Lírica medieval a golpe de clic

As 1.700 cantigas galaico-portuguesas xa se poden ler nunha web tal e como as escribiron os copistas medievais | O proxecto é da Universidade de Santiago e do Centro Ramón Piñeiro

Xente visita o pergamiño Vindel no Museo do Mar de Vigo na súa estadía en Galicia.

Xente visita o pergamiño Vindel no Museo do Mar de Vigo na súa estadía en Galicia. / JOSÉ LORES

Mar Mato

Mar Mato

Onde se atopan hoxe en día os pergamiños coas 1.700 cantigas galaico-medievais? Esparexidos polo mundo sen que ningún dos seus acubillos físico estea en Galicia: a Biblioteca da Ayuda, a Biblioteca Nacional de Portugal e o Arquivo Nacional da Torre do Tombo en Lisboa; a Biblioteca Apostólica Vaticana en Roma; a Biblioteca Pública Municipal do Porto e a Pierpont Morgan Library en New York. Porén, dende xa, podemos consultar os cancioneiros e pergamiños que as conteñen sen movernos na casa ao entrarmos na web do proxecto PalMed, Base de datos paleográfico da lírico galego-portuguesa.

Neste espazo, investigadoras do Centro Ramón Piñeiro e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) transcribiron as 1.700 cantigas medievais galaicolusas tal cal as deixaron os copistas medievais. Realizaron o proxecto coa colaboración de científicas de Suiza, Portugal e Italia e contaron co apoio da do Ministerio de Ciencia máis o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ao entrar en PalMed e darlle un clic ao menú atopamos “manuscritos” onde se desplegan o Cancioneiro de Ajuda, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional, a Táboa Colocciana, Pergamiño Sharrer, Lais de Bretanha, Tenzón (de Madrid e o de Porto), Pergamiño Vindel e Cancioneiro da Vaticana. Debaixo de cada un, figura en que época foi transcrito, cantas cantigas posúe e de que clase, canto mide, cantos folios de pergamiño son e algúns datos máis.

Ao elixir un deles, aparecerá na pantalla a letra orixinal de cada composición. Aquí, deberán adestrar o ollo e a mente por uns minutos porque, por exemplo, no Cancioneiro de Ajuda non todas as grafías casan coas actuais. Neste, o “d minúsculo” ten un xeito moi semellante á delta grega. A grafía “s” tampouco é igual que a nosa de hoxe.

Fotografías ampliables

Se precisan do acceso a unha imaxe do orixinal, tamén a teñen a través de fotografías ampliables. Ademais, ofrecen outra busca por cantigas (polo título), por texto, abreviaturas ou elentos codicolóxicos.

O persoal galego que traballou nesta iniciativa está conformado por Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, xunto ao doutor Antonio Fernández Guiadanese e o informático Carlos Sánchez.

Pilar Lorenzo, Pilar, catedrática de Filoloxía Románica e directora da área de Literatura do Centro Ramón Piñeiro destaca que “non hai en toda Europa e América unha ferramenta igual para a poesía lírica”. Detalla que é a “primeira vez que se transcribiron os testemuños manuscritos tal e como fixeron os copistas”.

Resalta tamén que a documentación verquida na web pode permitir ver como evolucionou a lingua dun cancioneiro a outro porque cada un é dunha época.

Ademais, tamén ve positivo que teña acceso ao traballo de diferentes copistas que interviron nos cancioneiros e os comentarios que fixeron usuarios posteriores.

Cando se entra a ver unha das páxinas transcritas, xunto ao orixinal tamén se mostra a transcripción correxida. Isto é de importancia cando ás veces nos orixinais xuntaban palabras, o que o público alleo á escrita medieval pode non entender.

O traballo deste equipo galego da USC comezou hai 15 anos. “Non tiñamos persoal nin orzamento suficiente”, lembra Pilar Lorenzo quen enfatiza que “o que lle deu o empuxón definitivo foi a concesión dun proxecto (e polo tanto de diñeiro  do Ministerio de Educación no 2020”, nunha iniciativa liderada pola propia Lorenzo e Mercedes Brea.

Lorenzo adiantou que este proxecto vai ter outra fase na que van achegar toda a morfoloxía dos cancioneiros. Detallou que a lingua variou ao longo dos séculos esas variacións lingüísticas non se perceben nas edicións. “Hai resultados que coinciden coa lingua actual e outros desapareceron”, engade. Un exemplo sería analizar como o diptongo oi (da palabra moito) chegou un momento que tivo tamén a forma ui (muito).

Pilar Lorenzo confía que en calquera momento se descubra un pergamiño con cantigas medievais en Galicia que quede nos nosos museos.

Lorenzo confía que en calquera momento se descubra un pergamiño con cantigas medievais en Galicia que quede nos nosos museos. Para ela, non hai que perder a esperanza.

Resaltou que se Colocci non mandara copiar un cancioneiro no século XVI en Roma “o 75% da lírica galegoportuguesa tería desaparecido”.