noso idioma que se ven na transmisión da linga pero confío no futuro e traballarei polo futuro do galego.

Arribada de dornas Rosalía De Castro ao río Ulla en Padrón.

Arribada de dornas Rosalía De Castro ao río Ulla en Padrón. / X.A.

–Vostede ama o río Ulla, como ve o proxecto para colocar unha celulosa no Ulloa (Lugo) pero que afectará a ría de Arousa?

–Segundo os informes que coñezo, será un desastre. Xa houbo outros proxectos para o Ulla que foron esbotados. Coñecemos a realidade da ría de Pontevedra; iso non é ningunha hipótese. A miña opinión é contraria á instalación desta celulosa.

“A vela tradicional é un mundo esquecido que merece presenza na nosa cultura”

–Como ve a evolución da poesía galega actual?Cada vez hai máis exemplos de poesía escénica na que vostede foi pioneiro.

–A evolución foi espectacular. Calquera que compare un recital de hai 40 anos cun de agora ve un avance brutal. En primeiro lugar, a lingua dos poetas. Antes, a nosa lingua en vez de parecer un vehículo de comunicación parecía unha barreira de comunicación. Iso hoxe está totalmente superado. Recordo cando empecei a recitar “O valo de Manselle” con gheada e seseo; era algo extraordinario e agora é moi habitual. Agora reivindican a oralidade na poesía e foi un avance necesario e beneficioso. O uso da música e da pintura... Lembro cando presentamos o poemario “Fóra do sagrado” en Vigo sobre esta cidade como emblea de Galicia, acompañámolo con pinturas sobre o Berbés e con música do Leo de Matamá. Fora algo chamativo e poderoso pero agora é algo habitual.Temos sobre todo mulleres que recitan con gran poder escénico. É extraordinario.

–Vostede é tamén home de mar. Fáleme da dorna sobre a que escribiu no seu último poemario.

–A Roxiña é unha dorna feita na Illa de Arousa. No último libro de poemas no último poema teño un canto a dúas dornas, a Roxiña e a Hortelinda, que remontaron o Ulla e o Sar. A dorna, a vela tradicional, é un mundo esquecido. Esquecémonos do mundo náutico que merece a presenza na nosa cultura.

Suscríbete para seguir leyendo