Entrevista | Sabela Maneiro Tanxugueiras

“Tanxugueiras non ten crises; o grupo está por riba do individual”

Terán un parón de tres meses para empezar a preparar o vindeiro disco que será “distinto” aos anteriores

Máis de 8.000 entradas para o Coliseum, case esgotadas

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro (e-d).   | // POLARIDE MA

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro (e-d). | // POLARIDE MA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

O soño de Tanxugueiras non descansa. A piques de esgotar máis de 8.000 entradas no Coliseum na Coruña para o 16 de decembro –só restan 37 por vender e no tendido alto sete–, xa pensan no vindeiro disco que gravarán no 2024. Prometen que será “distinto” ao feito ata agora e veñen de presentar novo single con Ruth Lorenzo. As tres mulleres que revolucionaron España coa súa música galega aparentan ser incombustibles.

–As entradas para o Coliseum voaron.

–Estamos contentísimas. Sabiamos que se ían vender ben pero non tan rápido nin cunha repercusión tan grande. Non o cremos. Ata que chegue ese día non o imos crer. Vai ser o concerto peche da xira de Diluvio. Despois, para o ano comezaremos cun show novo.

–Ides tomar un tempo para preparar novo material?

–Agora mesmo, estamos facendo os concertos e preparando novo material para o espectáculo do ano que vén. Non sabemos exactamente os prazos. Pero gustarianos parar dous mesiños ou tres a xira para seguir preparando cousas, non para descansar.

–Tendes tempo abondo para resetearvos?

–Sempre temos un día ou dous á semana nos cales non temos ensaios nin nada. Case sempre é un día. Cando teño ese día de descanso non collo nin o teléfono.

Tanxugueiras

Tanxugueiras / Polaride

–No anterior peche de xira, no Culturgal en Pontevedra, fixestes un avance da xira que viría despois. Será así no Coliseum?

–Vai haber moitas sorpresas pero non adiantaremos moito do que acontecerá o ano que vén. Vai haber cancións que aínda non saíron á luz e cousas superbonitas que só se van poder vivir ese día e nada máis que ese día. Vai ser un concerto único, non se vai repetir máis.

–O vindeiro disco vai seguir a filosofía de “Diluvio”?

–Estamos traballando moito aínda na idea que queremos. Vai ser como somos Tanxugueiras. Quen coñece a nosa traxectoria sabe que unha proposta non ten que ver con outra. Necesitamos para nós e para o público estar experimentando e aprendendo novas cousas. Vai ser un disco distinto.

– “Més fort” en catalán ao fin ten casa nun disco.

–O tema orixinal é espectacular. Cando nos propuxeron a iniciativa, queriamos estar aí e cantar en cantalán porque Cataluña é tamén a nosa casa. Recíbennos cos brazos abertos.

–Despois de todo o que tendes vivido, como manexades os desentendementos entre vós ou unha minicrise na banda?

–Non soemos ter desentendementos. A verdade é que non hai crises como tal. As tres temos claro que o grupo está por riba do individual. Non hai crise para facer as cousas ou por onde levar o grupo.

–Como foi traballar con Ruth Lorenzo?

–Ruth Lorenzo é compañeira, amiga e unha persoa excepcional. Ten un podería enorme, con empoderamento feminino grande que vai coa nosa ideoloxía e forma de vivir. Foi moi doado traballar con ela. Tiña “Reinas” xa publicada pero quería facer unha versión con nós. Díxonos que fixeramos a canción nosa, con toda a confianza.

–Vós facedes como Xabier Díaz que ensaia unha hora diaria.

–Intentamos formarnos en todo, non só a nivel pandeireta senón a nivel vocal e de estudos de como se produce un tema. As ferramentas de hoxe en día con programas, altofalante e cascos podes facer o que queiras. Dedicámoslle moitas horas á nosa formación, non só en pandeireta, que tamén. Hai xente que a toca mellor ca nós, non somos unhas virtuosas da pandeireta pero cada día intentamos seguir avanzando.

–Con tanta fama, ir a un serán ou unha foliada é complexo, igual vos abafa moito a xente.

–Estamos moi contentas cos fans. Tampouco nos gusta ser o centro de atención nos seráns e foliadas nos que a xente que toca no escenario é a xente que debe ser o foco. Intentamos ir pero cada día é máis difícil. Non disfrutamos de ser o centro de atención.

Suscríbete para seguir leyendo