Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O miliciano galego que loitou contra o DAESH na guerra de Siria xa ten o seu poema

O escritor Anxo Angueira dedícalle “Baran Galicia” no seu último libro, “Palmeiras, piueiros”

Foto de la contienda bélica en Siria. Reuters

Pensamos en poemas épicos e véñennos á cabeza a “Ilíada” ou o “Cantar de mio Cid”, pero os rapsodas do século XXI tamén cantan aos asedios, aos seus heroes ou á poboación que sofre. Se cadra a referencia témola no palestino Mahmud Darwish e o seu “Estado de Sitio”, no que relata en versos o asedio que sufriu Ramala entre 2001 e 2002 por parte do exército israelí.

Na poesía galega, recentemente, Anxo Angueira vén de publicar “Palmeiras, piueiros” onde inclúe un poema dedicado a Baran Galicia, un militar de orixe galega que loitou xunto aos kurdos contra o Daesh na Guerra de Siria.

I am Baran Galicia

eu vin de lonxe

de moito lonxe

da terra do Alén e de Ultramar

da nazón e fogar e grei de Deus

vin para estar co pobo kurdo

terra xustiza e liberdade

Á esquerda, Anxo Angueira. Á dereita, Samuel Prada 'Baran Galicia'.

I am Baran Galicia

eu vin de lonxe

de moito lonxe

da terra do Alén e de Ultramar

da nazón e fogar e grei de Deus

vin para estar co pobo kurdo

terra xustiza e liberdade

Así rezan os primeiros versos do poema que Anxo Angueira escribiu para o mozo ourensán.

No libro –editado por Chan da Pólvora e que xa conta cunha segunda edición ampliada– Angueira (que participou na últma edición do Festival de Poesía do Condado) explica que Baran Galicia “foi o nome escollido por Samuel Prada, un mozo ourensán emigrado a Andorra, para combater na guerra de Siria á beira dos kurdos de Afrín. Morreu en combate en febreiro de 2018”.

“É unha historia moi relevante. É asombroso que un galego acabe no Kurdistán nesa guerra. Parecíame unha historia que merecía unha dignidade literaria porque vese que a perspectiva galega é común a outros moitos países pola súa supervivencia. Baran significa chuvia en kurdo. O rapaz chamábase Chuvia Galicia”, detalla Angueira.

I am Baran Galicia

aprenderei a combater

aprenderei o idioma kurdo

eu son a chuvia chea de estrelas

caendo come bianca neve scende en Babilonia

este meu coraazón que non ten tento

é aceiro das espadas damascenas

teño saudade da neve de febreiro.

O poeta recoñece que é un relato “tráxico porque morreu en combate pero, por iso, merecía esta homenaxe. O poema fala desa épica que non se ve normalmente na literatura pero que está aí. A historia de Baran Galicia conmóveme”.

Non é a única figura senlleira que recibe loureiros verbais no poemario. Alén da palmeira icónica da súa aldea que morreu de enfermidade e a esperanza depositada no barco piueiro da Guarda como resurrección dalgo que estaba perdido –con cita ás atadoras da Guarda e aos mariñeiros da zona como Tito Chirro e Joaquín Cadilla–, Anxo Angueira tamén honra ao escritor angolano Luandino Vieira e A Porta Treze de Vilanova de Cerveira. Vieira coordina alí a Associaçao poética de todas as Artes que acolle a artistas e escritores galegos. “Eu falo do que vivo, do que me conmove”, recalca o autor.

Compartir el artículo

stats