Tanxugueiras e Fillas de Cassandra únense nunha canción e vídeo

“Quen é a que canta?” está disponible nas plataformas para a súa escoita e visionado dende onte á noite

Sabela, María, Aida, Olaia e Sara, de Tanxugueiras e Fillas de Cassandra.

Sabela, María, Aida, Olaia e Sara, de Tanxugueiras e Fillas de Cassandra. / FdV

Mar Mato

Mar Mato

A colaboración musical entre Tanxugueiras e Fillas de Cassandra xa está disponible para a súa escoita como sinxelo dende onte nas plataformas. Baixo o título de “Quen é a que canta?”, os dous grupos galegos unen as súas melodías nunha canción onde o tradicional e contemporáneo se enfían.

Ata agora, podiamos gozar co tema nas gravacións que houbera do directo do remate da xira Midas no Coliseum da Coruña onde Tanxugueiras e Fillas –as segundas convidadas polas primeiras– actuaron para interpretar a canción con sachos incluídos. Era mediados de decembro do pasado ano.

Unha nova oportunidade para escoitala en directo foi no directo de apertura do novo tour de Fillas de Cassandra, “Últimas dionisíacas”, o pasado 16 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo na cidade olívica.

Alí, Sara e María convidaron a Tanxugueiras para actuaren con elas, o que aconteceu no medio do concerto co público atónito pero tamén no remate cando Aida, Sabela e Olaia volveron ao escenario co resto de artistas convidados –entre os que se atopaban Mondra e o vasco Zetak, entre outros– para pechar con “Mari Carmen”. Esta é unha versión do hit de La Pegatina na que a protagonista en lugar de ter un fillo que vai de after hours e raves pasa a ter unha filla.

No YouTube, tamén podemos atopar o tema cantado ao vivo só por Tanxugueiras en Le Théâtre Montbéliar o 14 de marzo deste ano dentro do festival MA Scène Nationale.

“Quen é a que canta?” é un tema de sororidade entre mulleres artistas que lembra a nenez e os mundos de fantasía para ir medrando e abrindo os ollos ao mundo e á arte.

O vídeo do tema, tamén estreado onte á noite, foi realizado unha vez máis pola produtora audiovisual galega Trece Amarillo, quen lles ten dirixido os video clips “Midas”, “Averno” ou “Figa” ás Tanxugueiras.

Os dous grupos están nominados aos Premios de la Música Independiente: Fillas de Cassandra teñen catro nominacións e Tanxugueiras, tres.