Antón Lopo e Manuel Veiga reciben os Premios da Crítica en Lingua Galega

Recaeron no poemario “Diarios/ 1. Azul Monforte”, con fonda pegada da nai de Lopo, e “Perder as bestas”, sobre os grupos paramilitares que sementaban o terror na posguerra

Antón Lopo. |   // JOSÉ LORES

Antón Lopo. | // JOSÉ LORES / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

O poemario “Diarios/ 1. Azul Monforte” non para de darlle ledicia ao seu autor, Antón Lopo. Onte coñecía que era galardoado co Premio da Crítica en lingua Galega, da Asociación Española de Críticos Literarios. É a segunda vez que Lopo logra esta distinción; a primeira, coa súa novela “Extraordinario”. Nesta edición, foi Manuel Veiga quen logrou con “Perder as bestas” o Premio da Crítica en narrativa.

Manuel Veiga. |   // ELI REGUEIRA

Manuel Veiga. | // ELI REGUEIRA / mar mato

Na tarde de onte, Lopo resaltaba sentirse “feliz por múltiples razóns” e lonxe de colgarse a medalla tivo palabras de agradecemento “para todos os que apoiaron o libro”.

“Diario/ 1. Azul Monforte” gañara tamén o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria e fora publicado na súa primeira edición por Espiral Maior. A finais do ano pasado, saudou a segunda edición para inaugurar un novo selo editorial galego, Noudelo e Ribón, co apoio da Fundación Novoneyra.

Se ben o libro non é autobiográfico si que hai retazos que axudan a mergullarnos na vida de Lopo, en especial o cordón umbilical que mantivo coa súa nai, como lle impactou o falecemento dela, o que supuxo ter que ingresala nunha residencia e acompañala na súa vellez e doenza; a homosexualidade e a sexualidade.

Outros temas que se vertebran nos versos son tamén a deshumanización da atención sanitaria cos maiores e a visión da poesía como verdade ou non.

O xurado destacou que “a experiencia estimula a reflexión sobre a evolución dos coidados e o lastre que supón a convivencia, sobre todo na mocidade”. Tamén subliñou como “impacta a sinceridade do eu lírico, a procura de varios estratos de lectura a través da experimentación discursiva e os finais escintilantes, próximos á revelación”.

No caso da novela “Perder as bestas”, de Manuel Veiga e editada por Xerais, o xurado resaltou como nos revela na súa historia “un dos episodios máis silenciados da historia da posguerra en Galicia: a actuación das ‘contrapartidas’, grupos paramilitares promovidos polo goberno que pretendían sementar o terror entre a poboación”.

O xurado resalta que “nun escenario dominado pola natureza e pola violencia sen paliativos, Veiga emprega un estilo minimalista, de altísima eficacia grazas a un poderoso traballo de selección léxica” desenvolvida na obra.

No arranque do libro, Veiga aclara que perder as bestas é “actuar de forma pouco consciente ou insensata. Por extensión, perder o xuízo” e, a continuación, comeza a adentrarnos na historia dun rapaz que se atopa co corpo morto de seu pai. Na rectoral, agarda polo cura para darlle a nova e este chega contando que uns catro homes intentaron acurralo non moi lonxe de alí. Pouco a pouco iremos coñecendo o sinistro personaxe do sacerdote.

A novela preséntanos xente sen nome tatuada pola pobreza e a falta de recursos, o estraperlo pero tamén a morte, a súa, a dos seus seres queridos ou a das vítimas desde o golpe de estado do 1936. Son personaxes nunha rede controlada polo cura pistoleiro e os seus secuaces e na que a guerrilla e a xente que non quere o novo réxime mantén o pulso.

Sobre o motivo que impulsou a Veiga a escribir “Perder as bestas”, o autor explicou a FARO que “os escritores escribimos ás veces por unha obsesión. Eu quería escribir sobre a violencia, quería facer unha novela na que houbera moita violencia e tiven que centrala na posguerra galega para que fora realista. Permitiume falar do campo, do rural, nos anos da fame. A contrapartida é un tema pouco tratado, descoñecido”.

Para que se entenda mellor como operaba, resume que “naqueles anos estaba “a guerrilla antifranqujista, tamén chamada partidas. Como tardaban en eliminala os militares crearon as contrapartidas que intentaban parecerse ás guerrillas na maneira de vestirse a e actuar. Cometían atrocidades para atribuírllas á guerrilla e desprestixila; é o que se coñece como un exército de falsa bandeira”.

Sobre o galardón, recoñeceu que “os premios sempre son unha alegría porque axudan á difusión do libro. Editan bastante libros ao ano en Galicia e poden pasar desapercibidos. Os premios poden axudar a que se vexan e os lean máis”.