Entrevista | Mondra Cantautor galego de música tradicional e electrónica

Mondra, o novo fillo do tradi electrónico: “A tradición non é algo metido nunha caixa; está viva”

O artista debuta co disco “ARDÉN”

“Ten un discurso político en moitos sentidos”, sinala o creador que actúa coas Tanxugueiras no Coliseum e o 29 en Compostela

Mondra.

Mondra. / ZELTIA IGLESIAS

Mar Mato

Mar Mato

Mondra é unha das estrelas que comezan a escintilar no universo da música galega. Cunha man na música tradicional e outra nos sons electrónicos contemporáneos –da man de Berto–, presenta o seu primeiro disco, “ARDÉN”, que mañá sae publicado. O nome é o diminutivo do seu apelido, Mondragón. Licenciado en Comunicación Audiovisual na USC, aproveitou o traballo de fin de grao para lanzar o vídeo de “AGHRÚuU”. O venres 29 de setembro lanza a xira FOLíA das ARDENTES na Capitol de Compostela con danza en escena e convidados especiais. En decembro actúa no peche de xira das Tanxugueiras no Coliseum da Coruña.

–Como foron os seus inicios?

–Desde pequeno, estou vencellado a agrupacións culturais relacionadas coa música tradicional galega na zona de Teo, de onde son. Alí, aprendín a tocar a pandeireta, cantar e bailar. En paralelo, funme formando noutras disciplinas das artes escénicas como o teatro e aprendendo a tocar o piano. Todo iso materializouse no meu proxecto actual. A miña primeira experiencia profesional foi con Fran Sieira Compañía de Danza no espectáculo “DeMente” que foi o primeiro que me puxo a cantar no palco de xeito profesional.

–O disco comeza co tema homónimo “ARDÉN”. É a súa aldea, un lugar soñado...

–É un lugar ficticio no que enmarcamos o que acontece e onde se desenvolven as músicas do disco. Ten un factor sorpresa porque non é esperable que Mondra, polas músicas que fomos publicando, teña unha sonoridade máis acústica, menos procesada. ARDÉN é ese lugar onde nos sentimos libres as ardentes, as xentes que formamos parte deste proxecto. Por iso, ao espectáculo lle chamamos a FOLÍA das ARDENTES.

–Toma cantigas tradicionais para, en moitos casos, modificalas.

–Si, moitas veces collemos cantigas tradicionais para adaptalas e contar o que queremos contar dende o 2023. Para nós, é unha maneira de sentir que a tradición está viva. Non se pode sentir que a tradición é algo que se meteu nunha caixa para quedar aí. Miña avoa escoitaba música na radio e logo cando collía a pandeireta misturaba o que escoitara alí co que lembraba da súa nai. Temos moitos instrumentos de procesamento electrónico pero case sempre están as percusións tradicionais: pandeireta, pandeiro cadrado, instrumentos domésticos (culleres, tarteiras...).

Cartel do concerto na Capitol.

Cartel do concerto na Capitol.

–O amor e desamor teñen forte presenza con ollada inclusiva.

–Por exemplo, no tema “sepultura (TICOTÍ) ” falamos de rachar coas barreiras de heteropatriarcado e as relacións monógamas que nos veñen dadas. Enténdese en xeral que unha parella deben ser dúas persoas, home e muller. Nós empregamos a picardía para desmontar iso. Hai unha cantiga que di “persona que anda con dos, no es tonta, es entendida, cuando una vela se apaga, otra queda encendida”.

–Noutros temas fas fincapé en como marmura a xente e na liberdade. Este debería ser o momento idóneo para dar un paso na liberdade real da xente; inda que é complicado porque hai sectores reaccionarios.

–Realmente en “Ardén” falo nun símil da vida real. As ardentes somos nós na vida real e esa xente que non nos quere en liberdade, coas nosas disidencias. É un momento axeitado para lanzar este disco. “ARDÉN” tamén ten un discurso político en moitos sentidos. O tema fala dun lugar diverso no afectivo e sexual. O mesmo acontece en “sepultura (TICOTÍ)”. Tamén en “Ruando” tratamos os afectos e coidados que faltan nas nosas vidas polos ritmos que marca o capitalismo. Tamén trato neste disco a mensaxe do empoderamento da mocidade. O futuro reside na mocidade, estamos para cambiar o mundo e non estar cos brazos cruzados. Está moi presente con “PUNHETA!” coas Fillas de Cassandra. A mocidadade quere loitar por un mundo mellor para nós e para as que veñen detrás.

Mondra

Mondra / Zeltia Iglesias

–Cantou con Fillas de Cassandra.

–Foi por casualidade, a través de Berto, o produtor do proxecto de Mondra e delas. Elas escoitaron a canción “PUNHETA!”, gustoulles moito e xa nos xuntamos para acabalos xuntos. É un dos temas que mellor acollida tivo. A xente cántao a morrer nos concertos.

–Onde se gravou ese vídeo?

–Buscamos lugares que representasen a Ardén e a folía, onde nos sentimos libres. Gravámolo en Teo, en parte na miña casa, en parte na aldea de Lampai.

–A xente maior que aparece é da súa familia?

–Non, non. Son alumnas miñas de pandeireta, Isa e Maruja, que quixeron colaborar connosco.

–Foi difícil dar o paso de cantar?

–Falo diso en “Saco de pulgas”. Foi un paso para atreverme a cantar con toda a forza do mundo pero precisaba liberarme das miñas inseguridades. Eu quero desfacerme das malas linguas para que non me afecte.

–O disco inclúe unha colaboración con Aida (Tanxugueiras).

–Aida máis eu fixemos unha amizade profunda no “DeMente”. Eu convideina a participar en “Ruando” e ela díxome que si. Gustoulle a idea. Ao final, “Ruando” vai sobre eses momentos nos que precisamos descansar e pedir axuda para ser coidadas. Tamén é unha celebración dos momentos escuros das nosas vidas. É a segunda parte de “PUNHETA!”. As ardentes vivimos en liberdade na folía ata que chegan os opresores e nos levan presas. Aida chega para devolvernos a esperanza. O símbolo que se ve no vídeo é o da resistencia para loitar pola liberdade. Gravámolo nunhas antigas canteiras Carballal en Teo.